Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 28 de agosto de 2003 Páx. 11.013

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

BASES do XIII Certame Literario Lingüístico Ricardo Carvalho calero.

Convócase de acordo ás seguintes bases:

Primeira.-O certame constará dos seguintes premios:

-Premio de investigación literaria ou lingüística.

-Premio de creación literaria (narración curta).

Segundo.-Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega, con liberdade normativa.

Terceira.-Os exemplares presentados a calquera dos dous premios deberán ser inéditos. O autor garantirá esta circunstancia no caso de resultar gañador. Para estes efectos, non se considerarán inéditas as teses de doutoramento xa cualificadas.

Cuarta.-Ó premio de creación literaria (narración curta) poderán concorrer unha narración ou un conxunto de contos por autor, que non superen os cen folios en conxunto, sen que se prefixe extensión mínima.

Os traballos presentados ó premio de investigación lingüística terán unha extensión mínima de 50 folios.

En ámbolos dous premios os traballos orixinais deberán estar axeitadamente grampados ou encadernados e os folios deberán conter aproximadamente 200 caracteres.

Quinta.-Os orixinais e cinco copias máis deberán ser enviados, no prazo dun mes contado desde a publicación das bases no DOG, ó Concello de Ferrol, rexistro xeral, co correspondente título e lema, indicando no sobre XIII Certame Carvalho Calero, cun remite que sexa exclusivamente o lema.

Así mesmo, en sobre á parte, constarán os datos persoais, número de conta corrente, un currículum breve, enderezo, teléfono e DNI dirixido ó Concello de Ferrol XIII Certame Carvalho Calero e un remite que será exclusivamente o lema.

Sexta.-Non poderán concursa-los premiados en calquera das dúas modalidades ata cinco anos despois de que lles fose outorgado o premio.

Sétima.-A dotación para cada unha das modalidades será de 3.606 euros, impostos incluídos. Ademais, os traballos serán publicados polo Concello de Ferrol. Respectaranse os orixinais presentados, incluída a normativa lingüística. A entidade convocante reserva para si os dereitos de autor na primeira edición; a partir da segunda, as obras premiadas pasan a ser propiedade do seu autor, que deberá facer constala condición de gañador do premio Carvalho Calero na modalidade que corresponda.

No caso de tratarse do premio de investigación lingüística, atribuénselle ó xurado a facultade de determina-lo tipo de publicación, segundo corresponda á natureza do traballo.

Oitava.-O xurado estará composto por cinco membros propostos pola comisión organizadora, entre os que figurará o gañador ou gañadores da edición anterior, presididos polo alcalde-presidente do Concello de Ferrol ou persoa en quen delegue.

Unha vez rematado o certame, darase conta ó concello pleno das actas levantadas polo xurado, ás que se deberá ate-la totalidade dos solicitantes (tanto incluídos como excluídos) así como á súa decisión.

A entrega de premios farase coincidir coa data en que se conmemora o aniversario do pasamento do profesor Carvalho Calero.

As obras non premiadas devolveránselles ós seus autores nun prazo estimado de dous meses a partir do dictame do xurado, que será dado a coñecer con anterioridade ó día de entrega dos premios.

Novena.-A interpretación destas bases correspóndelle unicamente ó xurado. Polo simple feito de participar neste concurso, o autor comprométese a acatalas. Os premios poderán quedar desertos no caso de que o xurado considere que as obras non teñen a calidade mínima esixible. O xurado poderalle outorgar mención a algún traballo sen que isto supoña achega económica ningunha. Non se poderá conceder ningún premio ex aequo.

Disposición adicional

Facúltase o alcalde-presidente do Concello de Ferrol para a adaptación destas bases ás necesidades organizativas sen que tales adaptacións poidan supor, en ningún caso, modificación substancial do seu contido.

Disposición derradeira

A Sociedade Cultural Medulio ten a condición de sociedade colaboradora na organización deste premio.

O alcalde

Rubricado