Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 13 de agosto de 2003 Páx. 10.573

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da revisión e interpretación de varios artigos do convenio colectivo do sector de hostalería.

Vista a acta de revisión e interpretación de varios artigos do convenio colectivo do sector de hostalería, con nº de código 3600765, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-6-2003, subscrita pola comisión paritaria do convenio, o 2-6-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 12 de xuño de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Acta da comisión paritaria do convenio colectivo de hostalería da provincia de Pontevedra

En Vigo, 2 de xuño de 2003, nos locais sociais da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería, sitos na r/ García Barbón, 90-1º D. Vigo, sendo as 17.00 horas, reúnense as personas da comisión paritaria que se detallan a seguir, na súa condición de membros da comisión paritaria do convenio colectivo de hostalería da provincia de Pontevedra.

Asistentes:

María del Tránsito Fernández Fernández: CIG.

José Antonio Boullosa Gómez: UGT.

Santiago Martín Iglesias: CC.OO.

José Manuel Barbosa Suárez: Asehospo.

Carlos Rodríguez Cerdeira: Feprohos.

Orde do día.

Revisión e interpretación de varios artigos do actual convenio colectivo.

Artigo 8º.-Contratacións.

A comisión aclara, en canto ó parágrafo 3º, que no referente ás indemnizacións por finalización dos contratos eventuais: por circunstancias da producción; contrato de obra ou servicio determinado; contrato de substitución por anticipación da idade de xubilación e contrato de substitución, terán a indemnización que figura no actual convenio colectivo.

En relación con este mesmo artigo, a comisión paritaria acorda que a redacción do parágrafo 4º, queda como segue:

Contratos formativos (artigo 11, punto 2, letra c) da Lei do Estatuto dos traballadores (LET). En ningún caso, a duración mínima pode ser inferior a 6 meses (seis), nin a máxima superior a 3 anos (tres), e a súa retribución será o 80%, o primeiro ano de contrato e o 85% dos dous seguintes, calculado sobre o salario fixado en convenio para a categoría en que se vai forma-lo traballador, sen complementos, por telo acordado así nas negociacións deste convenio.

Artigo 36º.-Complementos por IT.

A comisión paritaria acorda que co fin de aclara-lo contido do parágrafo 3º, este queda redactado como segue:

No suposto de enfermidade profesional, accidente laboral e hospitalización do traballador/a, a empresa, mentres estea en vigor o seu contrato de traballo con ela, e polo período máximo de 18 meses, aboará o 100% do salario de cotización á Seguridade Social, desde o primeiro día de baixa, nos dous primeiros casos, ou desde o día da hospitalización e mentres dure esta no terceiro, sen ter en conta a contratación de suplente.

Artigo 39º.-Premios.

A comisión paritaria, en canto a este artigo, engade, o seguinte parágrafo:

As partes negociadoras aclaran expresamente que ningún dos premios deste artigo teñen carácter de externalizable.

Establecementos da sección 7ª.

A comisión paritaria aclara que, por omisión na redacción dada ó actual convenio, as categorías de ord.,sal-port.acc e serv., terán os niveis salariais 21, para primeira e segunda categoría e 25, para a terceira e cuarta.

Asinado representación empresarial:

José Manuel Barbosa Suárez.

Carlos Rodríguez Cerdeira.

José Gago Blanco (secretario de actas).

Asinado representación sindical:

Santiago Martín Iglesias.

José Antonio Boullosa Gómez.

María del Tránsito Fernández.