Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 12 de agosto de 2003 Páx. 10.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 31 de xullo de 2003 sobre axudas ós alumnos que complementen a súa formación en portos con estadías nos centros oficiais dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos: Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo, Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol e Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, que ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Real decreto 662/1997, do 19 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exerce-la actividade profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

A Orde do 8 de setembro de 1998, pola que se regula o procedemento para a obtención dos títulos de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

O Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos atribúe á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potencia-la calidade da formación da poboación mariñeira, é necesario artella-las accións que faciliten o acceso á formación náutico-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos. Neste sentido, é fundamental a dotación de axudas ó transporte e manutención para os alumnos de formación en portos que cursen as titulacións de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

En virtude das atribucións conferidas no artigo 24 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo para os alumnos que complementen a súa formación en portos con estadías obrigatorias en centros oficiais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos nas titulacións de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

O financiamento deste programa de axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.1, Formación Profesional Naútico-Pesqueira, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003 ata un límite máximo de 94.845 euros. Esta orde regula a súa concesión dentro dos procesos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas tódolos alumnos matriculados nos cursos en portos autorizados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para obtención das titulacións de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente que complementen a súa estadía formativa en centros oficiais desta consellería.

Artigo 3º.-Estadías formativas.

O número máximo de estadías formativas obrigatorias para os alumnos que cursen as titulacións de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente en aulas de portos nos centros oficiais desta consellería serán de:

a) 5 días para os alumnos de cursos de patrón local de pesca.

b) 10 días para os alumnos de cursos de patrón costeiro polivalente.

Artigo 4º.-Clases.

As axudas poderán te-los seguintes compoñentes:

a) Axudas para gastos derivados por razón da distancia entre a sede social da confraría solicitante do curso e o centro oficial de ensino (transporte).

b) Axudas de manutención para os alumnos que teñan que face-la comida fóra do seu domicilio (comedor).

Artigo 5º.-Contía das axudas.

5.1. As axudas por razón da distancia no transporte diversificaranse na súa contía segundo a seguinte escala:

-Dentro dun raio de 15 km: 6 euros/día asistido, ata un máximo de 60 euros.

-De 16 a 30 km: 12 euros/día asistido, ata un máximo de 120 euros.

-De 31 a 60 km: 18 euros/día asistido, ata un máximo de 180 euros.

-De 61 a 100 km: 24 euros/día asistido, ata un máximo de 240 euros.

-Máis de 100 km: 30 euros/día asistido, ata un máximo de 300 euros.

5.2. As axudas de manutención defínense como os gastos derivados da comida do mediodía do alumno fóra do seu domicilio habitual por razón da distancia ó centro oficial.

A contía máxima da axuda de manutención será de 70 euros.

Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para reaxusta-la contía das axudas en función do orzamento dispoñible.

Artigo 6º.-Solicitude das axudas.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación desta orde e rematará o 14 de novembro. Non obstante, os alumnos participantes nun determinado curso que soliciten as axudas deberán formaliza-lo impreso oficial que figura no anexo I desta orde cun mínimo de 15 días de antelación ó comezo da estadía no centro.

Xunto coa solicitude os beneficiarios das axudas deberán presentar unha declaración responsable de que non solicitaron nin van solicitar outra axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

As solicitudes, que irán dirixidas á directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, poderán presentarse na mesma dirección xeral, nas delegacións territoriais e comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, de réxime xurídico da administración pública e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999).

O prazo máximo para a resolución da concesión das bolsas será de 15 días a partir do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 7º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, á vista do informe emitido polo Servicio de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueira, dictará resolución na que aprobe as axudas solicitadas, que se publicará nos taboleiros de anuncios da delegación territorial correspondente desta consellería e da confraría a que pertenzan os alumnos solicitantes, antes do inicio das actividades formativas nos centros oficiais.

Contra esta resolución poderase interpoñer, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992,

modificada pola Lei 4/1999, recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da citada resolución.

Artigo 8º.-Pagamento.

O pagamento das axudas concedidas farase dunha soa vez, unha vez rematada a estadía no centro oficial, logo do certificado do servicio competente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, logo do informe do director do centro de que os beneficiarios asistiron regularmente ás actividades programadas e comprobada a asistencia do beneficiario ó curso nos termos establecidos regulamentariamente.

Os beneficiarios das axudas deberan presentar unha declaración complementaria de que non percibiron nin están pendentes de percibir outra axuda para a mesma finalidade precedente de calquera outra Administración ou ente público.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos