Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 11 de agosto de 2003 Páx. 10.475

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de seis prazas de analistas vacantes no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión de seis prazas vacantes de analistas, números 9, 11, 12, 99, 126 e 172 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado polo Consello de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001,

do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades dos servicios informáticos,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir seis prazas de analistas, grupo I, de acordo coa seguinte distribución: tres prazas polo sistema xeral de acceso libre e tres prazas polo sistema de promoción interna. As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse ás de acceso libre. Os aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia acompañarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (vicerrectorado do campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes pola quenda libre deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 36 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade,

referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou en condicións de obtela na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu estado, o acceso á función pública.

2.2. Na quenda de promoción interna poderán participa-los traballadores laborais fixos da universidade que pertenzan a categoría distinta á das prazas obxecto de provisión e que dispoñan da titulación ou formación que os habilite para o desenvolvemento profesional das prazas ofertadas.

2.3. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalías que o tivesen demandado na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de analistas poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal, na súa constitución, composición e funcionamento, aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada

pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, sen número).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano no que se realice a proba.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueloutros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, de se-lo caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo respecto do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitiralle ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumprimentados debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, serán contratados como analistas.

Os seleccionados pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes.

10.3. O período de proba será de tres meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade teñan desempeñado funcións de analistas na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), e modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 24 de xuño de 2003.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Analistas

Procedemento de selección

* Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios para os de quenda libre. Os aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentos do exercicio de galego.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa nos módulos I e II.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos específicos, elixidos de entre seis propostos polo tribunal relacionados coa parte específica do programa, módulos III e IV.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos dúas horas para resolve-los supostos.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

a) Quenda de acceso libre: a cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3 x nota 1º exerc. + 0,6 x nota 2º exerc. + 0,1 x nota 3º exerc.) x 7, polo que terá un valor máximo de 70 puntos.

b) Quenda de promoción interna: a cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3 x nota 1º exerc. + 0,7 x nota 2º exerc.) x 7, polo que terá un valor máximo de 70 puntos.

* Fase de concurso.

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 30 puntos, os seguintes méritos:

1. Servicios prestados na categoría profesional de analista:

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña en réxime de contrato temporal, a razón de 0,50 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 20 puntos.

b) Os servicios prestados noutras administracións públicas, a razón de 0,20 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

2. Cursos impartidos por organismos públicos o empresas de prestigio reconocido relacionados con temas del programa específico, hasta un máximo de 10 puntos.

-Cursos de más de 20 horas: 2 puntos.

-Cursos entre diez y veinte horas: 1 punto.

* Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada punto, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fose suficiente

á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fose suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 da presente convocatoria.

ANEXO II

Analistas de informática

Programa das probas

* Módulo I. Lexislación universitaria e informática.

1. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de Goberno.

Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: consello social, claustro, consello de goberno, xuntas de centro, consellos de departamento...

2. O persoal docente e investigador.

Clases e réxime xurídico do profesorado universitario.

3. O persoal de administración e servicios.

Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

4. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña. Estudios de 1º e 2º ciclo.

Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

5. Informática e lexislación.

Dereito á intimidade. Lei orgánica de protección de datos (LOPD). Disposicións, principios e dereitos. A axencia de protección de datos. A protección xurídica do software. Lei de servicios da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSI).

* Módulo II. Fundamentos.

1. Estructura da información.

Sistemas de numeración. Sistemas de codificación. Estructura de datos. Representacións redundantes: corrección de erros. Compactación da información.

2. Arquitectura de ordenadores.

Concepto de computador, computadores dixitais. Unidade central de proceso.

3. Sistemas de entrada/saída.

Periféricos, terminais, impresoras, outros periféricos. Comunicación entre a UCP e os periféricos. Control dos periféricos. Prioridades. Interrupcións.

4. Linguaxes e contornos.

Concepto e evolución histórica. Xeracións das linguaxes de programación. Análise comparativa das linguaxes máis difundidas. Linguaxe C. Linguaxes

de cuarta xeración. Linguaxes orientadas a obxectos. Delphi. Contornos de desenvolvemento web.

5. Sistemas operativos.

Concepto de sistema operativo. Estructura. Tipos de sistemas operativos. Deseños e implementación de sistemas operativos. Xestión de procesos polo sistema operativo. Xestión de memoria. Xestión do sistema de arquivos. Xestión do sistema de entrada/saída. Multiprocesadores e sistemas distribuídos.

6. Os sistemas operativos Unix e Windows.

Concepto. Evolución. Tendencias. Características principais.

7. Bases de datos.

Concepto. Deseño. Integridade, seguridade, independencia e control de redundancia. Tipos de bases de datos. Modelo conceptual. Modelo relacional. Deseño de base de datos relacionais. Bases de datos orientadas a obxectos. Datawarehouse. SQL. Bases de datos documentais.

8. Sistemas xestores de bases de datos.

Sistemas xestores de bases de datos. Evolución histórica. Sistemas xestores de bases de datos relacionais. Características fundamentais. Control de concorrencia. Xestión transaccional. Recuperación.

9. Transmisión de datos.

Concepto de transmisión de datos. Tipos de transmisión. Elementos de rede.

10. Tipos de redes.

Tipos de redes. Clasificación por topoloxía. Clasificación por tecnoloxía. Conmutación de circuítos. Conmutación de mensaxes. Conmutación de paquetes.

11. Sistemas abertos.

O modelo de sistemas abertos. Conceptos básicos. Funcións dos distintos niveis.

12. Redes locais.

Integración de sistemas heteroxéneos. O modelo Ethernet. Protocolo TCP-IP. Fast Ethernet, Gigabit Ethernet, redes inalámbricas.

13. Enxeñería do software.

Fundamentos de deseño de software. Métodos de análise de requerimentos. Deseño orientado a obxectos. Estratexias de proba.

14. Internet.

Creación, evolución, características. Redes soporte. Proveedores de servicio. Intranet. Extranet.

15. Organización dun centro de sistemas de información.

Funcións e responsabilidades. Planificación e control de recursos humanos e técnicos. Dirección de proxectos.

Parte específica

* Módulo III. Xestión.

1. A planificación informática.

A planificación informática. Esquema xeral dun plano informático. Metodoloxías de planificación informática.

2. Teoría de sistemas de información.

Concepto básico. Elementos dos sistemas de información. Obxectivos dos sistemas de información. Métodos de modelización de procesos. Método de modelización de datos.

3. Proxecto informático.

O proxecto informático, ciclo de vida. Fases de execución. Documentación. Técnicas de planificación, seguimento e control.

4. Auditoría informática.

A auditoría interna e externa. Auditoría de sistemas e de procedementos. Indicadores de rendibilidade.

5. Metodoloxías de construcción de sistemas de información.

Modelización de sistemas de información. Métodos de modelización de procesos. Métodos de modelización de datos. Principais metodoloxías de desenvolvemento: métrica, metodoloxías orientadas a obxectos, UML.

6. Metodoloxía da programación.

Leis de construcción de programas. A programación estructurada. Programación orientada a obxectos. Modelado de aplicacións. Ferramenta RAD e linguaxes de programación. Prototipado de aplicacións.

7. Programación cliente-servidor.

Programación cliente/servidor. Modelos. Características e deseño.

8. Desenvolvemento en Internet.

Páxinas ASP, JSP, java, scripts de cliente.

9. Explotación e mantemento de sistemas de información.

Xestión da configuración do software. Ferramentas de apoio. Tendencias da enxeñería do software. Enxeñería inversa e reenxeñería.

10. Xestores de bases de datos: Informix, Oracle, SQL-Server.

Informix, Oracle, SQL-Server: administración e explotación, ferramentas de desenvolvemento, procedementos almacenados e triggers, monitorización, mecanismos de optimización, paralelización, seguridade, privilexios e roles, distribución de datos.

11. A garantía de calidade no proceso de producción de software.

Calidade en enxeñería do software. Niveis de calidade. Sistemas de calidade. Modelos de avaliación. Métricas do software.

12. A informática de xestión na Universidade da Coruña.

Aplicacións informáticas de xestión académica, xestión económica, xestión de persoal, xestión de biblioteca. Autoxestión.

13. Hipertexto e hipermedia.

Hipertexto e hipermedia. HTML: elementos básicos, extensións en navegadores. DHTML, XML. Multimedia, conceptos xerais.

14. Seguridade informática.

Seguridade informática. Medidas de seguridade en contornos conectados a Internet. Autenticación. Encriptación.Certificados dixitais e firma electrónica. Tarxeta intelixente.

* Módulo IV. Sistemas e redes.

1. Tipos de sistemas informáticos.

Grandes ordenadores. Servidores medios e ordenadores persoais. Clusters.

2. Ocupación e mantemento de equipos.

Política de mantemento de equipo hardware.

Mantemento da estructura física dun centro de proceso de datos. Requirimentos. Equipos eléctricos. Estatísticas de ocupación. Custos.

3. Sistemas operativos UNIX e Open-VMS.

Sistemas operativos UNIX (HPUX, Solaris, True 64 e Linux) e Open-VMS: administración. Configuración. Monitorización. Shell Scripts.

4. Sistemas operativos Windows-NT/2000.

Sistemas operativos Windows-NT/2000. Características. Configuración e mantemento hardware. Instalación e configuración de protocolos de rede.

5. Sistemas de xestión de bases de datos.

Informix: administración. Configuración cliente/servidor. Seguridade.

Oracle: administración. Configuración cliente/servidor. Seguridade.

SQL-Server: administración. Configuración cliente/servidor. Seguridade.

6. Integración de sistemas en rede.

Integración de sistemas en rede. NFS. NIS. DNS, DHCP.

7. Servicios de rede.

Arquitectura cliente/servidor. Transferencias de ficheiros, acceso remoto, transmisión de datos http. Correo electrónico. Servicio de directorio, LDAP. Videoconferencia.

8. Elementos de rede.

Tipos de cableado: características. Equipos activos.

9. Xestión de redes.

Monitorización de redes. SNMP, RMON.

10. Protocolo de comunicación TCP/IP.

Protocolo de comunicación TCP/IP. Niveis e tendencias.

11. Redes.

Redes RTC. X25. RDSI. Ethernet. FDDI. Frame Relay e ATM. ADSL e redes de cable. A rede da Universidade da Coruña: estructura, organización e servicios ofrecidos.

12. Medidas de seguridade.

Medidas de seguridade: físicas, técnicas, (identificación e autenticación, control de accesos, control de fluxo de datos, no repudio, notarización, auditoría), organizativas e legais. Plan de continxencias e recuperación de desastres. FireWalls. Proxys. Virus.

13. Certificacións de seguridade.

Técnicas criptográficas. Claves simétricas e asimétricas. Certificados dixitais, terceiras partes confiables, firma dixital.

ANEXO III

Analistas

Tribunal cualificador

* Titulares.

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

-Rafael García Vázquez, catedrático de escola universitaria.

-Jesús Cardenal Carro, profesor titular de universidade.

-Eva Domínguez Costas, representante do comité de empresa.

Mª José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.

* Suplentes.

Presidenta: Rosa Mª Fernández Esteller, vicerrectora de Innovación Tecnolóxica.

Vocais:

-Juan Manuel Ares Casal, profesor titular de universidade.

-Nieves Rodríguez Brisaboa, profesora titular de universidade.

-Rogelio Lage Vázquez, representante do comité de empresa.

-Alberto Núñez Cardezo, representante do comité de empresa.