Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 11 de agosto de 2003 Páx. 10.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 29 de xullo de 2003 pola que se convocan os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2003.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten como unha das súas prioridades fomentar e divulgar todas aquelas accións relacionadas co sector agroalimentario galego que pola súa especialidade e relevancia merezan ser coñecidos por toda a sociedade.

No ano 2002 creáronse os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que recollían o desexo da Xunta de Galicia de incentiva-la difusión de traballos de contido agrario e alimentario, valora-las actividades desenvolvidas por agricultores novos galegos, valora-lo papel da muller no medio rural, a mellora da calidade dos productos agroalimentarios galegos e o esforzo, tanto persoal de agricultores e gandeiros como empresarial de industrias e cooperativas agrarias, para a posta en marcha de procesos de modernización no eido agrario. Así como recoñece-la traxectoria e o esforzo realizado por persoas ou entidades ó longo da súa vida profesional, cun continuado e relevante labor no ámbito agrario ou alimentario da nosa Comunidade Autónoma. Para dar continuidade ó labor emprendido

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convoca-los premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural «Premios Agrarios 2003» e aproba-las súas bases, que se publican como anexo I a esta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

Os gastos que se deriven serán sufragados con cargo á partida 09.04.615A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2003.

O importe global máximo para o ano 2003 é de 40.000 euros.

Artigo 3º.-Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Contra esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da súa publicación, sen prexuízo de que se poida interpoñer recurso potestativo de reposición ante este órgano, no prazo dun mes contado a partir do seguinte á súa publicación, cos efectos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2003.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural 2003:

Primeira.-Finalidade.

Os premios da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural pretenden recoñecer e valorar iniciativas no eido da investigación e da información e divulgación agraria, actividades desenvolvidas polas mulleres e os mozos no mundo agrario, o esforzo do mundo cooperativo e a procura da excelencia na calidade agroalimentaria.

Así mesmo, preténdese recoñece-la traxectoria profesional de persoas ou entidades na súa dedicación ó mundo agrario.

Segunda.-Modalidades.

Establécense as modalidades de premios que se describen a seguir:

1. Labor informativo e/ou divulgador. Valorarase o traballo realizado neste senso sobre temas agrarios e alimentarios de Galicia difundido nos medios de comunicación escrita, radio, televisións e Internet.

2. Traballo de investigación. Valoraranse os traballos de investigación ou experimentación sobre temas agrarios ou alimentarios de Galicia.

3. Muller rural emprendedora. Este premio está dirixido a tódalas mulleres que realicen actividades relacionadas co desenvolvemento rural en Galicia.

4. Iniciativa de agricultor novo. A convocatoria deste premio vai dirixida ás persoas físicas menores de 40 anos, residentes en Galicia e que fagan máis de 3 anos que se teñan incorporado á actividade agraria levando a cabo iniciativas de modernización na nosa agricultura.

5. Cooperativa agraria. Este premio vai dirixido ás cooperativas agrarias que actúen no territorio da comunidade galega. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente as iniciativas postas en marcha, ademais da traxectoria da entidade.

6. Calidade alimentaria. A convocatoria deste premio diríxese ás empresas agroalimentarias galegas que polo seu esforzo acadasen, no seu conxunto, uns niveis de calidade tanto nos temas de innovación, producto, sanitario, ambiental e outros.

7. Distinción honorífica. Este premio vai dirixido a persoas ou entidades que de xeito relevante teñan dedicado a súa actividade ó mundo agrario ou alimentario galego.

Terceira.-Documentación necesaria.

Tódalas candidaturas irán acompañadas da seguinte documentación:

-Solicitude asinada segundo o modelo (anexo II).

-Fotocopia do DNI do solicitante ou representante.

-Fotocopia do NIF da empresa.

-Memoria explicativa das actividades feitas.

-Documentación que acredite a personalidade do solicitante.

-Documentación acreditativa das actividades realizadas que permitan valora-la candidatura.

-Declaracións, se é o caso, de non ter sido obxecto de resolución sancionadora firme por falta grave ou moi grave nos últimos catro anos.

Cuarta.-Participación nas modalidades 1 e 2.

1. Ó premio ó labor informativo e/ou divulgador poderán opta-los autores dos traballos publicados ou emitidos desde o 11 de setembro de 2002 ata a data de remate do prazo de presentación de solicitudes en calquera medio de comunicación, así como os autores de obras de estudio editados nese prazo.

2. Poderán optar ó premio ó traballo de investigación os autores que presenten obras inéditas en calquera idioma oficial da Comunidade Autónoma galega e que teñan sido feitos ou presentados desde o 11 de setembro de 2002 ata a data de remate do prazo de presentación de solicitudes, debendo ir acompañados dun certificado do director do estudio ou do investigador principal.

3. Os autores dirixirán dúas copias (fotocopias, vídeos, gravacións...) indicando a que premio opta. Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, haberá que presentar un certificado que acredite quen é o autor. No caso de traballos radiados ou televisados presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.

Unha vez realizado o veredicto destes premios, os orixinais non premiados quedarán ó dispor dos seus autores.

Quinta.-Participación na modalidade 7.

En relación coa participación na modalidade 7, distinción honorífica, só se admitirán aquelas propostas de candidatos que veñan avaladas por entidades, asociacións ou colectivos, e acompañadas dunha memoria, informe ou calquera outro documento que resulte explicativo das motivacións e méritos que se consideren concorrentes na persoa ou entidade que se propón.

Os membros do xurado poderán presentar candidaturas nesta modalidade acompañándoas da correspondente memoria ou informe.

Sexta.-Fases.

1. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde ata o 30 de setembro de 2003 na Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, situada no edificio administrativo San Caetano, 15771 Santiago de Compostela, ou por calquera dos procedementos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións e do procedemento administrativo común.

2. Admisión.

Non se admitirá ningunha candidatura á que se lle teña seguido un expediente sancionador rematado con resolución firme, por calquera das administracións públicas españolas, nos catro anos anteriores á data da presentación da solicitude.

A adxudicación de premios a quen non reúna este requisito considérase nula, e disto derivaranse as responsabilidades que correspondan.

3. Xurado.

O xurado ou xurados para a adxudicación destes premios serán nomeados polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e constituirano persoas de recoñecido prestixio.

A decisión do xurado elevarase ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, quen dictará as resolucións de adxudicación dos premios.

As decisións do xurado ou xurados serán inapelables e o premio ou premios que considere oportunos poderán ser declarados desertos.

4. Entrega.

A resolución e a entrega dos premios farase nun acto público, en lugar e data que se dará a coñecer no seu momento.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación incondicional destas bases.

Sétima.-Dotación dos premios.

Para cada unha das categorías concederase un premio de 3.000 euros, ademais dun trofeo orixinal e dun diploma acreditativo.

Oitava.-Publicidade das actuacións.

Os premiados só poderán facer mención do premio nas súas accións de promoción e publicidade, indicando a modalidade, o ano de concesión e o órgano convocante. En todo caso, estas accións de promoción e publicidade axustaranse á normativa vixente na materia.

Novena.-A Xunta de Galicia poderá utiliza-los traballos dos premiados para levar a cabo labores de difusión deles entre os demais axentes do sector. Este labor pode incluír elaboración de publicacións coas indicacións da documentación presentada.