Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 04 de agosto de 2003 Páx. 10.153

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

As permanentes e cada vez máis dinámicas transformacións económicas e tecnolóxicas operadas nos sistemas de producción de bens e servicios, así como os cambios xurdidos nas estructuras de organización empresarial, inciden na modificación das cualificacións profesionais e nas competencias que as conforman, o que xera a necesidade de contar con recursos humanos cualificados e permanentemente actualizados. En consecuencia, a formación profesional constitúe unha actuación imprescindible para a procura destes recursos humanos que esixe o sistema productivo sendo, polo tanto, unha parte fundamental das políticas activas de emprego.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, aborda a reforma estructural do subsistema de formación profesional xestionado polas administracións educativas e senta as bases para que este subsistema se oriente cara á súa integración cos outros dous subsistemas existentes, formación profesional ocupacional e formación profesional continua. Así, no seu artigo 30.1º establece a obriga das administracións públicas de garantiren a coordinación da oferta de formación profesional nos tres subsistemas.

A Lei 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional (BOE do 20 de xuño) no seu artigo 11 prevé a creación de centros integrados de formación profesional e no seu artigo 10.1º establece que este tipo de centros impartirán as ofertas formativas relativas ós títulos e certificados de profesionalidade referidas ó Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Asemade, o artigo 11.4º establece que as administracións, no ámbito das súas competencias, poderán crear e autoriza-los devanditos centros de formación profesional coas condicións e requisitos que se establezan.

O II Programa Nacional de Formación Profesional aprobado polo Consello Xeral de Formación Profesional do Estado e aprobado polo Goberno para 1998-2002, establece entre os seus obxectivos básicos o desenvolvemento dun sistema integrado de formación e inserción profesional e a garantía da calidade da formación profesional, así como a súa avaliación e o seu seguimento.

O Plan Galego de Formación Profesional, elaborado no seo do Consello Galego de Formación Profesional, ratificado polo Pleno do citado consello na sesión ordinaria do día 30 de maio e aprobado

polo Consello da Xunta de Galicia o día 27 de xuño de 2001, contén as directrices que rexerán as ensinanzas profesionais na Comunidade Autónoma galega ata o ano 2006 e constitúe o instrumento básico que garante á poboación a consecución dunha cualificación axeitada ás demandas do tecido productivo, como fin último cara ó pleno emprego.

O Sistema Integrado de Cualificacións e Formación Profesional, que se establece no plan galego, ten precisamente como unha das accións importantes a creación dunha rede de centros integrados de formación profesional que facilite a oferta modular integrada de formación profesional, a permeabilidade da oferta institucional de formación, co fin de impulsa-lo máis posible os esforzos de cualificación das persoas.

Esta rede de centros será a estructura formativa que, tal e como indica o dito plan, lles oferte ós mozos e á poboación activa programas de formación asociada ó Sistema de Cualificacións, estreitamente vinculados cos principais sectores productivos que demandan cualificacións e formación profesional en Galicia. Os ditos centros integrados, ademais de ofreceren programas de formación en diferentes modalidades (FP regrada, FP ocupacional, FP continua, iniciación profesional, apoio á aprendizaxe, etc.) deberán manter unha estreita conexión cos centros de traballo e desenvolverán actividades de innovación e desenvolvemento da formación profesional, de formación do profesorado, de avaliación da competencia e de información e orientación profesional.

O Plan Galego de Formación Profesional indica expresamente que a perentoria necesidade de atende-las crecentes demandas de formación profesional esixe a adopción de respostas eficaces a curto prazo, que procuren o incremento de recursos formativos para facer fronte a elas e faciliten o aproveitamento do carácter complementario que teñen as accións formativas. A este respecto, a Comunidade Autónoma de Galicia aproveitará o rendemento máximo que pode ofrece-lo potencial de recursos formativos constituído polos centros públicos, tanto dependentes da Administración laboral, como da educativa.

A Xunta de Galicia, no marco do Plan Galego de FP, creou a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, mediante o artigo 37 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo (DOG do 2 de maio), quedando adscrita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tendo como funcións, entre outras, a coordinación dos centros integrados e promove-la súa oferta. Precisamente a creación destes centros, e tal e como reflicte o plan galego, será establecida pola citada axencia, logo de informe do Consello Galego de FP.

A autonomía e a flexibilidade organizativa constitúen un piar fundamental para a efectividade dos

centros integrados de formación profesional, fundamentalmente nos ámbitos de xestión e pedagóxico, debido á natureza da oferta formativa, á necesidade de dar respostas inmediatas de cualificación e mesmo á súa propia función innovadora.

A autonomía dos centros con carácter xeral está recollida na Constitución española, que prevé no seu artigo 27.7º a intervención dos profesores, pais e, se é o caso, dos alumnos no control e a xestión dos centros de ensino sostidos pola Administración educativa con fondos públicos, nos termos que a lei estableza. Asemade, a autonomía dos centros docentes é un principio xa recollido (como autonomía pedagóxica) no artigo 2.3º f) da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, desenvolvéndose nos artigos 57 e 58, ampliándose ós ámbitos organizativos e de xestión, á vez que enconmenda ás administracións educativas o fomento desa autonomía.

Para poñer en marcha o Sistema Integrado de Cualificacións e Formación Profesional previsto no Plan Galego de Formación Profesional, o presente decreto crea unha rede de centros integrados de formación profesional con carácter experimental, constituída inicialmente por seis centros que responden ás carácterísticas propostas polo Consello Galego de Formación Profesional, pero que se ampliará posteriormente mediante o acceso daqueles centros que o soliciten no marco da convocatoria pública que se realizará no desenvolvemento normativo da presente norma.

A oferta formativa terá como base os ciclos formativos e certificados de profesionalidade vixentes en canto non se desenvolva o catálogo modular integrado, sen prexuízo de poder ofrecer, con carácter experimental, outras actividades relacionadas coas cualificacións de marcado carácter estratéxico para a economía galega.

En consecuencia, por iniciativa do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, logo do informe favorable do Consello Galego de Formación Profesional, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto do presente decreto é a autorización, con carácter experimental, e a regulación como centros integrados de formación profesional, daqueles centros que ofrezan formación profesional inicial ou regrada, formación profesional continua e formación

profesional ocupacional no marco do artigo 11.4º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Artigo 2º.-Centros integrados de formación profesional.

Terán a consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que ofrezan e impartan formación profesional inicial ou regrada, formación profesional continua e formación profesional ocupacional.

A súa oferta formativa estará dirixida a colectivos destinatarios dos tres subsistemas indistintamente e estará referida ó Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

En canto non se desenvolva o referido Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional terá como base os ciclos formativos e certificados de profesionalidade vixentes, sen prexuízo de poder ofrecer, con carácter experimental, outras actividades relacionadas coas cualificacións de marcado carácter estratéxico para a economía galega.

Artigo 3º.-Obxectivos que perseguen os centros integrados.

Os centros integrados de formación profesional terán, entre outros, os seguintes obxectivos:

1. Asegura-lo desenvolvemento das funcións xerais do sistema de formación profesional que expresamente se lles encomenden, relativas á formación do profesorado, á información e orientación profesional ou á innovación e desenvolvemento da didáctica da formación profesional.

2. Asistir tecnicamente ós restantes centros de formación profesional na elaboración de materiais e caracterización de equipamentos didácticos de referencia, así como no desenvolvemento da formación en centros de traballo (FCT).

3. Reforza-los vínculos entre o sistema formativo e o sistema productivo.

4. O aproveitamento de recursos formativos públicos, xestionados de forma integrada.

5. Atende-las necesidades de cualificación do sistema productivo galego máis inmediatas ou potencialmente emerxentes, así como as relacionadas cos novos viveiros de emprego.

Artigo 4º.-Funcións básicas e comúns a tódolos centros integrados.

Son funcións básicas dos centros integrados de formación profesional:

1. Ofrecer e impartir de forma integrada formación profesional dos tres subsistemas e diferentes modalidades de formación profesional.

2. Desenvolver un plan de mellora continua para o centro e fomentar esta experiencia noutros centros con oferta e características similares.

3. Desenvolver un plan estratéxico de relacións coas empresas do sector ou sectores productivos ou familias profesionais relacionadas coa súa oferta integrada de formación profesional, coa participación dos órganos de representación existentes nas empresas legalmente constituídos.

4. Promover, apoiar e desenvolver accións de formación continua do profesorado ou de formación de formadores dos tres subsistemas de formación profesional.

5. Aquelas outras funcións atribuídas a este tipo de centros no marco do desenvolvemento da presente normativa.

Artigo 5º.-Requisitos específicos dos centros integrados.

Sen prexuízo dos requisitos básicos previstos polo artigo 11.1º da Lei orgánica 5/2002, das cualificacións e da formación profesional, na Comunidade Autónoma galega, para poder te-la consideración de centro integrado de formación profesional o centro deberá:

1. Ser autorizado pola consellería titular do centro logo de informe da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional ou, no caso de que esta aínda non estea totalmente operativa, por unha comisión de valoración creada para o efecto no desenvolvemento deste decreto. A devandita autorización contará tamén con informe previo do Consello Galego de Formación Profesional.

2. Cumprir cos requisitos de espacios, instalacións, equipamentos e recursos humanos previstos nos reais decretos que establecen os títulos e certificados de profesionalidade correspondentes á súa oferta formativa de ciclos formativos e de formación profesional ocupacional.

3. Estar situado nalgunha das cidades de maior poboación e/ou comarca cun significativo e variado tecido productivo en ocupacións identificadas polo Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións.

4. Acredita-lo compromiso de colaboración e apoio de empresas representativas do sector ou sectores obxecto da integración mediante a sinatura de convenios para a realización de formación en centros de traballo.

5. Garanti-lo establecemento e xestión de plans de orientación, fomento e rexistro da inserción laboral do seu alumnado.

Artigo 6º.-Autonomía dos centros integrados de formación profesional.

1. Os centros integrados gozarán de autonomía na súa xestión, de acordo coas normas que se establezan. O grao de autonomía dos centros integrados de formación profesional será, dentro do marco legal vixente, o necesario para garanti-la consecución dos obxectivos que posibiliten o logro dunha formación profesional de calidade, dotándoos da flexibilidade que lles permita adaptarse ós permanentes cambios do tecido productivo de Galicia.

2. O centro aprobará unha memoria anual na que se avaliará o cumprimento dos obxectivos anuais previstos en cada un dos programas que deriven do número anterior e proporanse as medidas correctoras necesarias, se for o caso.

Artigo 7º.-Organización dos centros integrados de formación profesional.

1. Cada centro, en exercicio da súa autonomía e no marco das normas que se recollen no presente decreto, elaborará e aprobará o seu propio regulamento de organización e funcionamento baixo a denominación concreta de proxecto de centro integrado. Este proxecto recollerá as accións formativas integradas que se desenvolverán, tendo en conta as propostas das comisións sectoriais de Cualificación e Formación Profesional, debéndose face-lo seguimento e control desta oferta formativa, polo mecanismo que oportunamente se determine, coa finalidade de imparti-la formación máis adecuada ás necesidades actuais e do futuro inmediato dos sectores relacionados con ela.

2. O proxecto de centro citado no parágrafo anterior deberá contar coa aprobación da consellería competente, logo de informe da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, con independencia das funcións que teña atribuídas o servicio de inspección da consellería titular de cada centro.

Disposición adicional

Xúntase no anexo a listaxe de centros autorizados inicialmente como centros integrados, sen prexuízo das novas autorizacións que se concedan, se for o caso, sobre a base das correspondentes convocatorias nas ordes que desenvolvan o presente decreto, en favor tanto dos novos centros integrados de formación profesional que se creen como dos centros de formación profesional xa existentes que cheguen a reuni-los requisitos daqueles.

Disposición transitoria

No desenvolvemento normativo deste decreto crearase unha comisión para realiza-lo seguimento e as

propostas de accións dos centros integrados, en canto non entre en funcionamento a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, da que formarán parte polo menos un representante de cada consellería con competencias en formación profesional, presidida pola directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilítanse os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para procederen ó desenvolvemento do presente decreto nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Segunda.-En canto á oferta dos centros integrados, a Axencia para a Xestion Integrada, Calidade e Ava

liación da Formación Profesional proporá a adopción dos actos necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto, ás consellerías titulares dos centros integrados de formación profesional.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

ANEXO

Centros integrados de formación profesional que se autorizan e familias profesionais asociadas

ProvinciaConcelloDenominación do centroConsellería titularFamilias profesionais/ámbitos de integración

A CoruñaA CoruñaIES Paseo das PontesC. Educación e Ordenación UniversitariaHostalería (restauración) + téxtil, confección e pel

A CoruñaRibeiraIES CorosoC. Educación e Ordenación UniversitariaMantemento e servicios á producción + mantemento de vehículos autopropulsados + industrias de fabricación de equipos electromecánicos

A CoruñaSantiago de CompostelaIES CompostelaC. Educación e Ordenación UniversitariaHostalería (restauración e aloxamento).

LugoRibadeoIES Porta da Auga (Ribadeo)C. Educación e Ordenación UniversitariaEdificación e obra civil (obras de albanelería e acabados de construcción) + mantemento de vehículos autopropulsados + electricidade e electrónica

A CoruñaSantiago de CompostelaCentro Nacional de FPO de SantiagoC. Asuntos Sociais, Emprego e Relacións LaboraisMadeira e moble

PontevedraVigoCentro de Formación Ocupacional de CoiaC. Asuntos Sociais, Emprego e Relacións LaboraisFabricación mecánica + mecánica de mantemento hidráulico e pneumática

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO