Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 01 de agosto de 2003 Páx. 10.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 324/2003, do 18 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada provincial 9205 Sanxenxo-Meaño, (concello de Meaño).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día trinta e un de xaneiro de dous mil tres, aprobou o proxecto de estrada provincial 9205 Sanxenxo-Meaño e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Pontevedra foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día trinta de xuño de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria para a mellora dun tramo da estrada que non reúne as condicións adecuadas para a circulación, xa que non dispón da suficiente largura para a circulación do tráfico rodado, o que sumado á inexistencia de beiravías que permitan o tránsito de peóns, provoca unha grande inseguridade vial, tanto para o tráfico rodado como para os viandantes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil tres

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada provincial 9205 Sanxenxo-Meaño, debendo, se é o caso,

unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local