Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2003 Páx. 10.007

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da ampliación da canteira Granitos del Noroeste número 6, sita nos concellos de Arteixo e A Coruña (A Coruña), promovida por Explotaciones y Canteras de Moucho, S.A.

O artigo 1 da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece a obrigatoriedade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I. Dado que a zona do proxecto é visible desde a autoestrada A-55 (A Coruña-Carballo) e desde a estrada comarcal C-552 (A Coruña-Fisterra), e de acordo coa citada lei, que recolle no seu anexo I, grupo 2, as explotacións visibles desde autoestradas, autovías, estradas nacionais e comarcais ou núcleos urbanos superiores a 1.000 habitantes ou situadas a distancias inferiores a 2 km de tales núcleos, o proxecto de referencia cualificouse como sometido ó procedemento de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, publícase a Resolución do 23 de outubro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de explotación, estudio de impacto ambiental e o plan de restauración da ampliación da canteira Granitos del Noroeste número 6, na provincia da Coruña, promovida por Explotaciones y Canteras de Moucho, S.A., non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

En cumprimento do establecido no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, faise pública a Resolución do 21 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) e os seus anexos da ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6, sita nos concellos de Arteixo e A Coruña (A Coruña), promovida por Explotaciones y Canteras de Moucho, S.A. O recurso obxecto de aproveitamento é unha granodiorita tardía, que se beneficia nunha instalación de preparación mecánica, situada na actual explotación, para a obtención de cascallo, areas e gravas de distintas granulometrías. O método de explotación é a ceo aberto polo sistema de avance en bancos descendentes, de alturas comprendidas entre 10 e 15 m. A arrincada realizarase mediante perforación e voadura. Actualmente a superficie ocupada pola explotación autorizada é de 9,8 ha, a ampliación da actividade afecta a

unha nova zona que comprende unha área de 3,08 ha. O ritmo de producción anual na actualidade é de 200.000 t, destinadas na súa totalidade ó sector da construcción e obra pública. Non se ten previsto modificar este ritmo de producción con motivo da ampliación solicitada; as reservas seguras para a explotación actual e a ampliación estimáronse en 3.010.000 t, polo que se considera unha vida duns 15 anos. Non se crearán entulleiras xa que todo o material arrincado será aproveitado.

A Coruña, 9 de xuño de 2003.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

Proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Decembro 2001,

Estudio de impacto ambiental e plan de restauración da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Decembro 2001,

Documentación adicional ó proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Maio 2002,

Aclaracións á documentación adicional ó proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste, nº 6. Agosto 2002,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: Declaración de impacto ambiental, Aclaracións á documentación adicional ó proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste, nº 6. Agosto 2002, Documentación adicional ó proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Maio 2002, Estudio de impacto ambiental e plan de restauración da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Decembro 2001, Proxecto de explotación da ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6. Decembro 2001, por esta orde.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ós labores de explotación e instalacións anexas que

se levarán a cabo nunha superficie de 3,08 ha, dentro do perímetro definido polas seguintes coordenadas UTM:

VérticeXY

1544.4284.797.932

2544.4014.797.892

3544.3694.797.797

4544.3404.797.692

5544.2954.797.653

6544.2434.797.672

7544.2124.797.709

8544.1594.797.740

9544.1244.797.786

10544.2374.797.867

11544.3034.797.869

12544.3584.797.918

13544.4024.797.945

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po e gases.

2.1.1. Os niveis de po e gases non superarán os límites para partículas sedimentables establecidos polo Real decreto 1073/2002, do 18 de outubro, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, óxidos de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

2.1.2. Adoptaranse as medidas correctoras descritas no estudio, relativas á rega das pistas, amoreamentos, etc., e correcto mantemento de maquinaria e equipamento e, asemade, empregaranse captadores de po nos equipamentos de perforación e tomaranse as medidas necesarias para minimiza-las previsibles emisións durante as voaduras. Será responsabilidade do promotor que os motores de combustión da maquinaria cumpran cos niveis de emisión establecidos legalmente, debendo dispor da documentación que así o acredite.

2.1.3. Así mesmo cumprirase, se for o caso, co establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

2.2. Sobre o ruído.

2.2.1. Adoptaranse as medidas descritas no proxecto para que os niveis de ruído producido pola maquinaria e polas voaduras, medidos nas vivendas máis próximas á zona de explotación, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e, se for o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

3. Protección das augas.

3.1. Impedirase a entrada das augas do escorremento superficial no interior da zona de explotación mediante a construcción de gabias de interceptación.

3.2. As augas pluviais que incidan directamente sobre a zona a alterar conduciranse ata un sistema de tratamento que garanta o indicado no punto 3.3 desta DIA.

3.3. Deberase asegurar que a calidade físico-química das augas de vertedura procedentes das balsas de decantación cumpran os seguintes límites recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico:

Ph: 5,5-9,5.

Sólidos en suspensión (mg/l): 80.

Materiais sedimentables (ml/l): 0,5.

Sólidos grosos: ausentes.

3.4. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos do vertedura ó medio das gabias de interceptación da escorrega externa e da balsa de decantación. Asemade, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

3.5. A recollida dos lodos da balsa de decantación debe ser periódica, presentando unha cadencia que manteña a funcionalidade do sistema de decantación en condicións óptimas.

3.6. No caso de modificar algún dos accesos existentes, no caso de que se sitúen en ladeira e corten transversalmente o paso da auga (efecto presa), con fin de evitar que se reduza a chegada de auga de escorrega á parte baixa da ladeira, deseñarase un número suficiente de drenaxes transversais. En todo caso, estes accesos contarán coas súas correspondentes gabias.

3.7. Previamente ó inicio dos labores, o promotor deberá contar coa preceptiva autorización de vertedura, de acordo co requirido no punto 11.4 da presente DIA.

3.8. No caso de que as augas xeradas pola explotación se incorporen ás gabias dalgunha das estradas próximas, deberá contar coa preceptiva autorización de acordo coa Lei 4/1994, do 14 de setembro, reguladora das estradas de Galicia, que de ser procedente, tramitarase de acordo co Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, Regulamento xeral de estradas.

4. Protección do solo.

4.1. Non se poderá ocupar maior superficie que a definida no punto 1 desta declaración, debendo atoparse dentro desta superficie a totalidade das instalacións previstas.

4.2. De acordo co descrito no estudio de impacto ambiental, retirarase e amorearase a camada de terra vexetal procedente de tódalas superficies a ocupar.

4.3. Tal como indica o estudio de impacto ambiental, as moreas de terra vexetal disporanse, como máximo, con alturas de ata 1,5 m. Asemade, estas moreas deberán facerse de forma que se impida o súa deteriorización por compactación (polo paso de maquinaria) e de xeito que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material alma

cenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).

4.4. Segundo o proxectado, co fin de conserva-las propiedades da terra vexetal amoreada ata o momento da súa reposición, adoptaranse as medidas necesarias para o seu mantemento, realizando sementeiras de herbáceas (mestura de gramíneas e leguminosas), con fin de evita-la erosión. Deberán efectuarse regas nos períodos de seca, remexedura cada seis meses como mínimo de fornecemento de fertilizante mineral.

5. Sobre os residuos.

5.1. Tódolos residuos xerados se xestionarán conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

5.2. O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, dotarase dos medios necesarios para garanti-la non afección ó medio e o cumprimento da lexislación de aplicación.

5.3. Protexerase a balsa de lixiviados do depósito de residuos colindantes procedentes das posibles proxeccións producidas polas voaduras cunha pantalla de chapa metálica das dimensións indicadas no proxecto.

6. Protección da fauna.

6.1. Tal como se proxecta, nos extremos superiores da fronte de explotación, durante a fase de explotación, instalarase un chousume de protección de malla metálica de tipo cinexético que impida a caída de animais, para o que debe ir lixeiramente soterrado e a luz de malla na parte xunto ó solo, será suficientemente pequena para impedi-lo paso de fauna de pequeno tamaño. Unha vez que rematen os labores de restauración este chousume será retirado e xestionado de acordo co estipulado no punto 5 desta DIA.

7. Protección da vexetación.

7.1. Respectarase sistematicamente a vexetación existente compatible coas labores de explotación.

7.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

7.3. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ó solo.

8. Protección paisaxística.

8.1. Do xeito e coas características indicadas na documentación presentada, implantarase unha pan

talla vexetal, formada por Pinus pinaster. Co fin de que esta pantalla cumpra coa súa función implantarase completamente ó inicio da explotación.

8.2. No caso de que algunha das árbores que forman a pantalla vexetal non prenda ou deixe de cumpri-la súa función, deberá ser substituída por outra inmediatamente, asegurando a súa efectividade.

9. Protección do patrimonio.

9.1. Á vista dos resultados obtidos na prospección arqueolóxica efectuada na zona de afección e do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non se considera necesario establecer ningún condicionado ó respecto.

10. Restauración e revexetación.

10.1. Procederase a restaurar tódalas superficies modificadas ou creadas. Na restauración empregaranse os materiais previstos no proxecto. No caso de utilizar materiais de distinta orixe tales como camadas estériles doutras explotacións, previamente deberase acredita-la súa procedencia e adecuación ós labores de restauración.

10.2. De acordo co descrito na documentación presentada, realizarase unha restauración paralela ó avance da explotación, de xeito que as superficies finais que se vaian xerando sexan restauradas ó mesmo tempo que se crean novas superficies.

10.3. Como cubrimento de toda a superficie a restaurar estenderase a terra vexetal amoreada, do xeito indicado na documentación presentada, pero cun espesor de 40 cm, e soamente nas superficies horizontais e subhorizontais. Previamente á estendedura da terra, descompactarase e eliminaranse as pedras nas zonas onde sexa necesario.

No que respecta á restauración dos noiros, observarase o disposto por esta dirección xeral, unha vez avaliada a documentación solicitada no punto 11.2 desta DIA.

10.4. Procederase á sementeira ou hidrosementeira de especies herbáceas (gramíneas e leguminosas) e arbustivas autóctonas da zona, sobre toda a superficie a restaurar, cunha densidade de 450 kg/ha.

10.5. Procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira daquelas superficies nas que se observe a existencia de calvas, ata que se asegure a viabilidade da revexetación.

10.6. Tódalas sementes que se empreguen reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

10.7. No que respecta á balsa de decantación e sistema de drenaxe, procederase ó seu desmantelamento ó final da fase de explotación.

10.8. Procederase ó cerramento e restauración das vías interiores da explotación xunto coas súas correspondentes gabias.

10.9. Unha vez rematados os traballos de restauración, recuperaranse os accesos á explotación de xeito que se integre co seu medio.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio da actividade mineira, o promotor presentará diante do órgano substantivo catro (4) exemplares da seguinte documentación:

11.1. No que respecta ó control da afección acústica:

11.1.1. Proposta de plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación na contorna desta, reflectindo os puntos de mostraxe (vivendas máis próximas á zona de explotación) nun plano, e indicando a periodicidade e a metodoloxía de realización das medicións, baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

11.1.2. Resultado das medicións de ruído nas vivendas máis próximas á explotación, segundo o solicitado no punto anterior, co fin de establece-la situación preoperacional. Estas medicións serán realizadas por unha entidade homologada por esta dirección xeral, e segundo o establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

11.2. Proposta de restauración dos noiros finais, tendo en conta que a hidrosementeira sen axuda de mantas de fibras fixadoras non é recomendable en noiros de pendentes superiores a 60º. Por outra banda, tendo en conta a pendente final dos noiros (80º) non se poderá incorporar terra vexetal sen estructuras ou aparellos que a sustenten.

11.3. Indica-lo responsable ambiental designado pola empresa, tal como se require no punto 13.5 da presenta DIA.

11.4. Copia da autorización de vertedura emitida por Augas de Galicia.

11.5. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos, segundo o Decreto 298/2000 polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

O órgano substantivo remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares desta documentación para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven, non podendo a empresa promotora proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a documentación requirida.

12. Programa de vixilancia ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración, así como incor

porar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Este programa permitirá detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, permitindo determinar e cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

A documentación de control solicitada deberá vir asinada polo/s responsable/s indicando a/s súa/s acreditación/s.

Tendo en conta o anterior, o promotor presentará ante o órgano substantivo, no mes de xaneiro de cada ano, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Informe sobre a situación da restauración, no que se inclúa, como mínimo, a seguinte documentación:

12.1.1. Planos en planta, dotados de coordenadas UTM e a escala 1:1.500 ou maior detalle, nos que se diferencien e cuantifiquen as seguintes partidas:

-Superficie alterada acumulada (ha).

-Superficie restaurada acumulada (ha).

-Superficie sen restaurar (ha).

-Previsión de superficies a alterar e a restaurar no seguinte ano (ha).

12.1.2. Accións levadas a cabo e previstas:

-Sobre a terra vexetal (volume retirado, amoreado e estendido, así como os labores de mantemento efectuados).

-Sobre o sistema de drenaxe e decantación (periodicidade de retirada de lodos e volume retirado).

-Sobre a revexetación (labores preparatorios, labores de plantación, sementeira, especies empregadas, regas, fertilización, porcentaxe de marras observadas, etc).

12.1.3. Imprevistos acontecidos e medidas correctoras adoptadas.

12.2. Memoria anual do Programa de Vixilancia Ambiental que reflicta a descrición e o cumprimento de tódalas medidas ambientais contempladas no estudio, así como as impostas na presente DIA, de acordo co programa de vixilancia proposto na documentación presentada. Neste senso, a memoria debe incluír:

12.2.1. Resultado da análise físico-química trimestral das augas provenientes da explotación, unha vez decantadas e antes da súa vertedura, no que se inclúan como mínimo os parámetros indicados no punto 3.3 da DIA. As tomas de mostras e análises serán realizadas por un laboratorio homologado ou acreditado.

12.2.2. Resultados das medicións do nivel de ruído, indicando o equipamento de obras, persoas e maquinaria en funcionamento durante as medicións. Estas medicións realizaranse en condicións similares ás das medicións preoperacionais.

No referente á realización de medicións acústicas, observarase o disposto por esta dirección xeral unha vez avaliada a documentación solicitada no punto 11.1. desta DIA.

Os resultados das análises das mostras de auga e das medicións do nivel de ruído deberán vir acompañados das conclusións obtidas á vista deles e, se for o caso das medidas correctoras pertinentes. Asemade, acompañaranse dun plano onde se indiquen os puntos de toma de mostras e de medicións.

12.2.3. Resultado de medicións semestrais das vibracións producidas pola explotación no depósito de residuos de Inespal, limítrofe coa explotación. Estas medicións efectuaranse durante as voaduras e serán realizadas por unha entidade homologada por esta dirección xeral.

Os resultados das medicións das vibracións virán acompañados dun informe onde se inclúa a descrición da voadura, conclusións á vista do resultado das medicións e, se for o caso, das medidas correctoras pertinentes, plano onde se localice a zona onde se realizou a voadura e o/s punto/s de realización das medicións e reportaxe fotográfica do estado do depósito de residuos. Tanto para a realización das medicións como para a toma de fotografías, o promotor da explotación porase de acordo co titular do depósito.

12.2.4. Reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da explotación e dos labores de restauración levados a cabo, indicando a data e hora de toma das fotografías e sinalando nun plano o lugar de toma destas.

O órgano substantivo remitirá dous (2) exemplares desta documentación a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. De acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, a contía do aval, que deberá ser fixada polo órgano substantivo por proposta do órgano ambiental, deberá ser suficiente para responder dos danos que se lle poidan causar ó ambiente e do seu custo de restauración, garantindo, ademais, o cumprimento das medidas correctoras e protectoras.

Proponse como aval definitivo para realiza-las medidas correctoras e protectoras e os traballos de restauración para unha superficie de 3,08 ha a cantidade de cento catro mil catrocentos noventa e seis con corenta e cinco (104.496,45 euros) euros.

Dado que o aval ten unha longa duración no tempo e co obxecto de manter constante a relación do importe do aval co posible custo que pretende garantir, acordarase a súa actualización cada cinco (5) anos, de acordo coa disposición adicional terceira do

Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental. O aval revisarase segundo o exposto no anexo III desta DIA.

13.3. 0 promotor comunicará á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

13.4. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na explotación, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presenta DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, entregando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionada, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos de explotación antes de contar coa resolución desta dirección xeral para o efecto.

13.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, asemade, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

13.8. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que estes sexan corrixidos.

13.9. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

13.10. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

13.11. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar ós organismos competentes tódolos permisos necesarios para levar a cabo a actividade.

13.12. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

13.13. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7 Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto consiste na ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6, xa autorizada. Sitúase na paraxe de Moucho, parroquia da Pastoriza. A maior parte localízase no concello de Arteixo, e unha pequena parte do perímetro da ampliación sitúase no concello da Coruña. O recurso a explotar é unha granodiorita tardía que se destina á producción de areas para a construcción e a obra civil.

O método de explotación é a ceo aberto polo sistema de avance en bancos descendentes de alturas comprendidas entre 10 e 15 m. A arrincada realizarase por perforación e voadura. O todo-un cargarase mediante pas cargadoras de rodas ou de eirugas e transportarase mediante dúmper á instalación de tratamento situada na canteira actual. A superficie que se prevé ocupar pola ampliación é de 30.800 m.

A producción actual media na actualidade é de 200.000 t, cuantificándose, para a zona ocupada actualmente pola explotación, unhas reservas seguras de 930.000 t, mentres que a cuantificación das reservas seguras da nova área é de 2.080.000 t, polo que, mantendo un ritmo global de producción de 200.000 t por ano, garantízase un horizonte temporal de vida útil para a extracción de, aproximadamente, 15 anos.

A apertura da ampliación non suporá a xeración de camadas estériles, dado que todo o material arrincado será aproveitado para a producción de areas.

Para desenvolve-la actividade na ampliación, non se consideran necesarias máis instalacións auxiliares que as existentes na explotación actual.

* Medidas correctoras.

No estudio de impacto ambiental presentado contémplase a adopción das seguintes medidas correctoras:

-Sobre a atmosfera:

Cumprirase o disposto no Real decreto 1321/1992, do 30 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Real decreto 1613/1985, do 1 de agosto, e se establecen novas normas de calidade do aire no refente á contaminación por dióxido de xofre e partículas e no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Sobre a edafoloxía:

Retirarase, amorearase e sementarase a camada de terra vexetal superficial extraída.

Someteranse os terreos afectados a unha restauración.

Os sobrantes de terra transportaranse ó vertedoiro de entullos mais próximo.

-Sobre a hidroloxía:

Executaranse sistemas de gabias de garda e drenaxes para evitar que os sólidos en suspensión cheguen ós ríos.

Executarase un sistema de decantación para que decanten os sólidos en suspensión que chegan recollidos na auga.

Procederase á rega periódica das zonas espidas de vexetación.

Os mantementos da maquinaria realizaranse en lugares axeitados.

Realizaranse drenaxes transversais de modo que permita o movemento da auga na superficie, nas mesmas condicións que se dan na actualidade.

As augas residuais conduciranse á fosa séptica existente xunto á edificación principal.

-Sobre os procesos xeofísicos:

Axeitado deseño dos noiros.

Sistema de recolla e decantación de auga.

-Sobre a vexetación:

Plan de revexetación para cumprir tanto na fase de construcción como na de explotación e abandono.

-Sobre a fauna:

Evitaranse circulacións de maquinaria a alta velocidade e vixiarase a destrucción de hábitats.

-Sobre a paisaxe:

Procederase ó recheo de ocos e suavización de noiros e, posteriormente, procederase á revexetación.

-Sobre a socio-economía:

A contratación de persoal realizarase de entre os habitantes das poboacións próximas.

Os labores de extracción e arrinca executaranse nas horas diurnas de máis actividade.

Coordinaranse os movementos de maquinaria para non entorpece-la actividade da poboación.

Procederase á restauración das infraestructuras deterioradas.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, no que respecta á afección ó depósito de residuos limítrofe coa explotación, indica:

Unha vez analizado o proxecto presentado, emítese informe favorable co seguinte condicionado:

-No caso de que durante os labores de explotación aparecese algún tipo de vertedura do que se presuma unha orixe industrial, deberán suspenderse inmediatamente os traballos de explotación e notificar o feito á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Unha vez caracterizada a vertedura polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, e en función da súa composición e a súa orixe, serán establecidas por parte da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as condicións nas que se poderá continua-la explotación.

O Servicio de Fomento e Control da Calidade Ambiental, no que respecta á afección ó depósito de residuos limítrofe coa explotación, conclúe:

Dadas as especificacións da ampliación da explotación formulada no citado proxecto, tendo en conta as características xeolóxicas dos terreos e as diferencias de cotas entre o vertedoiro clausurado e a explotación prevista, non son previsibles a priori consecuencias negativas para a selaxe existente; nembargantes, será de interese establecer un programa de seguimento, tanto do estado aparente da cuberta de selaxe e estructuras asociadas, como da posible aparición de fracturas durante a fase de explotación, especialmente na zona máis próxima ó vertedoiro, que corresponde aproximadamente co punto denominado 1 nos planos de perfís do proxecto fornecido.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúe:

Á vista do E.I.A. ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6 (Arteixo, A Coruña), do 19 de decembro de 2002, e da memoria da prospección arqueolóxica realizada pola empresa Adobrica Arqueoloxía, S.L., baixo a dirección do arqueólogo Alberto González Fernández, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acorda:

-Emitir informe favorable do E.I.A. ampliación da canteira Granitos del Noroeste nº 6 (Arteixo, A Coruña).

-As conclusións da devandita memoria incluiranse na correspondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa:

Explotaciones y Canteras del Moucho, S.A. pretende a ampliación da zona de explotación da canteira Granitos del Noroeste nº 6, en Arteixo, A Coruña. A dita zona sitúase na contorna da estrada de titularidade autonómica AC-410, A Coruña-Arteixo, pertencente á rede primaria básica, a aproximadamente uns 75 m da estrada e, polo tanto, fóra da súa zona de afección.

As augas xeradas na nova zona de explotación, no caso de que se incorporen ás gabias da estrada, sexa por escorremento natural ou por nova conducción, poden supoñer un caudal que sobrepase a súa capacidade e provocar, como consecuencia, unha diminución da seguridade vial na estrada, polo que as ditas augas deberán ser evacuadas a outro medio ou presenta-la preceptiva solicitude de autorización de acordo coa Lei 4/1994, de estradas de Galicia, que, de ser procedente, tramitarase de acordo co Regulamento xeral de estradas, R.D. 1812/1994. A solicitude de autorización presentarase perante o Servicio Provincial de Estradas da Coruña.

Polo apuntado emítese informe favorable para as actuacións previstas, sen prexuízo de que se solicite a autorización citada e outras concorrentes.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, emite informe no que se indica:

Resumo do proxecto:

O proxecto pretende se-la ampliación dunha canteira anterior que se leva explotando desde a década dos 70. A explotación será a ceo aberto beneficiándose dunha granodiorita tardía que se empregará para a obtención de cascallo, areas e gravas.

A canteira localízase na paraxe denominada Moucho, da parroquia de Pastoriza, no concello de Arteixo, á altura do km 6 da autovía A Coruña-Carballo.

En total prevese a apertura dunha fronte de 3,08 ha, estimando un volume de material a extraer de 1.153.845 m. O ritmo de explotación medio está ó redor de 76.923 m ó ano, o que nos leva a un horizonte temporal de 15 anos.

Situación actual con respecto ós espacios naturais protexidos:

Actualmente o lugar onde se acha a explotación prevista non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espacios naturais.

Á vista da restante documentación presentada caben face-las seguintes observacións:

En liñas xerais estímase axeitada a caracterización de elementos que conteñen os documentos, así como a valoración dos impactos. Unicamente cabe facer unhas pequenas matizacións e observacións.

Terra vexetal:

A actividade prevé o almacenamento dun volume de terra vexetal de ó redor de 24.220 m, material que posteriormente será empregado na restauración. De tódolos modos, considérase insuficiente o volume de terra almacenado para a fase de restauración, déficit que se pensa compensar coa merca de 7.980 m.

No tocante ó déficit de terra vexetal que se vai mercar, exponse que esta non se poderá tomar de áreas onde se atope consolidada e integrada no medio e que, ademais, non sexa susceptible de alteración por algunha actuación debidamente autorizada. Sempre é preferible xestionar axeitadamente este déficit que xeralo noutras zonas. En todo caso, indicarase como se obterá.

Lodos:

Na documentación presentada fanse unha serie de referencias vagas ó tipo de xestión que lles será de aplicación ós lodos procedentes da balsa de decantación; así, indícase que se almacenarán en lugar axeitado para tal fin (non describindo que se entende por tal); tamén din que se van a empregar na restauración (tampouco se di como).

As consideracións efectuadas ó respecto dos lodos son insuficientes, polo que estimamos axeitado para a súa xestión a adopción dos seguintes criterios:

-Emprego destes lodos durante a fase de restauración, constituíndo os lodos a primeira camada do perfil artificial que se prevexa.

-Almacenaxe dos lodos en zonas habilitadas para o efecto, áreas que estarán acondicionadas de forma que os procesos erosivos ós que poidan estar expostos non inflúan nunha mingua do amoreamento. Esta perda pode diminuír cuantitativamente un material interesante para a posterior restauración; ademais, esta mingua pode ir nun incremento de sólidos en suspensión na rede natural de drenaxe, coas consecuencias negativas que isto supón para o ecosistema fluvial.

-A recolla dos lodos das balsas de decantación debe ser periódica, presentando unha cadencia que manteña a funcionalidade do sistema de decantación en condicións óptimas.

-O amoreamento debe efectuarse de xeito que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas.

Valado perimetral e noiros finais:

O proxecto e o estudio indican a necesidade de colocar un valado perimetral (que vén descrito), tanto para a fase de explotación como para a súa conservación na fase de restauración, co mantemento dos mesmos obxectivos de protección.

Estes valados de protección tanto na fase final de explotación como unha vez restaurada e abandonada a actividade mineira, serán os elementos que

protexan persoas e animais dunha caída libre en certos puntos duns 40 m. Ben que se supón que estes elementos poden mante-la súa funcionalidade mentres se atope persoal que vixíe que estea en perfecto estado, non existen garantías de que o mantemento do valado siga en vixencia en etapas posteriores á restauración.

Coidamos, polo anteriormente exposto, que se deberá implementar unha medida alternativa ó valado proposto, medida que deberá mante-la funcionalidade de cara ó mantemento dos obxectivos que se lle asignan durante o tempo que exista a caída vertical inducida. De tódolos modos, estimamos como medida máis axeitada, aquela que integre o oco xerado no medio, suavizando as pendentes finais dos noiros de forma que non se induzan fenómenos erosivos, permitan o arraigo da vexetación habitual na contorna, e, ademais e sobre todo, non sexan perigosas para persoas e animais.

Expoñemos, polo tanto, a necesidade de considera-las observacións feitas neste informe, co obxecto de facer unha correcta integración ambiental do proxecto.

A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña realiza un resumo da documentación presentada, dividíndoo nas seguintes partes:

-Datos do expediente administrativo.

-Resumo do proxecto de explotación.

-Estudio de avaliación de impacto ambiental.

-Plan de restauración.

Concluíndo o informe co seguinte:

O proxecto desde o punto de vista ambiental e sempre que se adoiten as medidas correctoras previstas nos prazos establecidos, considérase viable.

ANEXO III

Cada cinco (5) anos o aval actualizarase de acordo coa seguinte fórmula:

Ti=Toxl1x...xli-1x(S-SR)

So

Sendo:

To: importe total do aval inicial.

Ti: importe do aval no ano i.

i: ano de explotación.

So: superficie inicial prevista para restaurar.

SRi: superficie restaurada ata o año i.

li: inflación no ano i (IPC en Galicia).

Previamente ó cambio do aval, o órgano substantivo fixará a superficie restaurada ata o ano i SRi.

O cambio efectuarase cada cinco anos ou antes se o promotor o solicitase.