Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 30 de xullo de 2003 Páx. 9.985

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xullo de 2003 pola que se regula o proceso de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 46, establece que as ensinanzas de artes plásticas e deseño comprenderán os estudios relacionados coas artes aplicadas, os oficios artísticos e o deseño nas súas diversas modalidades, organizadas en ciclos formativos de grao medio e grao superior, así como a conservación e restauración de bens culturais. Así mesmo, establece no seu artigo 48.3º que será posible acceder ós ciclos de grao medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño, sen cumpri-los requisitos académicos esixidos para cada caso, sempre que o aspirante demostre ter tanto os coñecementos e aptitudes propios da etapa educativa anterior como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

Tendo en conta a experiencia acumulada ó longo dos cursos precedentes, procede regulamentar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o acceso mediante proba ós ciclos formativos de grao medio e de grao superior. Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

I. Disposición de carácter xeral.

Primeiro.-A presente orde será de aplicación ós procesos de acceso do alumnado que desexe cursar ensinanzas de ciclos formativos nas escolas de arte, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, cando menos unha vez ó ano, unha proba para o acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo ós ciclos formativos.

II. Acceso directo.

Terceiro.-Acceso directo a ciclos formativos de grao medio.

Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño:

-Quen estea en posesión do título de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da mesma familia profesional á que pretende acceder.

-As persoas que teñan superados os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro), desenvolvido pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

-As persoas que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas establecidas para a Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18 de xullo).

Cuarto.-Acceso directo a ciclos formativos de grao superior.

Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño:

-Quen estea en posesión do título de bacharelato na modalidade de artes e teñan superada a materia de fundamentos do deseño, así como as dúas materias desta modalidade de bacharelato que no seu momento se determinen.

-Quen superase a modalidade de artes do bacharelato experimental definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

-Quen posúa o título de técnico superior de artes plásticas e deseño noutro ciclo formativo da mesma familia profesional.

-Os aspirantes graduados en artes aplicadas e oficios artísticos da familia profesional á que pretenden acceder.

III. Acceso mediante proba.

Quinto.-Alumnos que reúnen os requisitos académicos.

1. Condicións de acceso.

1.1 A grao medio.

Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a este, segundo se establece no Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

1.2. A grao superior.

Estar en posesión do título de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, ou ter superada a proba que se establece no punto quinto desta orde.

2. Comisión avaliadora: constitución.

Do desenvolvemento e avaliación das probas en cada escola de arte responsabilizaranse as comisións avaliadoras nomeadas polo delegado provincial por proposta da Inspección educativa que estarán integradas cada unha delas por un presidente/a e catro vocais.

O/a presidente/a será un inspector/a ou director/a dunha escola de arte pública.

Os vocais serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de artes plásticas e deseño ou do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Á comisión avaliadora poderán incorporarse os asesores/as que se consideren necesarios en función das características da proba e do número de persoas inscritas. Os asesores tamén serán nomeados polo delegado provincial despois da proposta razoada do presidente da comisión.

3. Superación da proba específica.

3.1. De grao medio.

Estructura, contidos e cualificación da proba específica:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, no tempo máximo dunha hora, dun tema proposto sobre

artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade dos aspirantes, o sentido do espacio, a composición e a predisposición para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

A valoración de cada un dos exercicios de que consta a proba expresarase mediante a cualificación de apto ou non apto. Para a superación da proba será necesario obter a cualificación de apto en ámbalos tres exercicios.

3.2. De grao superior.

Estructura, contidos e cualificación da proba específica:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas. Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos sobre un tema proposto que servirán de base para a realización posterior. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude á predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, de xeito que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior dun traballo relacionado co ciclo ó que a persoa aspira a acceder. Valorarase a capacidade compositiva así como a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

A valoración de cada un dos exercicios de que consta a proba expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acadar en cada un dos exercicios a cualificación mínima de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.

Sexto.-Alumnos que non reúnen os requisitos académicos.

1. Condicións de acceso.

1.1. A grao medio.

-Ter cumpridos 18 anos de idade ou cumprilos no ano en que se realicen as probas.

-Así mesmo, poderán concorrer a esta proba, sen o requisito de idade, aquelas persoas que cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Ter superado un programa de garantía social.

b) Acreditar, cando menos, un ano de experiencia laboral ou de inscrición como demandante de emprego no correspondente organismo mediante certificación oficial da Tesourería da Seguridade Social ou do Inem.

c) Ter esgotadas as posibilidades de escolarización na educación secundaria obrigatoria.

1.2. A grao superior.

-Ter cumpridos 20 anos ou cumprilos no ano de realización da proba.

Así mesmo, poderán concorrer á proba de acceso a un ciclo formativo de grao superior aqueles alumnos que estean en posesión dun título de técnico, da mesma familia profesional ou naquelas que regulamentariamente se establezan, e teñan cumpridos 18 anos ou os cumpran no ano da realización da proba.

2. Superación da proba de madurez.

2.1. A grao medio.

Contidos, estructura e cualificación da proba de madurez:

a) O contido da proba de madurez ós ciclos formativos de grao medio terá relación cos obxectivos xerais dos vixentes currículos da educación secundaria obrigatoria e valorará a madurez intelectual necesaria para cursar con aproveitamento o correspondente ciclo formativo, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais, relacionadas coas ensinanzas ás que aspira.

b) A extructura dos contidos da proba agruparanse en dúas partes:

1. Sociocultural.

2. Educación plástica e visual.

c) A valoración de cada unha das partes de que consta a proba expresarase mediante a cualificación de apto o non apto. Para a superación da proba será necesario obte-la cualificación de apto en ámbalas dúas partes dela.

2.2. A grao superior.

Contidos, estructura e cualificación da proba de madurez:

a) O contido da proba de madurez ós ciclos formativos de grao superior adecuarase ó currículo de bacharelato da modalidade de artes.

b) A estructura dos contidos agrúpase en dúas partes:

1. As materias comúns.

2. As materias específicas da modalidade.

c) A valoración de cada unha das partes de que consta a proba expresarase mediante unha cualifi

cación numérica de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acadar en cada unha das partes a cualificación de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.

d) Exencións. Da parte da proba relativa ás materias comúns poderán quedar exentas as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, en función do grao de afinidade entre a proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle á comisión avaliadora que se indica no artigo 5.2º desta orde; para tal efecto, o/a solicitante xuntará á solicitude a oportuna documentación que se recolle no anexo I desta orde.

3. Superación da proba específica.

A estructura, contidos e cualificación da proba específica é a que se establece no punto 3 do artigo quinto desta orde.

IV. Inscrición e cualificación das probas.

Sétimo.-A inscrición para realizar a proba farase na secretaría das escolas de arte nos prazos que se determinen na convocatoria.

Para a inscrición nas probas de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño o modelo de solicitude xúntase como anexo I á presente orde.

Oitavo.-En cada convocatoria, as probas para o acceso a cada un dos ciclos formativos de artes plásticas e deseño, xa sexa de grao medio ou grao superior, realizarana tódolos aspirantes nas mesmas datas e ás mesmas horas.

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporanlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais as escolas de arte da provincia nas que se realizarán as probas.

Noveno.-Elaboración e cualificación da proba.

As probas e os seus criterios de avaliación serán elaboradas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

A comisión avaliadora cubrirá unha acta segundo o modelo que figura no anexo II que se xunta a esta orde, que quedará arquivada na escola de arte na que se realice a proba, remitindo unha copia autentificada ó Servicio de Inspección Educativa da provincia.

Décimo.-Acreditación.

A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría da escola de arte na que se realizou, segundo o modelo que figura no anexo III da presente orde, indicando, se é o caso, os ciclos formativos de grao superior ós que pode acceder. Esta acreditación deberá retirala a persoa interesada na secretaría da escola de arte na que realizou a proba.

A certificación que se obtén trala superación da proba de acceso ó grao medio das ensinanzas de artes plásticas e deseño regulada no artigo 48.3º da Lei de ordenación xeral do sistema educativo, terá validez como requisito de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica.

Décimo primeiro.-Resolución de exencións, cualificacións da proba e reclamación.

1. A resolución provisional de exención á proba farase pública nas escolas de arte onde se realicen as probas e antes da súa celebración.

2. Contra a resolución provisional de exención poderase presentar reclamación durante os dous días seguintes ó da súa publicación ante a comisión avaliadora. A resolución definitiva farase pública dentro dos cinco días seguintes.

3. O resultado das cualificacións provisionais das probas de acceso a ciclos formativos deberá facerse público nas escolas de arte onde se desenvolveron. Contra a cualificación provisional da proba de acceso poderase presentar reclamación durante os dous días seguintes ó da súa publicación ante a comisión avaliadora.

4. A cualificación definitiva será publicada nos cinco días seguintes ó do remate do prazo de reclamacións e será exposta no taboleiro de anuncios das escolas de arte onde se realizaron as probas.

5. Contra a exención e a cualificación definitiva da proba de acceso poderase interpor recurso de alzada ante a delegación provincial, na forma prevista no artigo 114.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). A resolución deste recurso, que pon fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

6. A presentación de reclamación e a súa resolución non implicará paraliza-lo proceso de admisión e matrícula.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 25 de abril de 2000, pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO