Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 29 de xullo de 2003 Páx. 9.938

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 318/2003, do 26 de xuño, polo que se regula o programa de acollemento familiar para persoas maiores e persoas con discapacidade.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, reguladora do sistema de servicios sociais na Comunidade Autónoma galega define, no artigo 11, os servicios sociais de atención especializada como os dirixidos ós sectores da poboación con problemáticas definidas que non se poden resolver desde os servicios sociais de atención primaria. No artigo 13 define como servicios sociais de atención especializada na área de actuación da minusvalidez aqueles que procuran o tratamento, a rehabilitación e maila integración social dos discapacitados físicos, psíquicos e sensoriais, e cantas medidas sexan favorecedoras da súa autonomía persoal e integración social. No artigo 14º, establece como servicios sociais de atención especializada para a vellez aqueles orientados á consecución do maior nivel de benestar posible á terceira idade, así como acada-la súa autonomía e integración social, e establece como programa propio destes servicios o de acollemento familiar.

No marco da mencionada normativa publicouse o Decreto 225/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o programa de acollemento familiar para persoas maiores e minusválidos, modificado polo Decreto 184/2000, do 29 de xuño, e que viñan substituí-lo Decreto 361/1991, do 17 de outubro.

Pola súa banda, o Plan Galego de Persoas Maiores 2001-2006, documento que establece o marco no que se conteñen as principais medidas da política de protección das persoas maiores desenvolverá neste período a Administración autonómica, sinala, como unha das súas estratexias básicas, a aposta por envellecer na casa, sendo a extensión do programa de acollemento familiar un piar imprescindible para acadar este obxectivo, dada a filosofía que o informa.

A nova estructura da Xunta de Galicia recollida no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, crea a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que é o órgano ó que lle compete levar a cabo a política en materia de servicios sociais, segundo o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Neste contexto faise necesaria a elaboración dunha nova normativa reguladora do programa de acollemento familiar de xeito que se dea unha resposta adecuada ás necesidades e demandas sociais, tanto das persoas maiores como discapacitadas, residentes na nosa comunidade autónoma e, ó mesmo tempo, trátase de conseguir unha maior seguridade xurídica e claridade normativa que non sería posible se o réxime xurídico deste programa resultase de disposicións normativas dispersas.

Esta nova regulación pretende flexibiliza-los requisitos dos beneficiarios, tanto acolledores como acollidos, de xeito que o programa poida beneficiar a todas aquelas persoas que desexen integrarse nel, mantendo a filosofía que establecía a normativa anterior, como medio para proporcionar ás persoas maiores e discapacitadas un ambiente de convivencia familiar, preferentemente no seu contorno habitual e procurando unha atención máis personalizada e participativa e, ó mesmo tempo, garanti-lo principio de contradicción na protección dos dereitos dos acollidos evitando que poida coincidir na mesma persoa a condición de acolledor e a de titor legal.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia do cinco de xuño de dous mil tres e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do obxecto e finalidade

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é a regulación do programa de acollemento familiar dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade

Artigo 2º.-Definición.

O programa de acollemento familiar pretende facilita-la integración de persoas maiores e persoas con discapacidade no seo dunha familia que, ademais de proporcionarlle un ambiente e trato familiar, atenda as necesidades derivadas da súa avanzada idade e/ou dependencia. Este programa prevé a posibilidade de outorgamento de axudas individuais que sufraguen os custos ocasionados polo acollemento de persoas maiores de sesenta e cinco anos ou persoas con discapacidade e que cumpran os demais requisitos dispostos nos artigos seguintes.

Artigo 3º.-Finalidade.

A finalidade do programa é procura-lo mantemento do maior ou do discapacitado no seu medio social habitual, facilitando así a integración e evitando o internamento en institucións cando este non sexa adecuado ou desexado.

Capítulo II

Dos requisitos das persoas acollidas

e dos seus acolledores

Artigo 4º.-Requisitos dos acollidos.

Poderán ser beneficiarios das axudas individuais que integran o programa de acollemento familiar, regulado neste decreto, as persoas maiores e discapacitadas nas que concorran os seguintes requisitos:

A) Comúns:

a) Ser español ou cidadán dalgún dos estados membros da Unión Europea, e estar empadroado e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Non ter relación de parentesco en liña recta en ningún grao ou en liña colateral por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive con ningún membro da unidade de acollida.

No obstante o anterior, e no caso de que o acollido sexa unha persoa dependente, considerando como tales as que necesitan da axuda doutra persoa para a realización de actividades da vida diaria, poderá formalizarse o acollemento en liña recta por afinidade, salvo que na unidade de acollida existan outros familiares do acollido en liña recta consanguínea que sexan maiores de idade e estean obrigados legalmente a prestarlle alimentos.

B) Específicos:

a) Para persoas con discapacidade:

-Ser maior de idade.

-Posuír un grao de minusvalidez igual ou superior ó sesenta e cinco por cento, sempre que estea oficialmente recoñecido segundo a normativa vixente na materia.

b) Para persoas maiores:

-Ter sesenta e cinco anos cumpridos.

Artigo 5º.-Requisitos dos acolledores.

Para que unha persoa acollida poda acceder á axuda económica á que se refire o artigo 8º deste decreto, os acolledores deberán cumpri-los seguintes requisitos:

A) Persoais:

-Ser español ou cidadán dos demais estados membros da Unión Europea, e estar empadroado e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Que polo menos un dos acolledores sexa maior de idade e non supere os sesenta e cinco anos no momento de formula-la solicitude, goce de boa saúde e non padeza de limitacións físicas ou mentais que lle impidan atende-las tarefas domésticas normais.

-Ausencia de ánimo de lucro no que respecta ó programa de acollemento. Cada acolledor ou unidade familiar non poderá acoller a máis de dous beneficiarios. Non poderá existir con anterioridade ó acollemento testamento ou transmisións de bens ou dereitos a título gratuíto feitos ó seu favor por parte da persoa acollida.

-Non te-la condición de titor legal do/s acollido/s.

B) Da vivenda:

O acollemento poderá levarse a cabo tanto na vivenda do acolledor como na vivenda do acollido. En ámbolos dous casos acolledor e acollido deberán convivir na mesma vivenda.

En ámbolos dous casos a vivenda deberá:

-Ter fácil acceso.

-Estar dotada de suficientes condicións hixiénicas e de salubridade, auga corrente, luz eléctrica e cuarto de baño.

-Carecer de barreiras que impidan o acceso e normal desenvolvemento da vida diaria da persoa acollida de acordo coas súas características persoais.

Capítulo III

Das solicitudes de acollemento familiar

Artigo 6º.-Da solicitude do acolledor.

1. Quen oferte acoller no seu fogar a beneficiarios desta axuda e/ou estea disposto a residir no fogar

dun beneficiario desta, deberá cubri-la solicitude normalizada para o efecto e presentala no concello da súa residencia.

2. A solicitude deberá ser asinada polo acolledor e, se é o caso, por ámbolos dous cónxuxes ou polos compoñentes da relación estable análoga á conxugal.

3. Cada concello creará e manterá actualizado un rexistro de persoas dispostas a ser acolledores e outro de persoas que demandan ser acollidas, no que se inscribirán as solicitudes que se produzan no seu termo municipal, logo de comprobar que reúnen os requisitos comúns e específicos esixidos nos artigos anteriores.

4. Cando no respectivo concello non exista demanda suficiente de acollemento familiar por parte dos posibles beneficiarios, o concello achegaralle á delegación provincial da consellería competente en materia de asuntos sociais, unha copia da oferta de acollida que teña inscrita no rexistro e non estea a ser utilizada, no prazo dun mes desde a recepción da solicitude de inscrición no rexistro ou desde que se deixase de utilizar.

5. Cos anteriores datos as delegacións provinciais confeccionarán unha lista de persoas dispostas a ser acolledores que porán á disposición dos concellos da provincia e concellos limítrofes doutra/s provincias, os cales deberán darlle a publicidade axeitada para que así poida chegar ó coñecemento dos potenciais beneficiarios.

6. As delegacións provinciais remitiranlle pola súa vez as ofertas de acollemento que non atopen solicitante, no prazo de tres meses, á dirección xeral competente nesta materia para que as poña á disposición das demais delegacións provinciais, para os efectos de acada-lo mellor aproveitamento posible dos recursos dispoñibles.

Artigo 7º.-Da solicitude do acollido.

1. As persoas maiores ou discapacitadas que demanden ser acollidas deberán cubri-la solicitude normalizada para o efecto e presentala no seu concello de residencia e manifestar se están dispostos a ofrece-lo seu fogar para ser acollidos nel.

2. Cando no concello da súa residencia non exista oferta de acollemento ou esta non sexa suficiente ou axeitada ás circunstancias persoais do solicitante a xuízo dos servicios sociais de atención primaria, remitirá unha copia da solicitude de acollemento á respectiva delegación provincial da consellería competente en materia de asuntos sociais, que a incluirá nunha relación onde consten tódalas solicitudes de acollemento non cubertas. Esta relación, pola súa vez, seralles remitida a tódolos concellos da provincia para que a poñan ó dispor dos posibles acolledores.

3. As delegacións provinciais, pola súa vez, achegarán as solicitudes de acollemento que non atopen resposta na respectiva provincia, nun prazo de tres meses, para que a dirección xeral competente nesta materia dea traslado delas ás demais delegacións provinciais por se houber nas respectivas provincias demandas de acollemento non cubertas.

Capítulo IV

Da tramitación

Artigo 8º.-Da convocatoria e o expediente.

1. A consellería competente en materia de asuntos sociais efectuará periodicamente unha convocatoria para o outorgamento de axudas económicas ás persoas con discapacidade e persoas maiores de sesenta e cinco anos que desexen acollerse ós beneficios do programa de acollemento.

2. Para tal efecto presentarase solicitude, segundo o modelo normalizado, no concello de residencia da persoa maior ou discapacitada. Nela farase constar expresamente que se reúnen os requisitos que en cada caso corresponda, segundo o disposto no presente decreto, así como os datos de quen vaia presta-lo servicio de acollemento, sexa ou non residente no devandito concello.

3. Os servicios administrativos do concello tramitarán o expediente no que deberán consta-los seguintes documentos debidamente cubertos:

a) Modelos de solicitude normalizados xa citados anteriormente.

b) Declaración xurada de ingresos e bens da persoa que solicita ser acolledor.

c) Declaración xurada de ingresos e bens da persoa que solicita ser acollida á que se xuntará copia das últimas declaracións do imposto da renda das persoas físicas e do patrimonio e, no seu defecto, certificado expedido polo organismo competente, das pensións ou axudas que percibe o solicitante, se é o caso, así como do último recibo do imposto sobre bens inmobles de natureza rústica ou urbana.

d) A persoa que solicita ser acollida e o acolledor presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos entes ou sociedades.

e) Informe social, emitido polos servicios sociais de atención primaria, despois de efectua-lo estudio do que solicita ser acollido e do acolledor, no que se fará consta-la valoración así como a proposta que se considere oportuna.

f) Copia do documento nacional de identidade do solicitante da axuda así como de quen vaia presta-los servicios de acollida.

g) Certificado de empadroamento do acolledor e do acollido no que se especifiquen as persoas que conviven no domicilio no que se formalizará o acollemento.

h) Copia da tarxeta sanitaria da persoa que solicita ser acollida.

i) Documento acreditativo do número de conta bancaria e entidade na que desexa percibi-la axuda económica o acollido e da que el será o titular.

j) Informe médico da persoa que solicita ser acollida no que se reflicta o seu estado de saúde, tratamentos e atencións que necesita.

k) Informe médico do acolledor no que se valore o seu estado de saúde e capacidade para atender a persoas maiores ou discapacitadas.

Artigo 9º.-Tramitación do expediente.

1. Os servicios administrativos dependentes do concello, á vista da documentación requirida no artigo anterior, remitirán cada expediente de solicitude de axuda económica completo e debidamente cuberto á respectiva delegación provincial da consellería competente en materia de asuntos sociais.

2. Tanto o concello como a delegación provincial da consellería poderán solicitar calquera outra documentación non recollida nos artigos precedentes que consideren oportuna para resolve-lo expediente. A negativa inxustificada por parte dos interesados a enviala, entenderase como desistencia na súa petición de axuda, e se procederá de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas o do procedemento administrativo común.

3. Nos servicios sociais de atención primaria dos concellos poderanse formaliza-los acollementos familiares que se consideren oportunos, sempre e cando reúnan os requisitos esixidos e trala presentación da documentación requirida, e para tal fin asinarase o correspondente contrato de acollida, sen necesidade de solicitar axuda económica cando esta non fose imprescindible para unha adecuada cobertura do servicio. Dos acollementos formalizados deste xeito remitirase copia do expediente á delegación provincial da consellería competente en materia de servicios sociais correspondente.

Capítulo V

Das axudas

Artigo 10º.-Avaliación das solicitudes.

1. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión constituída para o efecto nas delegacións provinciais da consellería competente en materia de asuntos sociais, coa composición que se determine na orde de convocatoria.

2. As comisións de valoración actuarán en función do orzamento anual asignado para o programa e das prioridades e contías que se establezan na convocatoria.

3. A concesión ou denegación das axudas, logo da proposta da comisión de valoración, será resolta polo delegado provincial respectivo, notificándollo ó solicitante e ó concello de residencia do acollido e do acolledor.

Artigo 11º.-Da contía das axudas.

1. O importe máximo que se subvencionará en concepto de acollemento fixarase, para as distintas modalidades, na orde de convocatoria e establecerase en función dos ingresos do beneficiario. En cada convocatoria fixaranse os prazos e condicións para o pagamento que se efectuará a favor da persoa acollida, despois de presenta-lo contrato de acollida asinado por ámbalas dúas partes.

2. A axuda devengarase desde o día primeiro do mes seguinte ó da data de concesión ata o final do exercicio económico, sempre e cando non se produzan incidencias que provoquen antes a súa extinción.

Artigo 12º.-Do pagamento das axudas.

1. O importe da axuda reducirase nun setenta por cento cando o acollido se ausente por calquera causa do domicilio no que se formaliza o acollemento, con vontade de volver, sempre que esta sexa superior a sete días e non exceda de dous meses, durante todo o tempo que dure a ausencia.

2. Cando a ausencia estea motivada polo ingreso do acollido nunha institución sanitaria, poderase amplia-lo período máximo de dous meses fixado no parágrafo anterior, por resolución do delegado provincial, logo de informe dos servicios sociais de atención primaria e da comisión de valoración da respectiva delegación provincial.

Capítulo VI

Da prórroga das axudas

Artigo 13º.-Da prórroga das axudas.

As axudas vixentes no mes de novembro de cada ano quedarán prorrogadas automaticamente, sen prexuízo do establecido nos parágrafos seguintes:

1. Nos quince primeiros días do mes de novembro, cada ano os concellos remitirán á respectiva delegación provincial o informe social emitido polos servicios sociais de atención primaria no que, despois de avalia-la situación de acollida, valorarase a conveniencia da súa continuidade, modificación ou extinción e emitirase a proposta oportuna. Este informe social acompañará á solicitude de prórroga para o exercicio seguinte xunto coa documentación que se estableza na orde de convocatoria.

2. A contía da axuda prorrogada inicialmente será a mesma que a concedida no exercicio anterior, procedéndose á súa regularización no que afecte á achega do/s beneficiario/s cando se produza modificación nos seus ingresos, e no relativo á modalidade, cando se establezan cambios da contía máxima na orde da convocatoria.

Capítulo VII

Das obrigas dos beneficiarios

Artigo 14º.-Das obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicarlle á delegación provincial da consellería correspondente, no prazo dun mes, a través dos servicios sociais de atención primaria, calquera variación sobre a súa situación económica e/ou social que sexa motivo de reaxuste ou extinción da axuda, e dado o caso, a reintegra-los importes indebidamente percibidos. Para tal efecto, os servicios sociais de atención primaria informarán inmediatamente e emitirán a proposta de actuación máis conveniente en relación ó beneficiario para proceder á aplicación da nova medida.

Capítulo VIII

Do seguimento e control

Artigo 15º.-Do seguimento e control.

1. Corresponderalles ós concellos nos que se leve a cabo o acollemento, a través dos servicios sociais de atención primaria, asumi-lo proceso de seguimento e control directo destes acollementos, que se efectuará como mínimo semestralmente, no caso de non acontecer ningunha incidencia.

2. Cando a persoa maior ou discapacitada acollida procedese dun concello diferente a onde se leve a cabo o acollemento, os servicios sociais de ámbolos dous concellos coordinaranse para face-lo seguimento no primeiro mes do acollemento, e a partir dese momento o concello onde se leve a cabo o acollemento comunicará ó concello de onde proceda o acollido as incidencias que xurdan no desenvolvemento do acollemento.

3. Non obstante o anterior, a consellería competente en materia de asuntos sociais poderá levar a cabo calquera inspección e control sobre a adecuación das axudas ó fin para o que foron concedidas, así como empregar calquera outro sistema de avaliación e control que se considere oportuno. Así mesmo, para os efectos de realizar unha avaliación do programa, os concellos deberán remitir ás delegacións provinciais da consellería toda a información que no seu momento lles sexa solicitada.

Capítulo IX

Da extinción

Artigo 16º.-Extinción das axudas.

1. O dereito á percepción da axuda extinguirase por calquera das causas seguintes:

-Obstrucción do labor inspector dos servicios do concello ou da consellería competente en materia de asuntos sociais así como por non facilita-los datos requiridos.

-Rescisión do contrato de acollida.

-Incumprimento dalgunha das condicións pactadas no devandito contrato, logo de audiencia das partes.

-Perda polo acollido ou polo acolledor dalgún dos requisitos recollidos nos artigos 4º e 5º, respectivamente.

-Incumprimento polo acollido da obriga de comunica-las variacións dos seus ingresos.

2. O acollemento quedará sen efecto no momento en que se acredite que o acolledor deixou de estar en condicións físicas ou mentais para presta-la atención adecuada, e sempre e cando non houber outro membro da familia disposto a presta-lo servicio, debendo nese caso solicitar de inmediato ser el a persoa acolledora e sempre que cumpra os requisitos establecidos.

Disposición adicional

A concesión das axudas reguladas neste decreto axustarase ó establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as disposicións contidas na normativa reguladora dos distintos réximes de axudas e subvencións e terá como límite global o crédito asignado para o efecto nos orzamentos anuais da Comunidade Autónoma.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 225/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o programa de acollemento familiar para persoas maiores e minusválidos, e o Decreto 184/2000, do 29 de xuño, que o modifica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a titular da consellería competente en materia de asuntos sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xuño de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais