Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 15 de xullo de 2003 Páx. 9.425

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 302/2003, do 3 de xullo, polo que se modifican os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, aprobados polo Decreto 270/2000, do 26 de outubro.

A disposición transitoria da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que os colexios profesionais galegos que estivesen constituídos á entrada en vigor da dita lei deberán adapta-los seus estatutos a ela.

En cumprimento da dita disposición o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia procedeu á modificación de determinados artigos dos seus estatutos.

Tendo en conta o disposto no artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias ó que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de xullo de dous

mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 4, 5, 8, 13, 21 e 40 dos estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, que pasarán a te-la seguinte redacción:

1. Artigo 4:

«O ámbito territorial do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia será a Comunidade Autónoma galega.

O colexio terá sede na cidade da Coruña e o seu domicilio social será na rúa San Roque, 10-1º, 15001 A Coruña.

Os cambios de enderezo poden ser acordados por proposta da xunta de goberno, por asemblea ordinaria por maioría».

2. Artigo 5:

«O colexio réxese polos presentes estatutos, pola súa lei de creación, pola Lei de colexios profesionais

de Galicia, e por calquera outra lexislación autonómica, estatal ou comunitaria que lle afecte».

3. Artigo 8:

«O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume as funcións que a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, determina para os consellos galegos de colexios profesionais».

4. Artigo 13:

«Será requisito indispensable para o exercicio da profesión de fisioterapeuta no ámbito territorial de Galicia, en calquera das súas modalidades, a previa incorporación ó Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. Os profesionais titulados vinculados coa administración pública mediante relación de servicios de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados cando o beneficiario sexa a Administración. Os profesionais colexiados noutros colexios profesionais de fisioterapeutas haberán de cumpri-los requisitos que se establecen no artigo 21 destes estatutos. Os fisioterapeutas que non exerzan a profesión poderán incorporarse ó colexio de forma voluntaria sempre que cumpran os requisitos».

5. Artigo 21:

«1. Para os fisioterapeutas colexiados noutro colexio profesional de fisioterapeutas do territorio nacional, será suficiente coa súa incorporación a un só dos colexios profesionais, que será o do seu domicilio profesional único ou principal, sen que poidan esixi-los colexios profesionais nos que no seu ámbito territorial non radique o dito domicilio, habilitación ningunha nin o pagamento de prestacións económicas distintas daquelas que se esixan ós seus colexiados pola prestación dos servicios dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos polas cotas colexiais.

2. Os fisioterapeutas colexiados noutro colexio profesional que pretendan exerce-la súa actividade en Galicia comunicaranllo ó Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia a través do seu colexio profesional de procedencia».

6. Artigo 40:

«A duración dos cargos será de catro anos. Se algún dos compoñentes da xunta de goberno excepto o presidente, cesa por calquera causa, a mesma xunta designará o substituto con carácter de interinidade, ata que se verifique a primeira elección parlamentaria. A baixa do presidente ha de ser cuberta polo vicepresidente e supón o nomeamento dun substituto deste entre os membros da xunta de goberno. De producirse a vacante de máis da metade dos membros da xunta de goberno ou do presidente e do vicepresidente ó mesmo tempo, convocaranse eleccións no prazo dun mes».

Artigo 2º

Engádese un punto ó artigo 32 e ó artigo 37, respectivamente, e dous novos artigos, 63 e 64, coa seguinte redacción:

1. Artigo 32:

«n) A modificación de estatutos e código deontolóxico».

2. Artigo 37:

«l) A reclamación de cotas ós colexiados morosos».

3. Artigo 63:

«1. Contra os actos suxeitos ó dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios profesionais caberá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas.

2. No suposto de actos e resolucións dictados no exercicio de competencias administrativas delegadas haberá que aterse ós termos da propia delegación en canto ó órgano competente para coñecer no caso do recurso correspondente».

4. Artigo 64:

«O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia será auditado cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos. Todo iso sen prexuízo da función fiscalizadora que corresponde ós organismos públicos legalmente habilitados para iso».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local