Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 11 de xullo de 2003 Páx. 9.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o sector do comercio da pel da provincia de Ourense para o ano 2003.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio da pel da provincia de Ourense para o ano 2003 (código de convenio nº 3200135), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5 de maio de 2003, subscrito con data do 21 de abril de 2003, pola Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense, en representación da parte económica, e, polas centrais sindicais comisións obreiras (CC.OO.) en representación dos traballadores do sector, esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 9 de maio de 2003.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio da pel da provincia

de Ourense para o ano 2003

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e a central sindical CCOO, ambas partes con lexitimidade suficiente para asina-lo convenio, segundo o previsto no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal, o presente convenio afectará ás empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense, xa

sexan naturais ou xurídicas as persoas titulares delas, que se dediquen ás actividades do comercio da pel en xeral, tanto por xunto como polo miúdo e ás que lles sexa de aplicación a Ordenanza laboral do traballo para o comercio e, así mesmo, ás relacións laborais entre tales empresas e os productores que presten nelas os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2003, independentemente da súa publicación no BOP. Este convenio será de aplicación na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese para o presente convenio unha duración de 1 ano, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2003, prorrogable tacitamente de ano en ano a partir de 2003 en períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes que o subscribe antes do termo da súa vixencia inicial, ou de calquera das súas prórrogas.

Os requisitos formais da denuncia serán os establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras que presenta este convenio establécense co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para ó traballador condicións máis beneficiosas que as aquí pactadas, manténdose ad personam en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión mixta paritaria de interpretación e vixilancia do convenio, integrada polas persoas asinantes deste, tal e como se sinala na disposición derradeira terceira deste convenio.

Artigo 7º.-Funcionamento da comisión mixta paritaria.

No caso de reclamación sobre materia regulada no convenio, a comisión mixta paritaria, unha vez oída a representación sindical dos traballadores do centro de traballo afectado e a dirección da empresa, dictaminará por maioría sobre o asunto. De non ser aceptado o dictame da comisión mixta paritaria, resolverá a autoridade laboral competente en cada caso.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para cada traballador/a. Este período poderase dividir en dous. Os traballadores terán dereito a desfrutar 15 días de vacacións entre os meses de xuño a setembro, ambos inclusive. Os outros 15 días fixaranse de común acordo entre empresa e traballador, fixando o calendario de desfrute nos tres primeiros meses do ano e debendo coñece-los traballadores este calendario con dous meses de antelación á data do

comezo destas, tal como establece a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Salario base.

Os salarios base do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 6% do salario correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, que se pagará entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será estimado, se é o caso, sobre o salario actualizado á data na que sexa pagada e incluso a de beneficios, para aqueles que, regulamentariamente ou por pacto, o teñan recoñecido, de tal maneira que o importe destas pagas ha de ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 12º.-Axuda de estudios.

Establécese unha axuda mensual de 3,46 euros para os fillos dos traballadores que cursen BUP ou ensinanzas inferiores e de 7,33 euros ó mes para estudios superiores. Aqueles traballadores que desde o ano 1996 veñan percibíndoa, seguirán facéndoo ata que desapareza a causa que a motiva, non xerándose esta axuda para os que non a perciban ó atoparse xa incorporada o salario.

Artigo 13º.-Remuneración anual.

A remuneración anual total será a establecida no presente convenio correspondente a cada categoría incluída a antigüidade, pagas extraordinarias, beneficios e axudas de estudios cando a xornada sexa a tempo parcial ou reducida. Nos casos de enfermidade, vacacións e licencias aplicarase o disposto na Ordenanza laboral do comercio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral para a vixencia do presente convenio será de 40 horas semanais. A xornada semanal será de luns a sábado, rematando a xornada ás 13.30 horas do sábado, ata a sinatura do seguinte convenio, respectándose en todo caso os límites de traballo fixados para a xornada diaria e o descanso entre xornadas establecidos no texto refundido do Estatuto dos traballadores, Lei 1/1995, do 24 de marzo.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ambas partes manifestan que, no caso de que a instalación deste inflúa no comercio da pel en Ourense, se reunirá a comisión paritaria do convenio para analiza-la

situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Os traballadores terán dereito a tres días libres ó ano, que desfrutarán segundo as necesidades persoais do traballador e comunicando a data de desfrute con 72 horas de antelación á dirección da empresa, sempre que desto non derive unha diminución do cadro de persoal superior ó 40%.

Fíxanse como días para traballar como consecuencia das festas do Nadal e de acordo coa tradición con que se vén facendo, os sábados pola tarde do mes de decembro: e dicir, os días 13, 20 e o 27 de decembro de 2003, e o 3, 10, 17, 24 e o 31 de xaneiro de 2004, tendo os ditos sábados pola tarde a consideración de xornada efectiva de traballo sempre e cando non se superen as 40 horas semanais de xornada efectiva establecida neste artigo. Os sábados de Nadal que se traballen pola tarde, serán aboados en tempo de descanso, de tal maneira que por unha tarde do sábado, se desfrutará media xornada completa de descanso, elixindo os traballadores a data de desfrute, coidando que non coincidan varios descansos á vez por cada empresa.

Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica, se así o acordan entre empresa e os traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio establecen como unha guía adecuada para a creación de emprego a reducción das horas extraordinarias, para o cal recomendan a súa supresión. No obstante o anterior, poderán realizarse as horas extraordinarias que sexan consideradas como estructurais ou de forza maior. Para os efectos de considerar cales son as horas estructurais ou de forza maior, haberá que aterse ó disposto no punto cuarto do Acordo nacional de emprego, así como ó disposto no R.D. 1858/1981, do 29 de agosto.

Os traballadores que excedan a súa xornada laboral nunha hora e media semanal, terán dereito a compensar este exceso con descanso na semana seguinte a aquela na que se producise o exceso.

Artigo 16º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven cando menos 10 anos traballando na empresa e causen baixa nela de xeito voluntario a partir dos 64 anos, terán dereito á gozar dun mes de vacacións retribuídas.

O goce das ditas vacacións retribuídas farase efectivo coa correspondente antelación ó cesamento efectivo na empresa, debendo comunicarlle o traballador fidedignamente á empresa a súa decisión de cesar nela.

A empresa entregaralle un certificado da concesión do mencionado premio de vacacións acreditativo da solicitude deste por parte do traballador.

Artigo 17º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar no centro de traballo para o coñecemento do persoal. Así mesmo, colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 18º.-Baixa por IT.

A baixa por maternidade terá a retribución do 100% do salario neto que viña percibindo. No caso de que a traballador/ra opte por gozar dúas semanas antes do parto segundo determina a OMS, respectaráselle a mencionada retribución.

En caso de accidente de traballo, o traballador percibirá o 100% do seu salario a partir do primeiro día da baixa. No caso de enfermidade profesional e IT percibirá, con cargo á empresa polo período de un ano como máximo, o salario que lle corresponda polo presente convenio, incrementado polos aumentos polos anos de servicio.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

a) As empresas deberán cumpri-lo texto refundido do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e, se é o caso, a normativa que poida substituíla ou modificala e os acordos nacionais asinados entre ambas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán de forma mancomunada ante o empresario a representación para a que foron elixidos, e intervirán en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións e traballo do persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral ou entidades xestoras da seguridade social segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e seguridade social. Os comités de empresa recibirán información, que lles será facilitada trimestralmente alomenos, sobre a situación da producción e vendas da empresa, sobre a súa programación da producción e a evolución probable de emprego na empresa, o balance de resultados, a memoria e no caso

de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean ós socios e nas mesmas condicións que a estes. Emitir informe con carácter previo sobre a reestructuración do cadro de persoal e os cadros bancarios.

b) En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes se poderá incluír xunto á sinatura do empresario e do traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comités de empresa e delegados de persoal.

c) A dirección da empresa, no prazo dunha semana, entregarálle-la copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

d) Cláusula sobre liquidacións: tódolos recibos de liquidación deberán especificar con toda claridade,

xunto cos demais conceptos que se lle deben ó traballador, os correspondentes atrasos do convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión se existise.

e) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderán realizar contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Para isto a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas afectadas por este convenio colectivo só poderán aplica-lo réxime salarial pactado polo acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de persoal de traballadores da empresa ós que lles é de aplicación o convenio, mediante asemblea legalmente constituída. Ademais, a desvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada polas perdas nos últimos dous exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito no que consten os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo, deberá achega-la documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo de 1 mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo para aplicar na empresa afectada, que en ningún caso afectará á estructura establecida para o salario do convenio.

En todo caso, o beneficio da non aplicación só se estende ata o remate do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude. Rematado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores/as reflectiranse nas actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 21º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirán discriminacións por razón de sexo, idade, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán a percepción de igual salario en igual función, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el, unha vez cumpridos os 18 anos, as táboas vixentes no presente convenio.

Artigo 22º.-Fomento á contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade do emprego que deriva do actual ciclo

económico, o contrato por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas e exceso de pedidos a que se refire este artigo, poderá realizarse cunha duración como mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses dentro dun período de referencia de 18 meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en canto ó goce de beneficios salariais, complementos etc. Unicamente no período oficial de rebaixas e para a substitución por IT ou durante o período de vacacións poderá ter unha duración inferior a seis meses.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con alomenos 15 días de antelación, cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que esta indemnización corresponde por finalización do contrato ou das súas prórrogas. Se o contrato se rescindira antes de remata-la súa duración máxima, ou a de cada unha das súas prórrogas por causa non imputable ó traballador, este terá dereito á indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción ó remate do tempo máximo de duración dos doce meses, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertaran con carácter temporal ou por duración determinada, acollerase ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado e fomento da contratación indefinida, en virtude do cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 23º.-Contratos de formación.

De conformidade co artigo 11.2º c) do Estatuto dos traballadores (Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o R.D. 488/1998, poderanse efectuar contratos formativos cunha duración mínima de seis meses e unha máxima de tres anos. No non previsto neste convenio para estes contratos haberá que aterse ó que dispón o mencionado R.D. 488/1998. Os ditos contratos estenderánselles ós traballadores de 16 a 21 anos.

Artigo 24º.-Contrato en prácticas.

A retribución destes contratos será do 75% e do 85% respectivamente, para o primeiro e segundo ano do contrato, do salario de convenio fixado para a categoría profesional que corresponda.

Artigo 25º.-Fixos descontinuos.

Aqueles traballadores que presten os seus servicios laborais nunha mesma empresa e nun mesmo período de forma eventual, ós tres anos como máximo, pasarán a ser fixos descontinuos.

Artigo 26º.-Contrato por obra ou servicio determinado.

As partes asinantes do presente convenio colectivo consideran que dada a peculiaridade do sector, este tipo de contrato non é o máis adecuado para este, polo que se recomenda a realización doutros tipos de contratación.

Artigo 27º.-Non asistencias retribuídas.

O traballador, tralo aviso e xustificación, poderá faltar ó traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite efectuar un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días. Igualmente, o traballador terá dereito a dous días no caso de hospitalización de fillos e parentes ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade. Cando por tal motivo o traballador teña que facer un desprazamento, o prazo será de catro días.

No non previsto neste convenio haberá que aterse ó disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, de conciliación da vida familiar e laboral.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo inescusable, para o cumprimento dun deber público e persoal, comprendido o exercicio inescusable do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis dun vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso

poderá ser gozado indistintamente pola nai ou o pai no caso de que ámbolos dous traballen.

h) Quen por garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 28º.-Réxime disciplinario por acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais, graves ou leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, a xunta de persoal, a sección sindical ou os representantes dos traballadores/as e a dirección de persoal da empresa velarán polo dereito a intimidade do traballador/a afectado/a ou procurando silencia-la súa identidade cando así fora requirido.

(*)Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluída na Lei de infraccións e sancións na Orde social do 7 de abril de 1998.

Artigo 29º.-Estabilidade no emprego.

Tódolos contratos realizados por empresas afectadas polo presente convenio se axustarán o principio de causalidade, de modo tal que para un posto de traballo fixo non se poderá realizar outro contrato que non sexa un contrato indefinido.

As empresas deste sector que conten con máis de 10 traballadores terán, o 31 de decembro de 2002, un cadro de persoal do 50% de emprego fixo.

Artigo 30º.-Excedencias.

Excedencia voluntaria.-O traballador ou traballadora cunha antigüidade na empresa dun ano ou máis terá dereito a que se lle recoñeza o dereito a situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito soamente poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se pasaron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Excedencia por coidado de familiares.- Os traballadores e traballadoras terán dereito a un período de excedencia de duración no superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou nos supostos de acollemento tanto preadoptivo como permanente, contado desde a data do nacemento, ou, se é o caso, da resolución administrativa ou xudicial.

O período que o traballador estea en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o

traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, para o que será convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa incorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Pasado este tempo, a reserva será dun posto do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Os traballadores e traballadoras terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, para atende-lo coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída

Disposicións derradeiras

Primeira.-

O incremento salarial do presente convenio é dun 3,5% durante a súa vixencia.

Segunda.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC real do ano 2003 superase o 3%, as empresas aboarán en concepto de revisión este exceso a partir do mes no que se supere esta porcentaxe. A cantidade resultante aboarase nunha soa paga antes do 28 de febreiro de 2004. Actualizaranse as táboas salariais para o ano 2004.

Terceira.-En todo, caso o que non se encontre previsto expresamente no presente convenio suxeitarase ó disposto na Ordenanza laboral de traballo no comercio, mentres ambas partes non acorden substituíla por un convenio colectivo, no caso de que fose derrogada, ademais da Lei do Estatuto dos traballadores, así como a Lei orgánica de liberdade sindical e todas aquelas disposicións legais de aplicación.

Cuarta.-A comisión paritaria do convenio estará formada polas persoas asinantes do presente convenio.

Quinta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida supoñer para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado pola CEG e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que estean formuladas.

Sexta.-As partes que asinan este convenio son a Asociación Empresarial do Comercio da Pel de Ourense e a central sindical CC.OO.

Táboa salarial

CategoríaSalario

Xefe de división760,76 euros
Encargado xeral e xefe de compras732,82 euros
Xefe de sucursal ou almacén732,82 euros
Xefe de sección mercantil705,32 euros
Encargado691,46 euros

CategoríaSalario

Viaxante691,46 euros
Dependente maior663,76 euros
Dependente627,02 euros
Axudante618,77 euros
Mozo618,77 euros
Xefe administrativo733,67 euros
Contable692,18 euros
Oficial administrativo663,76 euros
Auxiliar administrativo618,77 euros
Auxiliar de caixa maior627,03 euros
Auxiliar de caixa479,21 euros
Escaparatista724,74 euros
Persoal de limpeza 4,35 salario/hora