Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.969

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2003 pola que se anuncia e regula o Curso selectivo de ingreso na función pública galega do persoal de xestión da Administración da Xunta de Galicia, escala técnica de inspección turística.

Concluída a fase de oposición das probas selectivas para o ingreso na función pública galega do persoal do corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, escala técnica de inspección turística, convocadas por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia o día 18 de decembro de 2001 (DOG nº 250, do 28 dos citados mes e ano), e publicada a regulamentaria relación de aspirantes aprobados, conforme a resolución dictada polo correspondente tribunal cualificador, procede subseguintemente convoca-lo preceptivo curso selectivo, segundo se prevé na expresada disposición.

O mencionado curso será organizado pola Escola Galega de Administración Pública, en cumprimento do establecido na base II.4 da antedita orde.

En consecuencia, esta escola

RESOLVE:

Primeiro.-Que se convoquen, coa soa excepción dos que proveñan da quenda de promoción interna, ós aspirantes aprobados na respectiva fase de oposición para a realización do aludido curso selectivo, que comezará na EGAP o día 15 de setembro de 2003.

Segundo.-Durante o desenvolvemento do citado curso selectivo, os aspirantes terán a condición de «funcionarios en prácticas», séndolles de aplicación o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, as disposicións sobre retribucións que lles correspondan a aqueles funcionarios e as normas desta resolución.

1. Normas.

1.1. O curso selectivo compoñerase de dúas fases:

a) Módulos temáticos.

Á impartición das materias contidas en cada módulo conferiráselle un carácter fundamentalmente práctico e servirá, ó mesmo tempo, para afondar nos coñecementos adquiridos polos aspirantes na fase preparatoria da correspondente oposición.

b) Aplicación de coñecementos.

1.2. Conforme se establece nas normas dedicadas ós «Réximes disciplinario e académico» desta disposición, declárase obrigatoria a concorrencia ás clases e restantes actividades que integran o curso selectivo, así como a execución dos traballos e tarefas que se lles encarguen ós participantes.

1.3. Os aspirantes que non superasen o curso selectivo poderán incorporarse ó inmediatamente posterior, coa puntuación asignada ó último dos participantes nel. De non superalo, perderán tódolos seus dereitos para seren nomeados funcionarios de carreira.

2. Módulos temáticos.

Os módulos temáticos sobre os que versarán as correspondentes clases serán estes:

I. Procedemento administrativo e recursos humanos (18 horas).

II. Dereito turístico de Galicia (21 horas).

III. Outras cuestións que inciden na actividade inspectora (24 horas).

Total horas lectivas desta fase: 63.

As clases impartiranse, de 17.00 a 20.00 h, de luns a xoves, e de 11.00 a 14.00 horas, os luns, na Escola Galega de Administración Pública.

Baixo a responsabilidade do coordinador de cada módulo, as clases serán impartidas por profesores especializados nas materias correspondentes, e no seu desenvolvemento procurarase a participación dos alumnos no tema debatido, o labor do equipo e o coloquio permanente. O coordinador e os profesores de cada módulo coidarán especialmente de imprimirlles un carácter eminentemente práctico ás ensinanzas que impartan.

3. Aplicación de coñecementos.

Esta fase completará o ciclo formativo deste curso, e consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ó funcionamento dunha organización os coñecementos previamente adquiridos polos aspirantes, relacionados coas funcións e procedementos da inspección turística. Neste sentido os alumnos realizarán os traballos e tarefas que, con este propósito e dentro do horario de permanencia nas oficinas, lles encomenden o xefe de servicio de inspección turística en Santiago de Compostela ou os xefes de servicio de turismo nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, por proposta da Escola Galega de Administración Pública, vista a proposta da subdirectora xeral de Ordenación de Turismo, disporá os destinos onde os alumnos deberán cumprir esta fase formativa.

Esta fase se prolongará durante 37 horas e coincidirá cronoloxicamente coa de carácter temático. Os alumnos asistirán polas mañás, de 11.00 a 14.00 horas, os mércores e xoves, e de 10.00 a 14.00 horas, os venres, ás oficinas e centros públicos dos seus respectivos destinos, nos que estarán baixo a dependencia dos anteditos xefes de servicio. A autoridade competente, de quen dependan xerarquicamente estes funcionarios, comunicará, coa maior brevidade, á EGAP a identidade destes últimos.

Terceiro.-Conforme a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2001, publicada no DOG nº 116, do día 15 do citado mes e ano, as normas internas que regulen os cursos selectivos serán establecidas pola Escola Galega de Administración Pública.

En consecuencia, segundo esta facultade, establécese o seguinte:

1. Obxecto.

Estas normas teñen por obxecto concreta-las regras de funcionamento e desenvolvemento interno do curso nas materias relativas ó rexime disciplinario e académico e ó sistema de cualificación.

2. Réxime disciplinario.

2.1. Segundo o artigo 1.1º do Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (D. 94/19991, do 20 de marzo), os funcionarios en prácticas estarán sometidos ó disposto no mencionado regulamento, na medida en que lles sexa da aplicación, sen prexuízo das normas especiais que regulen o seu procedemento de selección.

2.2. Declárase obrigatoria a asistencia ás clases e restantes actividades que integran este segundo curso selectivo, así como a execución dos traballos, estudios, proxectos e tarefas relacionadas cos contidos do curso que se lles encargen ós participantes.

3. Réxime académico.

3.1. Avaliación académica.

Para a avaliación académica dos participantes teranse en conta os seguintes elementos:

-Asistencia ás clases. Neste sentido é imprecindible que os alumnos asistan, alomenos, ó 85% do tempo de duración do curso para ter opción a superalo. Por tempo de duración do curso entenderase a suma das horas lectivas de tódolos módulos, mailas correspondentes ás da fase «Aplicación de coñecementos».

Os alumnos que non puidesen realiza-lo curso por forza maior debidamente xustificada, dispensaráselles de facelo, logo da solicitude dos interesados, mediante resolución da EGAP, quedando obrigados a realizalo coa promoción inmediatamente posterior ó momento da desaparición das correspondentes causas, intercalándose no lugar que lles pertenza pola puntuación.

-Resolución de casos prácticos.

-Probas finais de aptitude, ó remate de cada módulo.

3.2. Sistema de cualificación.

Os alumnos, concluído cada módulo da primeira fase, someteranse ás probas de aptitude, fundamentalmente prácticas e referidas preferentemente á Administración, que dispoñan os seus profesores. A cualificación que se lles outorgue por módulo será

de «apto» ou «non apto», sendo necesario para superar esta fase obter, alomenos, a declaración de «apto» en dous dos tres módulos que compoñen o curso selectivo.

Inmediatamente despois de rematada a fase de «Aplicación de coñecementos», a subdirectora xeral de Ordenación de Turismo, solicitados os informes das pertinentes unidades administrativas de destino, remitiralle á EGAP un informe onde manifeste expresamente se os alumnos cumpriron ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas durante a súa permanencia na dependencia de que se trate.

A declaración definitiva da cualificación de «apto» ou «non apto», tanto no que se refire á fase dos «Módulos temáticos» coma á de «Aplicación de coñecementos», competerá ó respectivo tribunal cualificador da oposición, logo do informe-proposta do director do curso, oída a comisión constituída para este efecto, formada polos profesores-coordinadores do curso e dos xefes de servicio onde os alumnos permaneceron durante o ciclo de «Aplicación de coñecementos».

Corresponderalle ó director da EGAP a dirección deste curso.

3.3. Perda da escolaridade.

O incumprimento por parte dos participantes das obrigas de asistencia e realización de probas e exercicios establecidas no punto terceiro, 2.2 e 3.1 («Réximes disciplinario e académico»), suporá a perda da escolaridade, sen prexuízo dos efectos que puidesen derivarse pola aplicación do réxime disciplinario.

4. Non superación do curso.

Segundo o preestablecido no artigo 16 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes que non superen este curso selectivo poderán incorporarse ó inmediatamente posterior coa puntuación asignada ó último dos participantes nel. De non superalo, perderán tódolos seus dereitos para seren nomeados funcionarios de carreira.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública