Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.966

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se determinan as datas e os lugares para a elección de destinos provisionais polos funcionarios pertencentes ó corpo de mestres para o vindeiro curso escolar 2003-2004.

Coa finalidade de adxudicar destino provisional para o curso académico 2003-2004 ó profesorado sen destino definitivo, pertencente ó corpo de mestres, convócase este procedemento, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Convócase concurso para a provisión das necesidades de profesorado, pertencentes ó corpo de mestres, para o curso 2003-2004, entre o profesorado sen destino definitivo.

Segunda.-Están obrigados a participar neste concurso:

a) O profesorado procedente de escolas suprimidas, clausuradas ou aqueles ós que lle fora anulado o destino definitivo no concurso de traslados, agás aqueles mestres ós que a Inspección Educativa as adscriba funcionalmente.

b) Os propietarios provisionais.

c) Os reingresados.

d) Os funcionarios en prácticas da oposición do 2002.

e) Os opositores que superen o procedemento selectivo para ingreso no corpo de mestres, convocado pola Orde do 6 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo )

f) O profesorado interino necesario para a cobertura das vacantes resultantes dos procesos levados a cabo nas delegacións provinciais. Este profesorado será citado no seu momento.

Terceira.-O profesorado pertencente ós puntos a), b), c) e d) da base segunda elixirá vacantes pertencentes á provincia na que traballaron no curso escolar 2002-2003, agás que conten con autorización da Dirección Xeral de Persoal para face-la elección noutra provincia.

O profesorado pertencente ó punto e) da base segunda elixirá destino na provincia na que se matriculou no proceso selectivo de 2003.

Cada delegación provincial publicará as relacións dos mestres que deben elixir destino na súa provincia.

O profesorado interino elixirá destino en Santiago de Compostela.

Cuarta.-A elección de destinos farase nas seguintes datas e lugares.

a) O profesorado pertencente ós puntos a), b), c), d) e e) da base segunda elixirá destino de acordo ó seguinte calendario:

A Coruña: os días 2 e 3 de setembro, ás 9 horas, no IES Cruceiro Baleares. Acea da Ama. O Burgo.

Lugo: o día 3 de setembro, ás 9 horas, no salón de actos do edificio administrativo, r/ Armando Durán, s/n. Lugo.

Ourense: o día 3 de setembro, ás 10 horas, no IES Blanco Amor, r/ Vicente Risco, 13. Ourense.

Pontevedra: os días 2 e 3 de setembro, ás 9 horas, no IES Sánchez Cantón, avda. Raíña Victoria. Pontevedra.

b) O profesorado pertencente ó punto f) da base segunda elixirá destino en Santiago de Compostela no lugar e datas que oportunamente se comunicará.

Quinta.-Vacantes. As delegacións provinciais publicarán as vacantes provisionais o día 4 de xullo de 2003 nos taboleiros de anuncios destas, así como na páxina web da Dirección Xeral de Persoal.

As relacións de vacantes e electores definitivas publicaranse, nos mesmos lugares, o día 28 de agosto de 2003.

Sexta.-Contra as relacións provisionais de vacantes e electores poderá presentarse reclamación no prazo de sete días naturais desde a súa publicación.

Sétima.-Resoltos os distintos procesos de mobilidade, publicaranse os postos vacantes resultantes para ser cubertos polos mestres interinos, pertencentes ás listas que no seu momento se citen.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2003.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO