Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2003 Páx. 8.947

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de xuño de 2003 pola que se regula a pesca peláxica coa arte de cerco na campaña 2003.

De conformidade co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e co Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, anualmente regúlase cada campaña de capturas de especies peláxicas coa arte de cerco, coas que se trata de acadar unha maior protección dos recursos e mellora-la súa comercialización.

Neste ano, como consecuencia da prohibición da actividade despois do accidente do petroleiro Prestige en augas desta Comunidade Autónoma, unha vez reiniciadas as pesqueiras con esta arte, procede darlle continuidade nas condicións establecidas no ano anterior.

Na súa virtude, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños,

DISPÓN:

Artigo 1º

As embarcacións autorizadas para exerce-la pesca de cerco que realicen o desembarco das súas capturas de especies peláxicas nos portos de ámbito territorial desta Comunidade Autónoma limitarán as súas capturas e desembarcos ás seguintes cantidades diarias, respectando, en todo caso, o total admisible de capturas e cotas establecidas polo Regulamento (CE) nº 2341/2002 do Consello, do 20 de decembro.

-Sardiña (Sardina pilchardus): 7.000 kg.

-Parrocha (sardiña de 11 a 15 cm de talla): 500 kg.

-Xarda (Scomber Scombrus): 10.000 kg.

-Rincha (xarda de 20 a 23 cm de talla): 6.000 kg.

-Xurelo (Trachurus trachurus): 6.000 kg.

-Bocareo (Engraulis encrasicholus): 10.000 kg.

-Bocareo pequeno (bocareo de máis de 60 pezas/kg e talla superior á correspondente talla mínima establecida): 2.000 kg.

-Mestura ou varios (entendéndose por mestura cando a especie máis abundante non supere o 80% do total das capturas): 10.000 kg.

En calquera caso, non poderá supera-los 7.500 kg, o conxunto de sardiña e parrocha.

Artigo 2º

Os límites diarios establecidos no artigo anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais.

Se as capturas obtidas superasen as cantidades sinaladas, a cesión dos excedentes a outras embarcacións poderase facer unicamente cando se leve a cabo no mar, fóra do porto, quedando prohibido o transbordo e traspaso deles noutras condicións.

Artigo 3º

Para a descarga de especies peláxicas autorízanse os seguintes portos: Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro, Cariño, Sada, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Portosín, Aguiño, Ribeira, Cambados, Portonovo, Marín, Bueu e Vigo.

Non obstante, segundo o disposto no punto 3º do artigo 16 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, se os lotes vendidos por telefonía se pretenden descargar nun porto distinto ó da venda, a entidade concesionaria da lonxa ou a responsable do centro da venda estará obrigada a comunicarllo de xeito inmediato á delegación territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, non podendo realizarse a descarga ata dúas horas despois de ser transmitida a dita comunicación.

Artigo 4º

Os buques poderán utilizar, con carácter circunstancial, para as súas actividades pesqueiras, portos diferentes ó do seu porto base, coas seguintes limitacións:

-O cumprimento da normativa específica do porto.

-O estricto respecto ós usos e costumes dos pescadores locais.

-A capacidade de atracada e subministración dos servicios básicos.

Artigo 5º

As tallas das especies non poderán ser inferiores ás establecidas na Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

Non obstante, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 2341/2002 do Consello, do 20 de decembro, que fixa para o ano 2003 os totais admisibles de capturas de determinadas poboacións e grupos de poboacións de peixes e determinadas condicións nas que poden pescarse, no caso do xurelo (Trachurus spp.) admitirase un 5% en peso e en cómputo total, con talla comprendida entre 12 e 15 cm. Ó se-la cota de xurelo asignada a España

para 2003, nas divisións CIEM VIIIc e IX de 29.587 toneladas, a cantidade total admitida de xurelo de talla comprendida entre 12 e 15 cm é de 1.479,35 toneladas. Para os efectos do control desta cantidade, aplicarase o coeficiente 1,2 ó peso dos desembarques.

Para os efectos de control e xestión desta cota, as correspondentes federacións provinciais de confrarías de pescadores remitiranlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños, antes do día 15 de cada mes, a información relativa ás cantidades de xurelo de talla comprendida entre 12 e 15 cm capturado durante o mes anterior.

Artigo 6º

As capturas desembarcadas terán que ser obrigatoriamente consignadas no libro de control de capturas de especies peláxicas establecido pola Orde do 11 de agosto de 1987, na lonxa onde se realice a primeira venda.

O establecido no parágrafo anterior será sen prexuízo das obrigas derivadas dos regulamentos (CEE) 2847/1993 do Consello das Comunidades Europeas e 2807/1983 da Comisión, respecto ó diario de a bordo.

Os mencionados libros de control de capturas peláxicas deberán ser dilixenciados nas correspondentes delegacións territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, anualmente ó inicio de cada campaña. En todo caso, deberán estar dilixenciadas no prazo de 30 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 7º

Horario de pesca:

Das 12.00 horas do luns ata as 16.00 horas do venres

As horas que se sinalan entenderanse como de saída e de entrada no porto.

Artigo 8º

O incumprimento do establecido nesta orde sancionarase segundo a Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

Disposición adicional

O disposto nesta presente orde terá vixencia ata a expresa regulación da próxima campaña.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións precisas para o mellor cumprimento do aquí establecido.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o dia seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E

VOLUNTARIADO