Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2003 Páx. 8.468

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2003 pola que se lle outorga a Hermanos Vidal Padín, S.L. permiso de actividade para a posta en funcionamento dun establecemento auxiliar de cultivos mariños en Vilaxoán-Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Examinado o expediente instruído para efectos de outorgamento do permiso de actividade para a explotación dunha estación depuradora e centro de expedición, apreciáronse os seguintes

A) Feitos:

Primeiro.-Mediante escrito do 7 de novembro de 2000, Juan Manuel Vidal Padín, en representación de Hermanos Vidal Padín, S.L. (CIF: B36339372), solicitou permiso de actividade para a explotación dunha estación depuradora e un centro de expedición na r/ Víctor Pita, 33, Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Segundo.-O interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de establecementos.

Terceiro.-No expediente consta a seguinte documentación, referida ó resultado da información pública e oficial:

-Anuncio de información pública, inserido no DOG.

-Informe técnico biolóxico da Delegación Comarcal de Vilagarcía de Arousa.

-Informe urbanístico do Concello de Vilagarcía de Arousa.

-Informe do ente público Portos de Galicia (Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda).

-Informe, en materia de defensa, da Comandancia Militar de Mariña de Vilagarcía de Arousa (Ministerio de Defensa).

-Informe, en materia de navegación, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa (Ministerio de Fomento).

-Informe da Dirección Xeral de Turismo (Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo).

-Cualificación ambiental e declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente).

-Informe xurídico do Servicio Técnico-Xurídico.

B) Fundamentos de dereito:

Primeiro.-Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142, do 24 de xullo de 1997).

Segundo.-Orde do 17 de marzo de 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67, do 5 de abril de 2000).

Terceiro.-Este órgano é competente para resolve-lo expediente de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101, do 31 de maio).

Examinadas as disposicións citadas, a proposta de resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Outorgar a Hermanos Vidal Padín, S.L. (CIF: B36339372) permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación do establecemento auxiliar de cultivos mariños que a continuación se indica:

-Nome: Hermanos Vidal Padín, S.L.

-Tipo: estación depuradora e centro de expedición.

-Actividade: eliminación de xermes patóxenos, clasificación e envasado.

-Especies: moluscos.

-Situación: lugar: r/ Víctor Pita, 33, Vilaxoán. Concello: Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

-Superficies:

Dominio privado, superficie da parcela: 5.953,01 m.

Dominio público: por determinar, corresponde ó ente público Portos de Galicia.

-Características das instalacións:

Superficie construída: 3.513,43 m, distribuidos en:

1 nave de 387,93 m, con vestiarios, aseos e almacéns.

1 nave de 3.125,5 m, con zonas de depuración e expedición, almacén e caseta de bombas.

Zona de depuración:

Nº de piscinas: 9. Superficie total útil de depuración: 656,41 m.

Segundo.-Someter a autorización ás seguintes condicións:

Primeira.-Vixencia.

O permiso de actividade outórgase por un prazo de dez anos, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG.

Poderán prorrogarse por períodos máximos de outros dez, ata un máximo total de 30 anos, logo de petición do interesado presentada dentro dos 60 días anteriores ó vencemento da súa vixencia.

Segunda.-Ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

A entrada en vigor desta resolución queda condicionada a que o titular do permiso de actividade obteña, do ente público Portos de Galicia, a concesión para ocupación do dominio público que corresponde, conforme o disposto na alínea b), do artigo 11 bis, da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

O titular remitiralle á Dirección Xeral de Recursos Mariños copia compulsada da resolución de outorgamento da citada concesión de ocupación, no prazo máximo dun mes desde a notificación.

Terceira.-Obras e instalacións.

As obras e instalacións, que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña das autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo de acordo co proxecto básico de execución de reparación de danos, rehabilitación, acondicionamento e modernización de nave para centro depurador de moluscos e anexos subscrito en marzo de 2000 polo arquitecto Jesús María Diéguez Pazos, visado polo colexio profesional correspondente con data do 30 de marzo de 2000, e deberán quedar totalmente rematadas no prazo de tres anos, contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución.

A execución das obras e instalacións e o inicio da actividade realizaranse de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000 citada.

Cuarta.-Declaración de impacto ambiental.

Coa finalidade de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse de aplicar, xunto coas medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avalación Ambiental con data do 17 de outubro de 2002, notificadas ó promotor con data do 10 de xaneiro de 2003.

Quinta.-Modificacións.

Nin o establecemento, nin o dominio público ocupado, nin as obras nel executadas poderán destinarse a usos distintos dos autorizados. Baixo ningún concepto se poderán modifica-las instalacións sen permiso expreso desta consellería.

Sexta.-Extinción.

O permiso de actividade ó que se refire esta resolución extinguirase polo incumprimento dalgunha das condicións dela, polos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia e no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, así como polo incumprimento de calquera das prescricións sinaladas na concesión de ocupación do dominio público.

Sétima.-Licencias doutros organismos competentes na materia.

O outorgamento deste permiso de actividade non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Oitava.-Impostos.

O titular xustificará o pagamento á Facenda Pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non estar suxeito o acto ó dito imposto, feita pola Delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Novena.-Fianzas.

Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar, ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños, un aval correspondente ó 4% do orzamento de execución por contrata para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental (DOG nº 32, do 17 de febreiro de 1997).

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso postestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, ou recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción contecioso-administrativa, que se interporá no prazo de dous meses, contados, en ámbolos dous casos, desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos