Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 26 de xuño de 2003 Páx. 8.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Maconsi, S.L. (cafetería do Hospital do Meixoeiro e cociña do Hospital Nicolás Peña).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Maconsi, S.L., cafetería Hospital Meixoeiro e cociña Hospital Nicolás Peña con nº de código 3603271

que tivo entrada nesta delegación provincial o día 28-4-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 11-4-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de maio de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Capítulo I

Ámbito de aplicacións e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as condicións laborais entre os traballadores/as e a empresa, nos centros de traballo da cafetería do Hospital do Meixoeiro e do servicio de cociña do Hospital Nicolás Peña, adscritos á empresa Maconsi, S.L.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten o carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúen un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas en global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As condicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outro.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será de 2 anos, do 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro de 2004, independentemente da súa publicación no BOP, terá efectos a partir do 1 de xaneiro do ano 2003.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións deriven de interpretación, vixencia e aplicación deste con

venio, a mesa negociadora deste constitúe unha comisión paritaria integrada por 3 representantes da dirección da empresa e 3 da parte social.

A comisión paritaria ten as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias do incumprimento deste.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador/a concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

Este convenio entenderase prorrogado por un ano, se algunha das partes non o denuncia dentro dos tres últimos meses da súa vixencia.

Artigo 8º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto neste convenio colectivo haberá que aterse ó disposto na lexislación ou normativa laboral legalmente vixente e especialmente ó acordo laboral de ámbito estatal para o sector da hostalería.

Capítulo II

Contratacións e persoal fixo de centro

Artigo 9º.-Contratacións.

Ó inicia-la relación laboral, a empresa queda obrigada a formalizar por escrito un contrato de traballo onde se recollen tódalas condicións de traballo que rexen na normativa legal aplicable, con independencia da modalidade contractual (fixo ou eventual), dándose obrigatoriamente unha copia deste ó traballador no prazo máximo de 15 días.

Así mesmo quedan incluídos neste punto tódolos contratos que se realicen para substituír traballadores en baixas ou períodos de vacacións, séndolles a estes de aplicación as mesmas condicións que rexen neste convenio para o resto do cadro de persoal.

No disposto na lexislación vixente, ámbalas partes acordan que o contrato eventual por circunstancias da producción teña unha duración máxima de 12 meses nun período de 16 meses.

Artigo 10º.-Períodos de proba.

Os períodos de proba establecidos serán os seguintes:

Axudante, camareiro e cociñeiro: 1 mes.

Xefe de cociña e encargado: 2 meses.

Capítulo III

Remuneracións, salarios e complementos

Artigo 11º.-Remuneracións.

As remuneracións que percibirán os traballadores e traballadoras afectados polo presente convenio

para o ano 2003 son as que figuran a continuación nas táboas salariais e que corresponden ás categorías que se detallan:

CategoríaAno 2003

Encargado838,57

Xefe de cociña821,57

Cociñeiro772,03

Camareiro772,03

Axudante de cociña632,75

Axudante de camareiro632,75

Para o ano 2004 tódolos conceptos económicos se incrementarán no IPC real a 31 de decembro de 2003.

O aboamento dos conceptos retributivos deste convenio realizarase no último día do seu vencemento, a excepción das pagas extras que se aboan o día 15 dos meses de decembro, xullo e setembro.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os traballadores/as afectados polo presente convenio, a partir do 1 de maio do ano 2000, xerarán trienios ó 5% en concepto de antigüidade. Estes trienios serán calculados sobre as táboas de retribucións vixentes en cada momento.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Por regra xeral non se realizarán, en caso de necesidade xustificada, estas serán realizadas sempre poñéndose de antemán en coñecemento do representante legal dos traballadores e serán compensadas en metálico aplicándolle-lo 75%.

Fórmula prezo hora: Salario base+antigüidadex15/1.800.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo, setembro e decembro que serán aboadas os días 15 de cada un dos meses citados e estarán compostas por unha mensualidade de salario base máis a antigüidade, se é o caso.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22.00 e as 8.00 horas terán a consideración de nocturnas e serán aboadas cun incremento do 25% sobre o prezo sobre da hora normal.

Artigo 16º.-Complemento de IT ou accidente.

A empresa completará ata o 100% do salario do convenio, en caso de accidente, baixa por enfermidade ou por hospitalización, desde o primeiro día.

Artigo 17º.-Complemento de transporte.

En concepto de complemento de transporte os traballadores/as percibirán a contía de 45,5 euros durante 11 meses ó ano.

Artigo 18º.-Revisión salarial.

No caso de que a 1 de xaneiro de 2005 algunha das categorías deste convenio teña un salario base inferior ó marcado para esta categoría no convenio colectivo provincial de hostalería de Pontevedra e ós que corresponda na sección terceira e categoría de 2 cuncas, este actualizarase co obxectivo de que ningún salario sexa inferior ós estipulados no devandito convenio provincial.

Capítulo IV

Dereitos sindicais

Artigo 19º.-Organización sindical dos traballadores e traballadoras na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos para canaliza-las relacións entre os traballadores e a empresa. En consecuencia, a empresa respectará o dereito de tódolos traballadores/as que o desexen a sindicarse libremente, non sendo iso un obstáculo para a súa contratación.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores/as afiliados a un sindicato a celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas e lugar de traballo e sen perturba-la normal actividade da empresa.

Deberá existir un taboleiro de anuncios no que os sindicatos debidamente implantados nela poderán dar publicidade a informacións e comunicacións.

Os delegados de persoal e membros do comité de empresa, como representantes legais dos traballadores, terán tódolos dereitos e facultades que lles recoñece a lexislación vixente. Entre outras facultades, deberán ser informados das propostas de sancións, calquera variación do cadro de persoal da empresa e vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 20º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os delegados de persoal e membros de comités de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou dimisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas graves ou moi graves obedecera a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos á parte do interesado, outros membros do comité de empresa se é o caso. Os representantes dos traballadores non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 21º.-Crédito horario.

Os delegados de persoal ou membros de comités de empresa disporán dun crédito horario mensual de 20 horas retribuídas e para o exercicio das súas

funcións de representación, podendo ser acumuladas nun ou varios membros.

Artigo 22º.-Desconto en nómina de cota sindical.

A empresa descontará a cota sindical ós traballadores afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización deles, sendo esta cota remitida ó sindicato correspondente.

Artigo 23º.-Asembleas.

Os traballadores/as terán dereito a dispor dunha hora mensual para reunirse. Co ánimo de non dificulta-la organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá supera-los 45 minutos e celebrarase no horario acordado entre a dirección e os delegados de persoal ou membros do comité de empresa.

Artigo 24º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 50% de afiliación entre os traballadores do cadro de persoal terán os dereitos que lles outorga a lexislación vixente.

Capítulo V

Xornada traballo, vacacións, licencias, permisos,

excedencias

Artigo 25º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral durante a vixencia deste convenio será de 1.800 horas anuais, computando os 30 minutos de descanso como traballo efectivo. A súa aplicación será acordada entre os delegados de persoal e a empresa.

Artigo 26º.-Festivos.

Os traballadores/as terán dereito a 14 días festivos que poderán ser acumulados ás vacacións anuais ou desfrutados en período distinto, neste caso serán respectados os días de descanso semanal.

Artigo 27º.-Descanso semanal.

O descanso semanal dos traballadores/as afectados polo presente convenio será de día e medio ininterrompido, e será sinalado pola empresa coa suficiente antelación non podendo ser variado sen consentimento dos traballadores afectados, salvo especiais circunstancias ou necesidades do servicio, mediando, se é o caso, aviso ó interesado con tempo suficiente.

Artigo 28º.-Vacacións.

A empresa, de acordo cos delegados de persoal, fixará as quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria. A súa duración será de 30 días naturais podendo ser engadidos a estes os festivos anuais.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente ou enfermidade entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

Artigo 29º.-Licencias e permisos.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos, irmáns e tíos: 1 día natural ou 2 días naturais en caso de ser en distinta provincia.

c) Nacemento dun fillo: 4 días naturais.

d) Falecemento cónxuxe, pais, fillos, avós e irmáns do traballador: 4 días naturais.

Enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de: cónxuxe, pais, fillos, avós e irmáns do traballador ou traballadora con convivencia 4 días, sen convivencia 2 días e un máis en caso de distinta provincia.

e) Falecemento de tíos e sobriños: 2 días naturais, con convivencia: 3 días naturais.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

g) Permiso de lactación: as traballadoras por lactación dun fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal dunha hora coa mesma finalidade.

h) Polo tempo indispensable cando por razón de enfermidade, o traballador/ra, así como os fillos menores de 12 anos e as persoas dependentes, precisen a asistencia ó consultorio médico en horas coincidentes coa súa xornada laboral e prestando o xustificante da dita asistencia. No caso do acompañamento de fillos e persoas dependentes, esta licencia terá un máximo de 6 visitas ó ano, considerándose as que superen esta cifra como licencia non retribuída.

i) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación de parto.

j) Os traballadores/as terán dereito a se ausentaren do seu posto de traballo e polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal (xulgados, notarios, etc.). Será imprescindible a acreditación da asistencia.

k) Dous días de libre disposición. Estes desfrutaranse sempre e cando soliciten cun mínimo de 7 días de antelación e nunca coincidindo dous traballadores na mesma data e centro de traballo.

Todo o anteriormente exposto é de aplicación ás parellas de feito, legalmente recoñecidas.

As licencias descritas serán de aplicación nos casos de consanguinidade e afinidade.

Tódalas licencias deberanse solicitar á empresa con xustificante de recepción, sempre que a circunstancia sexa previsible, se non fose así, abondaría coa comunicación telefónica. Os permisos e licencias serán xustificados a posteriori por parte do traballador ou traballadora cos xustificantes oportunos.

Os traballadores/as terán dereito igualmente a desfruta-las licencias non retribuídas que estableza a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 30º.-Excedencias.

A empresa concederá a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de 2 anos de servicio a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de 6 meses e máxima de 3 anos, quedando a empresa obrigada a reincorporar automaticamente ó traballador excedente que o solicite coa antelación dun mes, tempo do aviso previo, con obxecto de que a empresa poida integra-lo dito persoal.

Artigo 31º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial, ata que o seu fillo cumpra os 2 anos de idade, garantíndoselle a súa reincorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte ó dereito da excedencia voluntaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai traballador, podendo exercelo só un membro da parella, no caso de que ambos traballen na mesma empresa. A antigüidade só será computada durante o primeiro ano.

Capítulo VI

Prevención de riscos laborais

Artigo 32º.-Comité de saúde laboral.

De acordo coa Lei de saúde laboral, constitúese un comité de saúde laboral, a súa composición fárase en base o que marque a lei. Con carácter anual este comité elaborará un estudio de riscos e un plan para eliminalos. Os representantes deste comité disporán do mesmo crédito horario que os membros do comité de empresa ou delegados de persoal, con obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 33º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a efectuar un recoñecemento médico detallado na Lei de seguridade laboral, polo menos unha vez ó ano, en data que determinará a empresa e de acordo cos representantes dos traballadores.

Artigo 34º.-Vestiarios.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas ó seu persoal.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores/as de 2 uniformes completos unha vez ó ano e no primeiro mes deste.

Artigo 36º.-Cambios de posto por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo máis acorde coa súa situación.

Capítulo VII

Subrogación dos traballadores

Artigo 37º.-Adscrición do persoal.

Ó remate da concesión, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova

titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

-Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro sexa cal fora a súa modalidade de contrato de traballo e cunha antigüidade mínima de tres meses.

-Traballadores/as que con contrato de interinidade substitúan a algún dos traballadores enunciados no punto anterior, independentemente da súa antigüidade.

-Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran ó centro como consecuencia da ampliación da contrata.

Segundo.-Tódolos supostos anteriormente recollidos deberán acreditarse de forma que faga fe e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante comunique de forma que faga fe á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación deste á nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores e traballadoras non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser que sexa por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro.-Documentos que facilitará a empresa saínte á entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día do pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos tres últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número da Seguridade Social, antigüidade, xornada, modalidade de contratación e data de desfrute das vacacións.

-Copia do documento debidamente dilixenciado por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Cuarto.-O empresario saínte estará obrigado a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos con

ceptos retributivos dos traballadores e traballadoras, con obxecto de que estes cobren integramente as pagas correspondentes.

Artigo derradeiro.-Partes asinantes.

Pola empresa: José Manuel Cotilla González. Xurxo A. Arias Cotobad.

Polos representantes dos traballadores: Alberto Heras Revelo. Sonia Mª Fontán Rodríguez.

Por CC.OO.: Rosario Pérez Graña. Jorge Carneiro Penedo.