Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.356

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CELANOVA

ANUNCIO.

Aprobadas pola Comisión de Goberno na sesión do 14 de abril de 2003, a convocatoria e as bases que rexerán na oposición a unha praza de policía local, transcríbense a seguir, para os efectos oportunos:

1. Obxecto da convocatoria.

O obxecto desta convocatoria é a provisión en propiedade dunha praza de policía local, incluída no cadro de persoal do concello, dentro da escala de Administración especial-subescala de servicios especiais. Clase: policía local, grupo D, dotada cos haberes correspondentes ó devandito grupo e demais complementarias fixadas pola propia corporación. Incluída na oferta de emprego de 2003.

2. Requisitos dos aspirantes.

Para poderen tomar parte na oposición os aspirantes deben reuni-los requisitos seguintes, referidos todos e cada un deles á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser español, de acordo coa lexislación vixente.

b) Ter cumpridos 18 anos e non exceder de 30.

c) Estar en posesión do titulo de graduado escolar ou de formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que lle impida a realización das funcións da praza ou resultasen incompatibles con elas.

e) Acredita-la aptitude física mediante a presentación dun certificado médico, no que se faga constar expresamente que o aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias e suficientes para a realización dos exercicios físicos que figuran especificados na correspondente proba de oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no certificado médico.

f) Non estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas nin separado do servicio das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme.

g) Ter unha estatura mínima de 1,70 metros os aspirantes masculinos e de 1,65 metros as aspirantes femininas.

h) Estar en posesión do permiso de conducir das clases A ou antigo A-2 e B (coa autorización especial prevista no artigo 7.3º do Regulamento xeral de conductores) ou antigo B-2.

3. Solicitudes.

3.1. O que desexe tomar parte nesta oposición deberá presentar instancia na que manifeste que reúne todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda e comprometéndose, no caso de obte-la praza, a prestar xuramento ou promesa, conforme o Real decreto 701/1979, do 5 de abril, así como a portar armas e, se é o caso, chegar a utilizalas.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó alcalde-presidente do concello e presentaranse no Rexistro Xeral no prazo de 20 días naturais contados desde o seguinte ó da publicación do extracto da convocatoria no BOE.

3.3. As instancias tamén se poderán presentar na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de participación no proceso selectivo serán de 12 euros, que se deberán ingresar na Tesourería municipal, directamente ou mediante xiro postal, ingreso en conta bancaria. etc. O xustificante do ingreso deberase unir á instancia presentada.

Á solicitude xuntaranse os documentos seguintes:

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia dos carnés de conducir esixidos na base 2.h) ou compromiso de telo na data a que se alude, así mesmo, na devandita base 2.h).

-O certificado médico previsto na base 2.e).

-Compromiso de aceptación de todo canto establecen estas bases.

4. Admisión dos aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a alcaldía-presidencia dictará resolución no prazo de quince días na que aprobará a lista provisional

dos aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, concedendo un prazo de dez días, conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, para a presentación de reclamacións, contados desde a publicación no BOP.

Transcorrido o prazo de presentación de reclamacións, a alcaldía-presidencia dictará resolución na que aprobará a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos e na que se nomearán os membros do tribunal cualificador, determinando, así mesmo, o lugar, a data e a hora do comezo do proceso selectivo.

A resolución publicarase no BOP e os sucesivos anuncios no taboleiro de edictos do concello.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador estará constituído da seguinte forma:

-Presidente: o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

-Secretario (con voz e sen voto): o secretario do Concello ou funcionario en quen delegue.

Vocais:

-Un representante da Xunta de Galicia por proposta da Academia Galega de Seguridade.

-Un funcionario de carreira designado pola alcaldía.

-O delegado de persoal funcionario do concello.

-O concelleiro-delegado de tráfico.

5.2. Por cada membro do tribunal nomearase un suplente.

5.3. O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente. Antes de proceder á cualificación de cada un dos exercicios, establecerá as súas propias regras de funcionamento.

5.4. O nomeamento dos membros do tribunal farase por resolución da alcaldía, por proposta dos órganos correspondentes.

5.5. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorra algunha das causas previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou no suposto previsto no artigo 13.2º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e poden ser recusados polos aspirantes neses supostos.

5.6. Poderán ser nomeados previamente polo alcalde asesores do tribunal, con voz e sen voto, sempre que se consideren necesarios para a adecuada cualificación dalgunha proba.

5.7. Os integrantes do tribunal terán dereito ó aboamento de asistencias, de conformidade co previsto no Real decreto 462/2002, do 24 de maio. Para estes efectos, o tribunal cualificador terá a categoría terceira.

6. Sistema de selección.

6.1. A selección dos aspirantes farase polo sistema de oposición libre e constará de dúas fases: oposiciòn e cursos de formación na Academia Galega de Seguridade polo prazo de tempo que determine con carácter xeral a academia.

Con carácter previo ó comezo das probas, realizarase un control de estatura.

6.2. Fase de oposición: constará das seguintes probas, todas elas obrigatorias e eliminatorias, excepto a cuarta proba, que será obrigatoria pero non eliminatoria.

Primeira proba: aptitude psicotécnica. Dirixida a comprobar que as aptitudes e caracteres de personalidade dos aspirantes son os máis adecuados para a función policial que se van desempregar. A tal fin, realizaranse:

a) Exercicios que avalíen as capacidades de aprendizaxe, cálculo, comprensión verbal, razoamento e memoria do aspirante.

b) Cuestionario de personalidade normalizado.

Segunda proba.

a) Aptitude física: realización das probas seguintes:

a-1) Facer 20 flexións de brazos en posición de decúbito por un tempo de 60 segundos.

a-2) Salto de altura con listón a 1,35 metros, os aspirantes masculinos e a 1,20 metros as aspirantes femininas.

a-3) Subir unha corda lisa de 7 metros de alto.

a-4) Carreira de 100 metros, nun tempo máximo de 15 segundos para os aspirantes masculinos e 18 para as aspirantes femininas.

a-5) Salto de lonxitude con carreira, cun mínimo de 4 metros para os aspirantes masculinos e 3,5 metros para as aspirantes femininas.

a-6) Carreira de 3.300 metros, nun tempo máximo de 15 minutos para os aspirantes masculinos e 17 para as aspirantes femininas.

Para as probas das alíneas a-2), a-3), a-4) e a-5) disporán os aspirantes de dous intentos.

Para a realización das probas físicas, que terán lugar na orden que dispoña o tribunal, os aspirantes deberán vir provistos de roupa deportiva adecuada.

b) Recoñecemento médico.

Terceira proba: consistirá nas seguintes:

a) A primeira consistirá en contestar, por escrito e durante o prazo de 60 minutos, a dous temas sacados a sorte dentro dos do programa do anexo I destas bases, un deles referido á parte xeral e outro á parte especial.

b) A segunda, por escrito, consistirá na realización dun ou varios supostos prácticos (atestado, parte ou documento referente a problemas de circulación

rodada e outra materia relacionada co cargo) no tempo que o tribunal determine en cada caso.

Cuarta proba: por escrito, consistirá na traducción de dous textos: un, do galego para o castelán; outro, do castelán para o galego. Textos que serán propostos polo tribunal.

A actuación dos aspirantes farase por orde alfabética, comezando coa letra resultante no sorteo que se celebrará previamente.

Entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte deberán transcorrer polo menos 48 horas e non máis de 20 días. Non obstante, poderanse acurtar os prazos, sempre que estean de acordo tódolos aspirantes que poidan participar no seguinte exercicio.

7. Cualificacion.

A primeira proba, alínea b), da aptitude psicotécnica, así como a segunda proba, de aptitude física, cualificaranse como aptas ou non aptas, sendo declarados non aptos os aspirantes que non superen a indicada proba b) da aptitude psicotécnica e calquera das probas relacionadas na aptitude física.

Cada membro do tribunal cualificará de 0 a 10 puntos a proba primeira, alínea a), da aptitude psicotécnica, que será eliminatoria, así como as probas terceira e cuarta, separadamente. As cualificacións adoptaranse sumando as puntuacións outorgadas polos distintos membros do tribunal e dividindo o total polo número deles, sendo o cociente a cualificación definitiva. Para poder supera-lo exercicio, precísanse 5 puntos de nota media, agás os exercicios da proba cuarta.

Rematada a práctica de cada proba e despois da cualificación, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial a lista dos opositores que realizaron o exercicio coa cualificación ou puntuación obtida por cada un, con indicación dos que pasen ó seguinte exercicio e dos que queden eliminados.

A orde de cualificación definitiva estará determinada pola suma de puntuacións da proba primeira, alínea a) e probas terceira e cuarta. No caso de empate, resolverase con outro exercicio proposto polo tribunal e sobre materia relacionada coas funcións da praza.

A relación de aprobados e proposta de nomeamento, un só, que será o de maior puntuación, será elevada polo tribunal á alcaldía, xuntamente coa acta da última sesión que celebren.

8. Presentación de documentos.

O opositor proposto presentará na Secretaría do Concello, no prazo dos 20 días seguintes ó da notificación da proposta de nomeamento, a documentación acreditativa de cumpri-los requisitos esixidos na convocatoria.

Se tivese a condición de funcionario público estará exento de xustifica-los requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar,

unicamente, certificación do ministerio ou organismo do que dependa acreditando a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente.

Se dentro do prazo indicado, salvo caso de forza maior, non presentase a documentación aludida, non poderá ser nomeado e quedará anulada toda a súa actuación, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidese incorrer por falsidade na instancia.

Neste suposto, a alcaldía, á vista da relación de aprobados, requirirá o seguinte pola orde de puntuación, sempre que figure nela.

9. Nomeamento de funcionario de carreira.

Unha vez presentada a documentación, de ser conforme esta coa base 2ª da convocatoria, o aspirante proposto será nomeado funcionario en prácticas, percibindo as retribucións que legalmente corresponden á dita situación, debendo superar un curso teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade antes do seu nomeamento definitivo como funcionario de carreira. Se non supera este curso en dúas convocatorias consecutivas, como máximo, perderá tódolos seus dereitos para ser nomeado funcionario de carreira.

10. Incidencias.

A convocatoria, as bases e cantos actos administrativos deriven desta e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos, termos e formas previstos pola Lei 30/1992.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que se presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde desta oposición. No non previsto nestas bases, rexerán como supletorias a Lei 7/1985, o Real decreto lexislativo 781/1986, o Real decreto 364/1989, a Lei de coordinación das policías locais de Galicia 3/1992, do 3 de marzo, o Decreto 121/1995, do 20 de abril, polo que se aproban os criterios básicos de selección, formación, promoción e mobilidade dos membros das policías locais e demais normas concordantes.

Celanova, 27 de maio de 2003.

O alcalde

Rubricado

ANEXO I

Parte xeral

Tema 1. A Constitución española de 1978: principios xerais e estructura.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais da persoa na Constitución de 1978.

Tema 3. A Coroa. O poder lexislativo.

Tema 4. O Goberno e a Administración pública. Organización territorial do Estado.

Tema 5. O poder xudicial. O Tribunal Constitucional. Reforma da Constitución.

Tema 6. O Estatuto de autonomía de Galicia: principios xerais e estructura. Institucións autonómicas.

Tema 7. A Administración local. Competencias municipais. Órganos municipais: atribucións, estatutos dos seus membros.

Tema 8. A función pública local. Dereitos e deberes. Faltas e sancións. O procedemento sancionador.

Tema 9. A Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade do Estado. Disposicións xerais. Principios básicos. Disposicións estatutarias comúns. Especial consideración no título V das policías locais.

Tema 10. Principios básicos do dereito penal. Delictos e faltas. Persoas responsables criminalmente.

Parte especial

Tema 11. A Lei 3/1992, de coordinación das policías locais de Galicia. Ingreso, promoción e mobilidade. Réxime estatutario. Normas básicas de estructura, organización e actuación das policías locais.

Tema 12. O atestado policial. A detención. O depósito de detidos. A asistencia letrada ó detido. O habeas corpus.

Tema 13. A policía local e as relacións humanas. Soportes éticos. Normas de actuación.

Tema 14. A Lei de seguridade vial. Obxecto e ámbito de aplicación. Circulación urbana.

Tema 15. Infraccións en materia de tráfico e seguridade da circulación vial. Procedemento sancionador.

Tema 16. Organismos oficiais que interveñen en materia de circulación. Facultades municipais en materia de circulación.

Tema 17. Normas xerais de circulación. Sinalización. Parada e estacionamento. Carga e descarga.

Tema l8. As ordenanzas municipais. Bandos da alcadía.

Tema 19. A policía local e o urbanismo. A policía local e as funcións de sanidade e abastecemento. Referencia ás licencias de apertura de establecementos. A policía local e os bens e instalacións municipais.

Tema 20. A protección civil. Dereitos e obrigas en materia de protección civil. As funcións dos municipios e da policía local.

Tema 21. Breve descrición do termo municipal de Celanova. Principais lugares de interese cultural, artístico, deportivo e turístico.