Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2003 Páx. 8.288

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de xuño de 2003 pola que se nomea con carácter provisional o Padroado da Fundación Fernández Espín.

Con data do 27 de decembro de 1973, en Camariñas, ante o notario Rafael Benzo Mestre, outorgou testamento Manuela Fernández Espín, constituíndo a Fundación Fernández Espín e facendo beneficiarios dela os veciños de Camariñas.

O Padroado inicial da Fundación ó que fai referencia o artigo 5 dos seus estatutos nunca foi constituído xa que os seus integrantes non chegaron a acepta-los cargos. Na actualidade dous deles xa faleceron e outro está discapacitado.

Como consecuencia do anteriormente exposto, a vontade da fundadora Manuela Fernández Espín non puido ser realizada xa que a fundación constituída vía testamentaria nunca foi operativa.

Co fin de levar a cabo a vontade da fundadora e promove-lo fin da atención a anciáns e desvalidos, a Asociación de Veciños de Camariñas solicita a posta en marcha da fundación, polo que, de conformidade co establecido no artigo 22 f) da Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e o artigo 9.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e co o obxecto de restablece-la actividade fundacional, prócedese ó nomeamento, con carácter provisional, do padroado. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co establecido no artigo 22 f) da Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da

Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e o artigo 9.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e co obxecto de restablece-la actividade fundacional, procédese ó nomeamento, con carácter provisional, do Padroado da Fundación Fernández Espín, da seguinte forma:

Presidente: o cura párroco de San Jorge de Camariñas.

Secretaria: Ana María Campos Sánchez.

Vocais: o presidente da Asociación de Veciños de Camariñas, o director do Colexio Público de Xaviña, e o responsable do Colexio Público de Infantil e de Primaria O Areal, ámbolos dous de Camariñas.

Artigo 2º

O padroado procederá á adecuación da carta fundacional á normativa vixente en materia de fundacións de interese galego.

Disposición adicional

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública