Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 23 de xuño de 2003 Páx. 8.274

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2003 pola que se aproba a convocatoria do concurso específico 2/2003 entre funcionarios para prover postos vacantes nesta corporación.

Prestar aprobación ás seguintes bases da convocatoria de concurso específico (2/2003) entre funcionarios para prover postos de traballo vacantes nesta corporación:

I. Vacantes.

Convócase concurso específico entre funcionarios para prove-los postos de traballo actualmente vacantes, que cos requisitos e condicións correspondentes se relacionan no anexo I.

II. Aspirantes.

1. Poderán participar neste concurso os funcionarios de carreira da Deputación Provincial da Coruña, excepto os suspensos en firme, que non poderán participar mentres dure a suspensión, sempre que na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes transcorresen dous anos desde a toma de posesión no último posto de traballo obtido por concurso ou libre designación, agás que fosen trasladados do seu anterior destino obtido mediante concurso ou libre designación antes de transcorrer dous anos desde a correspondente toma de posesión ou que procedan dun posto de traballo suprimido, e reúnan as condicións xerais esixidas e os requisitos determinados na convocatoria na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

2. As solicitudes dirixiranse ó órgano convocante.

3. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar na propia solicitude de vacantes a adaptación do posto de traballo solicitado, sempre que non supoña unha modificación exorbitante no contexto da organización. A Comisión de Valoración poderá solicitarlle ó interesado, en entrevista persoal, a información que estime necesaria para a adaptación aducida, así como o dictame dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria e, se é o caso, da Comunidade Autónoma correspondente, no tocante á procedencia da adaptación e da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións

do posto en concreto. Neste suposto, a resolución do concurso producirase logo de recibidos, analizados e avaliados pola Comisión de Valoración os informes pertinentes.

III. Méritos.

Os méritos específicos e, se é o caso, a súa valoración, especifícanse no anexo I para cada un dos postos obxecto da convocatoria. Para tódolos postos se valorará os seguintes méritos:

1. Grao persoal:

a) Por ter consolidado un grao persoal de igual ou superior nivel ó do posto que se solicita: 15 puntos.

b) Por ter consolidado un grao persoal de ata dous niveis inferiores ó do posto que se solicita: 13 puntos.

c) Por ter consolidado un grao persoal de ata catro niveis inferiores ó do posto que se solicita: 11 puntos.

O funcionario que participe neste concurso e que teña un grao persoal consolidado ou que poida ser consolidado durante o período de presentación de instancias, deberá solicitar do órgano ou unidade a que se refire a base V que a dita circunstancia quede expresamente reflectida no anexo III (certificado de méritos).

2. Traballo desenvolvido. Valorarase ata un máximo de 30 puntos tendo en conta a natureza das funcións encomendadas e conforme o seguinte:

a) Polo desempeño de postos de traballo en unidades de contido análogo ou similar ó de adscrición do posto de traballo que se solicita na Deputación Provincial da Coruña con nivel de xefatura: 4 puntos por ano traballado ou fracción superior a seis meses, ata un máximo de 20 puntos.

b) Polo desempeño de postos de traballo en unidades de contido análogo ou similar ó de adscrición do posto de traballo que se solicita na Deputación Provincial da Coruña sen nivel de xefatura: 2 puntos por ano traballado ou fracción superior a seis meses, ata un máximo de 10 puntos.

c) Polo desempeño de postos de traballo en unidades de contido análogo ou similar ó de adscrición do posto de traballo que se solicita noutras administracións públicas: 1 punto por ano traballado ou fracción superior a seis meses, ata un máximo de 5 puntos.

No caso dos funcionarios procedentes das situacións de excedencia voluntaria en calquera das súas modalidades, excedencia polo coidado de fillos, expectativa de destino, excedencia forzosa, servicios especiais e suspensión de funcións, atenderase o nivel do último posto que desempeñaban en activo ou, no seu defecto, atribuirase o nivel mínimo correspondente ó grupo no que se clasifique o seu corpo ou escala.

3. Cursos.

Por cursos relacionados coa actividade que se vai desenvolver, impartidos pola Administración pública ou homologados, ata un máximo de 3 puntos:

* De máis de 100 horas: 0,75 puntos.

* De máis de 70 a 100 horas: 0,50 puntos.

* De máis de 40 a 70 horas: 0,45 puntos.

* De máis de 15 a 40 horas: 0,30 puntos.

* De menos de 15 horas: 0,10 puntos.

No suposto de que na acreditación dos cursos non figure o número de horas, aplicarase a puntuación mínima.

Por cursos relacionados coa actividade que se vai desenvolver, impartidos polo aspirante e organizados pola Administración pública ou homologados, valoraranse ata un máximo de 2 puntos:

* De máis de 100 horas: 0,75 puntos.

* De máis de 70 a 100 horas: 0,50 puntos.

* De máis de 40 a 70 horas: 0,45 puntos.

* De máis de 15 a 40 horas: 0,30 puntos.

* De menos de 15 horas: 0,10 puntos.

No suposto de que na acreditación dos cursos non figure o número de horas, aplicarase a puntuación mínima.

4. Antigüidade. Valorarase a razón de 1 punto por ano completo de servicio, ata un máximo de 15 puntos. Para estes efectos tamén se computarán os servicios prestados con carácter previo ó ingreso no corpo ou escala, recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978.

Non se computarán para efectos de antigüidade os servicios prestados simultaneamente a outros igualmente alegados.

5. Currículum. Cada candidato deberá presentar, xunto coa instancia, o currículum vitae, para efectos de valora-los méritos adecuados ó posto de traballo, cunha puntuación total máxima de 5 puntos.

6. Memoria. Os aspirantes deberán presentar unha memoria que consistirá nunha análise do posto de traballo, cunha extensión máxima de dez follas en tamaño DIN-A4 mecanografadas a dobre espacio por unha soa cara. Os aspirantes deberán defendela ante a Comisión de Valoración cando esta o considere necesario. Valorarase ata un máximo de 15 puntos.

IV. Datos.

Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes ós méritos que se aduzan, terán que se acreditar debidamente e deberán se-los que en efecto correspondan á data de finalización do prazo de presentación de instancias.

V. Documentación.

1. A xustificación das circunstancias persoais e administrativas do concursante, así como a súa situa

ción e antigüidade, deberanse efectuar mediante certificacións axustadas ó modelo que figura no anexo III, que deberán ser expedidas polo secretario xeral da corporación.

2. Tamén se deberán acreditar documentalmente, mediante certificado expedido para ese efecto, os méritos que os interesados aleguen como determinantes da súa idoneidade.

VI. Solicitudes.

As solicitudes para tomar parte neste concurso, dirixidas ó presidente da Deputación Provincial da Coruña, e axustadas ó anexo II desta convocatoria, presentaranse no prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral desta deputación ou nas oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Deberán ir xunto coa memoria e a documentación acreditativa dos méritos que alegue o concursante.

Só se terán en conta os méritos e a memoria que resulten debidamente acreditados e que se presenten voluntariamente dentro do prazo sinalado na convocatoria.

VII. Resolución.

1. A valoración dos méritos para adxudica-los postos de traballo vacantes efectuarao unha comisión composta polos seguintes membros:

Presidente: o da corporación ou deputado no que delegue.

Vocais:

-O xefe do servicio ou superior xerárquico ó que estea adscrito o posto de traballo obxecto do concurso e, no seu defecto, o funcionario que designe o presidente da corporación.

-O interventor xeral ou secretario xeral, segundo que o posto estea adscrito ou non organicamente á área económica.

-Un representante nomeado pola Xunta de Persoal.

Secretario: o xefe de Servicio de Persoal ou quen legalmente o substitúa.

Os membros da comisión deberán pertencer ós grupos de titulación igual ou superior ó esixido para os postos convocados, e terán dereito a percibi-las indemnizacións corresondentes por participación en órganos de selección do persoal, establecidas no Real decreto 462/2002 e demais lexislación complementaria.

A comisión poderá solicitar da autoridade convocante a designación de expertos que en calidade de asesores actuarán con voz pero sen voto.

A comisión elevaralle á autoridade competente a correspondente proposta para adxudica-lo posto,

consonte coas avaliacións, sen prexuízo do que se establece nas alíneas seguintes:

a) A orde principal para adxudica-los postos determinarase pola puntuación obtida, consonte co baremo establecido na base III Méritos.

b) No caso de empate nas puntuacións, acudirase para dirimilo ás outorgadas nos méritos alegados, pola orde establecida na base III.

De persisti-lo empate, atenderase ó maior tempo de servicios efectivos prestados en calquera das administracións públicas e, se é o mesmo, á maior idade.

2. O prazo para resolve-lo concurso será de dous meses desde o día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de instancias.

3. O destino adxudicado será irrenunciable, salvo que, con anterioridade á finalización do prazo de toma de posesión, os interesados obteñan outro destino, ben polo procedemento de libre designación ou ben concurso, podendo neste caso optar por un dos dous, e estando obrigados a comunicar por escrito nos tres días seguintes a opción realizada.

4. Unha vez formulada a proposta pola Comisión de Valoración, este concurso resolverao o presidente da corporación e publicarase a resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta convocatoria poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a presidencia desta deputación, nos termos e prazos sinalados na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A Coruña, 16 de maio de 2003.

José Luis Torres Colomer

Presidente da Deputación Provincial da Coruña

José Luis Almau Supervía

Secretario da Deputación Provincial da Coruña

ANEXO I

* Denominación: xefe negociado.

* Adscrición: contabilidade.

* Escala: A.X.

* Grupo: C.

* Nivel C.D.: 22.

* C. específico: 4.822,76 euros.

* TP: N.

* Descrición: recepción, verificación e rexistro de facturas e certificacións de obras; supervisión aplicacións IVE; control, rexistro e custodia de documentos de ingreso; recompilación, clasificación e arquivo de lexislación.

* Méritos específicos. Valoración: experiencia nas funcións do posto de traballo na Administración local.

* Titulación: bacharelato, formación profesional de 2º grao ou equivalente.

* Formación específica:.

* Observacións:.