Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 23 de xuño de 2003 Páx. 8.228

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 12 de xuño de 2003 pola que se fixan as tarifas da mediación familiar en Galicia.

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

O artigo 9.1º desta lei, establece que a consellería competente en materia de familia determinará, baseándose nos criterios establecidos na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, as persoas que teñan dereito á gratuidade do servicio de mediación. No parágrafo segundo do mesmo artigo sinálase, así mesmo, que cando o beneficio de mediación gratuíta lle sexa recoñecido a un só dos membros da parella, o outro non terá que aboar máis que a metade do custo da actividade de mediación.

A disposición adicional do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta, establece a posibilidade de que a consellería competente en materia de familia asine convenios de colaboración cos correspondentes colexios profesionais ou asociacións para a atención da mediación gratuíta.

Por outra banda, a mediación familiar defínese na exposición de motivos da Lei 4/2001, como unha actividade de interese público promovida pola Xunta de Galicia en razón de indubidable utilidade pública que representa a axeitada organización e prestación deste servicio para as familias e as unidades de convivencia estable. Así pois, resulta conveniente o establecemento dun límite máximo para o prezo da sesión inicial na que as partes aceptarán e concretarán o prezo do procedemento de mediación.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO

Artigo 1º

O mediador que interveña nun proceso de mediación familiar de acordo co previsto no Decreto 159/2003, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta, ten dereito a percibir con cargo á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e, se é o caso, a través do seu colexio ou asociación profesional, os importes que se establecen neste artigo nos supostos en que ámbalas dúas partes teñan recoñecido o dereito á mediación gratuíta, e a metade destes

importes se só unha das dúas partes ten recoñecido o dereito:

Por cada unha das sesións: 40 euros, ata un máximo de:

-240 euros, se é mediación total.

-120 euros, se é mediación parcial.

Artigo 2º

No caso de que as partes ou unha delas non teñan dereito á mediación gratuíta o importe da sesión inicial que se celebre e na que se establecerán e aceptarán os prezos das seguintes, non poderá ser superior ós 40 A.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente norma.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado