Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 20 de xuño de 2003 Páx. 8.108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de xuño de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de bolsas de residencia para a realización de estudios universitarios de 1º, 1º e 2º ou 3º ciclo, no curso 2003-2004 en centros do Sistema Universitario de Galicia, destinadas ós galegos e ós seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias

en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universalidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Non se concederán axudas para a realización de estudios de especialización, títulos propios das universidades nin de estudios de posgrao. Tódolos trámites necesarios para matricularse na universidade galega elixida deberán ser realizados directamente polos propios estudiantes.

En atención ás anteriores consideracións, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de residencia, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ós galegos e ós seus descendentes que teñan a súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de estudios universitarios de 1º ciclo, 1º e 2º ciclo ou 3º ciclo (etapa de formación), no curso académico 2003/2004, conducentes a titulacións de carácter oficial e validez nacional nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía de 120.202,42 euros.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario non poderá supera-los 3.005,06 euros anuais.

A determinación da contía que vai percibir determinarase en función da valoración do expediente

académico, dos ingresos familiares e da área xeográfica de procedencia.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2003/2004.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes segundo o modelo ED 428A, que se pública como anexo a esta orde, xunto coa documentación correspondente, poderán presentarse no rexistro xeral da consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 1 de outubro de 2003, desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais fillos-netos) e te-la súa residencia familiar en territorio nacional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da publicación desta convocatoria.

-Estar en condicións de inicia-los estudios universitarios para os que se solicita a bolsa ó comezo do curso 2003/2004.

-Acredita-la súa admisión nun centro dunha das tres universidades galegas para segui-los estudios regrados de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, e, cando se trate do terceiro ciclo, estar matriculado nun programa de doutoramento (etapa de formación) impartido nalgún departamento desas universidades.

Artigo 6º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do DNI do solicitante.

b) Copia compulsada do libro de familia ou documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega.

c) Certificado de empadroamento de tódolos membros da unidade familiar.

d) Copia completa compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente ó exercicio de 2002 ou, documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito a declaración ante Facenda.

e) Certificación académica completa, ou copia compulsada dela, na que se fará consta-lo número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias dos estudios realizados polo solicitante, a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas, así como a escala de notas aplicada polo centro onde realizou os seus estudios. No caso de estudios validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

Para os que accedan ó 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo, certificación académica do 1º ciclo dos seus estudios universitarios.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da comisión organizadora das probas de acceso a estudios universitarios -no caso de Galicia, da Comisión Interuniversitaria (CIUG)- conforme son considerados aptos para o ingreso na universidade. Así mesmo, os titulados de FP II, ciclos formativos de grao superior e módulos de nivel III que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de primeiro ciclo ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la certificación académica dos estudios realizados con expresión da nota media do expediente.

f) Xustificante de matricula correspondente ó curso académico 2003/2004.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó pagamento.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do solicitante, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Selección.

A selección farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media = suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media = (N1.P1+N2.P2+...)/C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1 = número de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia.

C1 = número de convocatorias empregadas en cada materia.

Para o cálculo da nota media non se terán en conta as materias ou créditos que, segundo os plans de estudios, soamente se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos nos que non figure cualificación. As materias ou créditos validados, sen que se especifiquen na validación a cualificación obtida, valoraranse como aprobados.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

-Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que á súa vez actuará como secretario, con voz e voto.

Artigo 9º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu. As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación estarán expostas desde o día 21 ó día 31 de outubro de 2003. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta de beneficiarios e suplentes, se é o caso, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Pagamento.

Para os efectos de aboamento, o beneficiario deberá entregar, de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 20 de novembro de 2003, a seguinte documentación:

-Xustificante de matrícula correspondente ó curso 2003/2004.

-Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade.

Artigo 12º.-Obrigas dos bolseiros.

-Incorporarse ó comenzo do curso académico 2003-2004 á universidade ou centro no que se van realiza-los estudios.

-Ó finaliza-lo curso académico, o beneficiario remitirá á Dirección Xeral de Universidades, antes do día 30 de outubro de 2004, certificación académica dos estudios realizados.

-Residir durante o curso académico en Galicia.

-No caso de renuncia á axuda concedida, o beneficiario deberá presenta-la correspondente solicitude dirixida á Dirección Xeral de Universidades coa maior antelación posible.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro) polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria