Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 20 de xuño de 2003 Páx. 8.105

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2003, conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, pola que se convocan cursos de aplicador/manipulador de praguicidas, nivel básico e cualificado.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de formación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipulador destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia realizar.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de seis cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que se celebrarán de acordo coas seguintes bases:

1. Clase e número de cursos que se van impartir.

1.1. Dous cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

1.2. Dous cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel básico.

1.3. Un curso de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel cualificado.

1.4. Un curso de aplicador/manipulador de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel cualificado.

2. Datos dos organismos organizadores.

Os organismos organizadores serán:

2.1. O Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia para os cursos especificados nos números 1.1 e 1.3.

2.2. O Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos, da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os cursos especificados nos números 1.2 e 1.4.

3. Obxectivos dos cursos.

Acadar unha formación axeitada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou realicen tratamentos con praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro, ou de uso ambiental e na industria alimentaria, ó obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para poderen exerce-la dita actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

4.1. Cursos nivel básico.

a) Destinatarios: aplicadores, persoal de establecementos e servicios praguicidas, agricultores e público en xeral.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter polo menos 18 anos de idade. Terán preferencia na selección os aplicadores/manipuladores pertencentes a empresas de tratamentos inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

4.2. Cursos de nivel cualificado.

a) Destinatarios: responsables de equipos de tratamentos terrestres e aéreos e os agricultores que os realicen na súa propia explotación empregando persoal auxiliar, sempre que os praguicidas manipulados non estean clasificados como moi tóxicos. Responsables dos tratamentos DDD, sempre que os praguicidas que se van manipular non estean clasificados como moi tóxicos.

b) Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar en cada curso será de 30 como máximo.

c) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, polo menos, 18 anos de idade.

Tódolos solicitantes que non teñan estudios que validen o nivel básico (xustificado documentalmen

te), terán que ter realizado este nivel para poder solicita-lo de nivel cualificado.

Na selección terán prioridade, sempre que se xustifique documentalmente:

a) Os responsables das empresas inscritas ou en proceso de inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas da Comunidade Autónoma (Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais).

b) Aqueles solicitantes que estean traballando ou traballasen en empresas relacionadas co sector en cargos como responsables.

c) Anos de experiencia.

5. Realización.

Os cursos de nivel básico (un de cada clase en cada centro) levaranse a cabo nos seguintes centros:

-Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.

Enderezo: estrada de Madrid; Guísamo-Bergondo (A Coruña).

-Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán.

Enderezo: A Igrexa, 19; Lourizán (Pontevedra).

Duración e horarios:

Os cursos terán lugar nas seguintes datas:

-Guísamo-Bergondo (A Coruña): do 29 de setembro ó 3 de outubro de 2003.

-Lourizán (Pontevedra): do 22 ó 26 de setembro de 2003.

A duración de cada un será de 23 horas lectivas distribuídas en 15 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario dos cursos será de 9.00 a 17.30 horas de luns a xoves (en xornada de mañá e tarde) e de 9.00 a 14.00 horas os venres. Os coordinadores poderán modifica-lo horario ou os días se fose necesario.

Os cursos de nivel cualificado levaranse a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude.

Enderezo: Sergude-Boqueixón (A Coruña).

Os cursos terán lugar desde o 14 de outubro ó 14 de novembro de 2003.

Curso 1.3 (35 horas teóricas e 25 prácticas).

Curso 1.4 (35 horas teóricas e 25 prácticas).

O horario dos cursos será de 9.00 a 18.00 horas os martes e mércores e de 9.00 a 14.30 horas ós xoves de cada unha das semanas de duración.

6. Programas.

Os temarios que se impartirán en cada un dos cursos figuran no anexo II.

7. Coordinadores técnicos dos cursos.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, os coordinadores técnicos serán:

1.a) Persoal técnico do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia para os cursos dos números 1.1 e 1.3.

1.b) Persoal técnico do Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos, para os cursos 1.2 e 1.4.

8. Solicitudes e inscrición.

As solicitudes de asistencia presentaranse nos modelos que figuran no anexo I.

O solicitante poderá asistir a un ou ós dous cursos que se realicen no mesmo centro se é compatible o horario da súa realización.

A documentación presentarase nos rexistros xerais das consellerías de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou de Sanidade, dependendo dos cursos solicitados, no horario de 9,00 a 14,00 horas ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude ou solicitudes que figura anexo I, e xuntarase unha fotocopia do DNI e, se é o caso, certificación expedida polo establecemento ou servicio de aplicación de praguicidas, especificando o labor que desenvolve o solicitante nel.

Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios de Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e no da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, no prazo de cinco días naturais contados a partir do seguinte ó da finalización do prazo sinalado para a presentación de solicitudes.

9. Certificado de superación dos cursos.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalíen os coñecementos adquiridos polos alumnos e, en caso de superalas, expedirá o certificado co que poderá solicita-lo carné de manipulador de praguicidas de productos fitosanitarios e de uso gandeiro ou de uso ambiental e na industria alimentaria, de nivel básico ou cualificado, segundo corresponda, xa que é o único documento válido para exerce-la actividade.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2003.

José Antonio Álvarez VidalManuel Barral Castro

Secretario xeralDirector xeral

da Consellería de Políticade Saúde Pública da

Agroalimentaria eConsellería de Sanidade

Desenvolvemento Rural

ANEXO II

-Programa dos cursos de nivel básico para productos fitosanitarios e de uso gandeiro:

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

-Programa dos cursos de nivel básico para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria:

1. Praguicidas. Descrición e xeneralidades.

2. Riscos para o home derivados da utilización dos praguicidas.

3. Xeneralidades sobre pragas ambientais e da industria alimentaria e os métodos de loita antivectorial. Técnicas de aplicación de praguicidas.

4. Praguicidas e ambiente. Problemas que presentan. Destrucción de envases.

5. Hixiene e seguridade no seu manexo e aplicación.

6. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios no caso de intoxicación por praguicidas.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

-Programa dos cursos de nivel cualificado para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria:

1. Praguicidas. Clasificación. Xeneralidades e modo de acción. Toxicidade. Lexislación.

2. Transporte, almacenamento, distribución e venda. Lexislación.

3. Formulacións. Preparación. Equipamentos de aplicación.

4. Pragas de roedores. Estudio dos roedores. Raticidas para ratas e ratos. Desratización activa e pasiva.

5. Pragas de insectos e ácaros. O seu estudio. Insecticidas e acaricidas. Métodos de loita antivectorial en ambientes urbanos.

6. Desinfección. Productos usados. Técnicas.

7. Praguicidas e ambiente. Precaucións. Eliminacións de restos de envases. Lexislación.

8. Precaucións e normas de seguridade. Equipos de protección persoal. Saúde laboral.

9. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios en caso de intoxicación por praguicidas. Antídotos.

10. Exercicios prácticos.

11. Proba de avaliación.

-Programa dos cursos de nivel cualificado para praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro:

1. Os inimigos dos cultivos e os danos que producen.

2. Procedementos de protección dos cultivos.

3. Praguicidas químicos: composición, formulacións.

4. Maquinarias de aplicación de praguicidas: tipos, conservación e regulación.

5. Boas prácticas agrícolas.

6. Riscos derivados da utilización de praguicidas.

7. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

8. Práctica de protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde.

9. Intoxicacións. Primeiros auxilios.

10. Residuos de praguicidas.

11. Transporte, almacenamento e distribución.

12. Normativa legal.

13. Prácticas de protección fitosanitaria.

14. Proba de avaliación.