Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2003 Páx. 7.861

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 15 de maio de 2003 polo que se convocan tres cursos de diplomado en enfermería de empresa.

A Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) é unha entidade sen ánimo de lucro adscrita á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que exerce as funcións propias do seu protectorado.

Entre os fins da fundación atópase a formación continua e a reciclaxe profesional de tódalas persoas que dun modo ou outro traballan ó servicio da sanidade en Galicia ou que estean interesadas en recibi-la dita formación, podendo levar a cabo os ditos fins, ben directamente ou ben a través de convenios, acordos ou contratos con outras institucións públicas e privadas.

Neste sentido, a Fegas asinou acordos de colaboración co Hospital do Meixoeiro de Vigo e co Hospital Xeral-Calde de Lugo para, a través das escolas universitarias de Enfermería adscritas ás ditas institucións sanitarias, celebrar, respectivamente en Vigo e Lugo, cadansúas edicións do curso de diplomado en enfermería de empresa promovidas conxuntamente pola Fegas e as ditas institucións sanitarias. Así mesmo, a Fegas asinou tamén un acordo de colaboración co Colexio Oficial de Enfermería da Coruña para a realización dunha edición do mesmo curso na Coruña.

Esta iniciativa de ofertar no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia tres cursos de diplomado en enfermería de empresa xustifícase pola forte demanda de formación existente nesta materia do colectivo profesional de ATS/DUE, percibida tanto pola Fegas como pola Escola de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, a Escola de Enfermería do Hospital Xeral-Calde e o Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

Os cursos contan coa autorización expresa da Escola Nacional de Medicina do Traballo ó se adaptaren os seus contidos ás súas directrices, e os diplomas acreditativos que lles serán expedidos por ela ós participantes que os superen teñen validez en todo o territorio nacional. En todo caso, os cursos rexeranse conforme as seguintes bases:

I. Normas xerais.

1. Convócanse tres cursos de diplomado en enfermería de empresa organizados pola Fegas desde a segunda quincena do mes de setembro ata o fin do mes de novembro de 2003, nos lugares e coa colaboración que a continuación se indica:

a) Un curso en Vigo, en colaboración coa Escola Universitaria de Enfermería adscrita ó Hospital do

Meixoeiro, que se impartirá nas dependencias da dita escola.

b) Un curso en Lugo, en colaboración coa Escola Universitaria de Enfermería adscrita ó Hospital Xeral-Calde, que se impartirá nas dependencias da dita escola.

c) Un curso na Coruña, en colaboración co Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, que se impartirá nas súas dependencias.

2. O número de prazas que se convocan para cada un dos cursos é de 40 como máximo, que se cubrirán por concurso de méritos se o número de aspirantes excede da citada cifra. Terán unha duración de 300 horas, 200 teóricas e 100 prácticas que se realizarÁn en empresas.

3. Non se realizarán os cursos naquelas sedes nas que non se alcance un mínimo de 30 participantes.

Non obstante o anterior, se nalgunha das outras sedes estivesen inscritos máis de 30 e menos de 40 participantes, ofertaránselle-las prazas non cubertas ata esta última cantidade ós interesados que elixiron realiza-lo curso naquelas sedes onde este non se pode realizar ou a aqueles que, tendo optado por unha sede determinada, quedaron excluídos por aplicación do concurso de méritos. Esta oferta realizarase tendo en conta a maior puntuación obtida conforme o baremo de méritos que se publica como anexo I deste acordo.

Na solicitude os aspirantes soamente poderán elixir realiza-lo curso nunha soa sede. Se, a pesar disto, algún deles solicita na dita instancia máis dunha sede, entenderase que soamente lle interesa realiza-lo curso na primeira delas.

4. Os méritos académicos e profesionais valorables no concurso son os que se establecen no baremo que figura como anexo I desta convocatoria. En todo caso, non se valorarán os méritos alegados que non se xustifiquen ou acrediten na forma prevista neste acordo, especialmente no relativo á necesidade de acreditalos mediante a presentación das correspondentes certificacións orixinais ou fotocopias debidamente legalizadas ou compulsadas delas, valorándose exclusivamente os así acreditados ata o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

II. Requisitos.

1. Será requisito común para tódolos aspirantes posuí-lo título de ATS/DUE, que se acreditará mediante a presentación de fotocopia compulsada do correspondente título ou do certificado de depósito de ter satisfeito os dereitos.

2. Os aspirantes ás prazas deberán posuí-la nacionalidade da Unión Europea, o que se acreditará coa presentación da fotocopia do documento nacional de identidade do país comunitario que corresponda.

3. Os aspirantes terán que cumpri-los dous requisitos anteriores no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias.

III. Solicitude.

1. A solicitude para participar nos distintos cursos constará dunha instancia e dun modelo de autobaremación de méritos académicos e profesionais que, segundo os modelos oficiais, os aspirantes poderán recoller nos seguintes lugares:

a) Na sede da Fegas en Santiago de Compostela.

b) Na Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro.

c) Na Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Xeral-Calde.

d) No Colexio Oficial de Enfermería da Coruña.

2. Os aspirantes deberán presentar debidamente cubertos os citados modelos oficiais de solicitude e de autobaremación, a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos específicos da base II e a documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais previstos na convocatoria desde o día seguinte ó da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia ata o día 24 de xullo, sen que sexa posible utiliza-lo prazo previsto no apartado 3 da base quinta para achegar posteriormente a mencionada documentación ou calquera outra relativa ós méritos alegados.

3. Os interesados en ser admitidos dirixirán a solicitude á Fegas, situada no polígono das Fontiñas; rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), mediante a súa entrega na sede ou mediante correo certificado dirixido á Fegas nun sobre cerrado, sempre que na solicitude conste a data de envío debidamente cuberta pola correspondente oficina de correos.

IV. Comisión de selección.

1. A selección dos aspirantes de cada un dos cursos convocados faraa unha comisión de selección paritaria formada por representantes da Fegas e da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Xeral-Calde e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, respectivamente, nos cursos que van ter lugar en Vigo, Lugo e A Coruña.

2. A comisión de selección será presidirá polo director da Fegas e a súa composición publicarase nos taboleiros de anuncios das entidades indicadas no punto anterior.

V. Proceso de selección.

1. A comisión de selección procederá a valorar exclusivamente os méritos que, presentados polos aspirantes dentro do prazo sinalado no punto 2 da base III desta convocatoria, sexan acreditados polos solicitantes do xeito previsto no punto 4 da base I, aplicando o baremo de méritos académicos e profesionais que figura como anexo I desta convocatoria.

2. En caso de empate, terá prioridade o aspirante que conte con maior puntuación no capítulo 2 do baremo establecido que figura como anexo I: méritos profesionais en saúde laboral e, no caso de novo empate, o aspirante decidirase ó chou.

3. Finalizado o proceso de baremación dos méritos académicos e profesionais achegados polos aspirantes, a comisión de selección, en función das puntuacións obtidas pola aplicación do citado baremo, publicará as listas provisionais de admitidos e excluídos para cada un dos cursos convocados nos taboleiros de anuncios da Fegas e da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, da Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Xeral-Calde e do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, respectivamente, nos cursos que van ter lugar en Vigo, Lugo e A Coruña, con indicación, en todo caso, das causas de exclusión. A partir do día seguinte ó da publicación ou exposición ó público das listas provisionais nos taboleiros de anuncios mencionados, os interesados disporán dun prazo de 10 días hábiles para formularen reclamacións ou solicitudes de revisión contra as puntuacións contidas nelas mediante escrito dirixido á propia comisión.

4. Rematado o dito prazo e á vista das alegacións dos interesados, a comisión de selección publicará as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos ós cursos, que se publicarán nos mesmos lugares establecidos no punto anterior. Neste sentido, a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas alegacións, entenderase implícita no acordo que publique as ditas listas definitivas.

5. O custo dos dereitos de inscrición nos cursos ascenderá á cantidade de 1.800 euros por participante, que deberá ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma e prazo que se lles comunique individualmente ós aspirantes admitidos.

6. Se algún dos aspirantes inicialmente seleccionados non satisfai no prazo que se lle indique os dereitos de inscrición, a comisión de selección, de xeito automático, ofertarálle-la participación no curso que corresponda ós aspirantes non seleccionados, utilizando para isto o criterio sinalado no baremo do anexo I deste acordo.

VI. Desenvolvemento dos cursos.

1. Os cursos desenvolveranse por medio de ensinanzas teóricas e prácticas de trescentas horas e nas materias establecidas no anexo II.

2. Os alumnos matriculados estarán obrigados a asistir ás clases teóricas e prácticas. A ausencia superior ó 10% das horas lectivas dará lugar á perda de tódolos dereitos do alumno incluíndo o importe da matrícula.

3. A Fegas, a Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, a Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Xeral-Calde e o Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, de acordo coa

comisión de seguimento, determinarán o tipo de probas que deberán supera-los aspirantes ó diploma, que será expedido pola Escola Nacional de Medicina do Traballo.

VII. Comisión de seguimento.

1. Co fin de establece-la necesaria coordinación, vixilancia e arbitraxe da convocatoria e determina-los criterios para o desenvolvemento e a avaliación dos cursos, crearase para cada un deles unha comisión de seguimento.

2. A comisión de seguimento constituirase na Escola Universitaria de Enfermería do Hospital do Meixoeiro, na Escola Universitaria de Enfermería do Hospital Xeral-Calde e no Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, será presidida polo director de cada curso, e dela formarán parte os coordinadores dos módulos correspondentes ó seu programa.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2003.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega

de Administración Sanitaria

ANEXO I

Baremo de méritos académicos e profesionais

1. Méritos académicos correspondentes ós estudios de diplomado en enfermería ou axudante técnico sanitario ou practicante ou enfermeiro.

Cualificación por curso, nota media:

Puntuación

Sobresaliente con matrícula de honra:2

Sobresaliente:1

Para a obtención da nota media non se terán en conta as cualificacións obtidas nas materias de relixión, moral profesional, deontoloxía e ética, educación física, formación política, ensino de fogar e idiomas.

Estes méritos acreditaranse coa certificación académica oficial orixinal ou fotocopia, debidamente legalizada ou compulsada.

2. Méritos profesionais en saúde laboral.

2.1. Cursos de saúde laboral: valoraranse os desenvoltos na Escola Nacional de Medicina do Traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, escolas profesionais de Medicina do Traballo da Universidade e da Escola Nacional de Sanidade, así como aqueles organizados por institucións privadas acreditadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Valoraranse as horas lectivas acreditadas por diploma ou certificado orixinal ou fotocopia debidamente legalizada ou compulsada (especificando a duración total do curso), con 0,2 puntos cada dez horas, ata un máximo de 3 puntos.

2.2. Traballos científicos en saúde laboral: valoraranse os traballos científicos sobre saúde laboral publicados en revistas científicas españolas ou

estranxeiras, así como comunicacións sobre saúde laboral aceptadas e presentadas en congresos. Para a súa valoración deberanse presentar separatas ou fotocopias legalizadas ou compulsadas dos traballos xa publicados.

Concederase unha puntuación de 0 a 1 punto por traballo publicado, ó criterio da comisión de selección, ata un máximo de 3 puntos.

2.3. Servicios prestados en servicios de prevención das empresas, como ATS, diplomado en enfermería ou pertenza ó corpo de ATS-visitador da Seguridade Social, sistemas autonómicos de Saúde ou do Instituto Social da Mariña.

Valoraranse os servicios prestados en servicios médicos de empresa, ou en actividades de prevención de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais con carácter interino, eventual ou contratado, que se desempeñasen na data en que se publica esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Os devanditos servicios acreditaranse con certificación oficial, na que consten de xeito expreso os anteriores requisitos, ou coa demostración dun vínculo laboral fidedigno (TC2, nómina oficial, etc.), e a súa validez será determinada pola comisión de selección.

Os aspirantes que pertenzan ó corpo de ATS-visitadores da Seguridade Social (Insalud ou Instituto Social da Mariña ou sistemas autonómicos de Saúde), deberán atoparse en activo no desempeño da súa praza e realizando funcións relacionadas coa saúde laboral, o que se acreditará coa presentación de certificacións expedidas pola autoridade correspondente, que asuma as competencias en materia de saúde laboral en cada ámbito territorial.

Valorarase con 0,1 punto por mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

Temario do curso

(300 horas lectivas)

1. Módulo 1. Normativa xeral de aplicación en saúde laboral.

1.1. Fundamentos legais e organismos implicados.

1.2. Lei de prevención de riscos laborais.

1.3. Regulamento e normativas asociadas dos servicios de prevención.

1.4. Actuacións da Comunidade Autónoma galega. Normativa nacional e europea.

1.5. A incapacidade temporal e a incapacidade permanente.

1.6. O accidente de traballo e a enfermidade profesional.

1.7. Medicina legal e saúde laboral.

2. Módulo 2. Saúde laboral, conceptos xerais e ámbito de actuación.

2.1. Saúde e traballo: risco laboral, dano e prevención.

2.2. A seguridade no traballo.

2.3. A hixiene industrial.

2.4. Ergonomía e a psicosocioloxía do traballo.

2.5. A enfermería do traballo.

2.6. A saúde laboral no Sergas e no Sistema Nacional de Saúde.

3. Módulo 3. Patoloxía relacionada coa actividade laboral.

3.1. Psicopatoloxía do traballo.

3.2. Toxicoloxía laboral.

3.3. Traumatoloxía laboral.

3.4. Oftalmoloxía laboral.

3.5. Otorrinolaringoloxía laboral.

3.6. Enfermidades respiratorias no eido laboral.

3.7. Dermatoloxía laboral.

3.8. Enfermidades infecciosas no eido laboral.

3.9. O cancro e a actividade laboral.

3.10. Trastornos cardiovasculares e a actividade laboral.

4. Módulo 4. Métodos de intervención en prevención de riscos laborais.

4.1. A emerxencia no medio laboral.

4.2. Emerxencias médicas e reanimación cardiopulmonar.

4.3. A vixilancia médica e epidemioloxía da saúde.

4.4. A educación sanitaria e a promoción da saúde.

4.5. A prevención postural e cinética no eido laboral.

4.6. A rehabilitación e readaptación no eido laboral.

4.7. A investigación en saúde laboral.

4.8. A informatización en saúde laboral.

4.9. Riscos laborais no persoal sanitario.

4.10. Estudio e prevención do absentismo laboral.

4.11. A historia clínica en saúde laboral.

5. Módulo 5. Prácticas que se realizarán en diversas empresas.