Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 13 de xuño de 2003 Páx. 7.696

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 11 de xuño de 2003 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación, na Comunidade Autónoma de Galicia, do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira para o período 2003/2004.

Os programas de abandono indemnizado da producción leiteira están concibidos co fin de servir de elemento de reordenación do sector leiteiro, destinado a estimula-la modernización do sector e a súa adecuación ós mercados cada vez máis competitivos.

Estes programas facilitan a acomodación e reordenación deste sector productivo eliminando as súas deficiencias estructurais e favorecendo a incorporación dos productores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva e no marco da normativa comunitaria que resulta de aplicación, basicamente os regulamentos 3950/1992, do Consello, que establece unha taxa suplementaria no sector do leite e os productos lácteos, así como o 536/1993, da Comisión, no que se recollen as disposicións de aplicación do anterior, o Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, configura unha serie de medidas tendentes á modernización e mellora da competitividade no sector lácteo, no uso das atribucións que, con base no principio de subsidiariedade, os estados membros poden adoptar en relación coas medidas estructurais na agricultura. Neste real decreto, establécense, entre outras medidas, no seu capítulo II, sección 1ª, programas nacionais de abandono, facultando na súa disposición derradeira terceira, ó ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para adoptar cantas

disposicións sexan necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento.

Neste senso, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) do 3 de xuño de 2003 (BOE nº 135, do 6 de xuño), establece as características básicas deste novo programa nacional de abandono para o presente exercicio, -para unha cantidade máxima de 29.500 toneladas-, en relación coa dotación financeira e importe da indemnización, entre outras.

Das cantidades totais de cota indemnizada liberadas por este plan de abandono, un 80% destinarase na propia Comunidade Autónoma ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas. A metade destas cantidades repartirase como fondo nacional coordinado de cotas lácteas e o outro 50% como asignación complementaria de acordo coas condicións establecidas no capítulo III do devandito real decreto.

Esta regulamentación dispón, tamén, que a tramitación e resolución das solicitudes presentadas polos gandeiros, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións, serán efectuadas polos órganos competentes da Administración autonómica respectiva, en función do lugar onde estean situadas as explotacións, polo que, a través da presente orde, cómpre determina-los órganos competentes e o procedemento de tramitación, con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias.

Tendo en conta a acollida que os programas nacionais de abandono establecidos nos períodos procedentes tiveron na Comunidade Autónoma de Galicia, e considerando que persiste a necesidade de continuar con estas accións, cómpre pór en marcha para o actual período 2003/2004 un novo plan de abandono voluntario, definitivo e indemnizado de producción leiteira.

Ó abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria a execución da política da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no que se refire á xestión das cantidades de referencia de leite das explotacións situadas en Galicia, sendo o Servicio de Axudas Estructurais da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias a unidade administrativa encargada da dita xestión.

De acordo con todo o anterior, na presente orde desenvólvese o xa citado real decreto en canto á instrumentación do sistema de xestión do programa de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira na campaña 2003/2004.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. Pola presente orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento, na Comunidade Autónoma de Galicia, das indemnizacións recollidas no programa nacional de abandono da producción láctea para o período 2003/2004, segundo o disposto no Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, e na orde APA/1493/2003, do 3 de xuño.

2. O abandono afectará á totalidade da producción leiteira, e o productor deberá comprometerse na solicitude a facelo efectivo antes de que finalice o período no que se concede. A indemnización a cada productor concederase pola cota láctea individual, tanto de entrega a compradores como de venda directa, excluída a recibida da reserva nacional, que teña asignada o 1 de abril de 2003.

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

1. De acordo co establecido no artigo 8 do citado real decreto, poderán acollerse a esta indemnización os productores que desexen abandona-la producción de leite, pola totalidade da cantidade de referencia que tivesen asignada ó inicio do período que non supere a cantidade máxima individual fixada en cada convocatoria, que na actualidade de acordo co artigo 5 da orde APA/1493/2003, é de 300.000 kg.

2. Os solicitantes non deben ter tramitado durante o mesmo período cesións temporais, transferencias nin transvasamentos de cota.

3. Os gandeiros solicitantes deben estar libres de compromisos derivados de calquera axuda que perciba ou teña percibido destinada á explotación leiteira, de entre as contempladas no Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, ou no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias.

4. Os gandeiros que recibisen cantidades de referencia suplementaria, procedentes da reserva nacional, poderán solicita-lo abandono da súa producción aínda que as ditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e reincorporaranse á dita reserva.

5. Os gandeiros que non entregasen leite ou productos lácteos a compradores ou que non os vendesen directamente, no período comprendido entre o 1 de abril de 2002 e o 31 de marzo de 2003, non poderán acollerse ó presente plan.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. Os gandeiros interesados que teñan a explotación leiteira situada na Comunidade Autónoma de

Galicia, poderán presenta-las solicitudes para se acolleren ós beneficios establecidos na presente orde, nos servicios provinciais de explotacións agrarias ou, preferentemente, na oficina agraria comarcal que corresponda á súa explotación. Así mesmo, poderán presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Estas solicitudes, formalizadas no modelo de impreso que se xunta como anexo I á presente orde, dirixiranse ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. O prazo de presentación termina o 30 de xullo de 2003.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos, xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia compulsada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación da entidade financeira na que desexa domicilia-lo aboamento da indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) Cando se alegue a existencia de razóns ambientais que poidan obrigar ó peche da explotación, deberase achegar xustificante da Administración competente.

Artigo 5º.-Tramitación, concesión e recursos.

1. A tramitación dos expedientes corresponderalles ós servicios provinciais de explotacións agrarias, para o cal comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme ó que os delegados provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural efectuarán a oportuna proposta.

2. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria proporá ó Conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as aprobacións das solicitudes para que dicte as correspondentes resolucións antes do 15 de decembro de 2003.

3. A devandita resolución de concesión notificaráselle ó solicitante, debéndose, así mesmo, comunicar á Dirección Xeral de Gandería do MAPA unha relación dos solicitantes ós que se lles concedese a indemnización.

No caso de que o solicitante non recibise a oportuna notificación no prazo establecido no punto 5.2, poderá entender desestimada, por silencio, a súa solicitude.

4. Contra as resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o conselleiro de Política Agroa

limentaria e Desenvolvemento Rural poderanse interpoñe-los recursos contemplados no artigo 14º da presente orde.

5. De acordo co art. 10 do Real decreto 347/2003, non se poderá renunciar á solicitude unha vez que esta sexa resolta favorablemente polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 6º.-Importe.

1. De acordo co establecido no artigo 4 da orde APA do 3 de xuño de 2003, o importe da indemnización a aboar, en función da cantidade de referencia indemnizable, será a seguinte:

a) 0,48 euros, para os productores que teñan cantidade de referencia individual indemnizable, o 1 de abril de 2003, inferior a 50.001 quilogramos.

b) 0,35 euros, para os productores que teñan unha cantidade de referencia individual indemnizable, o 1 de abril de 2003, superior a 50.000 quilogramos e inferior a 120.001 quilogramos.

c) 0,35 euros, para os productores que teñan unha cantidade de referencia individual indemnizable, o 1 de abril de 2003, superior a 120.000 quilogramos, concorresen nalgunha causa de forza maior ou causa excepcional, debidamente xustificada e están suxeitos ó compromiso de non transferir cota por algunha das seguintes circunstancias:

-Ter adquirido cota desvinculada dunha explotación a partir do 1 de abril de 2001.

-Ter adquirido cota procedente da reserva nacional a través do Fondo nacional coordinado de cotas lácteas, a partir do 1 de abril de 2001.

d) 0,15 euros, para os restantes productores non incluídos en ningún dos tres casos anteriores.

2. Para efectos do establecido no punto anterior, terán consideración de forza maior ou causa excepcional, os seguintes casos:

2.1. Forza maior.

a) Unha catástrofe natural grave que afectase de forma importante á explotación.

b) A destrucción accidental dos recursos para a alimentación do gando ou das edificacións da explotación destinadas ás vacas leiteiras.

c) A morte ou sacrificio dunha parte significativa do rabaño de vacas leiteiras como consecuencia dunha epizootia oficialmente declarada ou que sexa obxecto de programas nacionais de erradicación.

2.2. Causas excepcionais.

a) A incapacidade temporal ou invalidez permanente do titular da cota, se se encargaba por si mesmo da explotación, de acordo co disposto no texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.

b) Calquera outra causa debidamente xustificada e documentada que afecte á capacidade de producción da explotación, e que a autoridade competente así o considere.

3. Se a materia graxa asignada á cota dun gandeiro é superior ó 3,64 por cento, o importe total da indemnización verase incrementado un 0,18 por cenyo por cada 0,01 por cento de diferencia. No caso contrario, o importe verase reducido do mesmo modo.

Artigo 7º.-Cota individual máxima.

A cota individual máxima asignada ó inicio do período e a partir da que non se pode solicitar indemnización por este plan de abandono é de 300.000 kg.

O anterior límite elevarase a 1.000.000 de kg no caso de que os recursos financeiros necesarios para as indemnizacións das solicitudes de gandeiros de cota menor a 300.001 kg e que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 2º deste orde, resulten inferiores ás dispoñibilidades de crédito existentes de acordo co artigo 6 da orde APA do 3 de xuño de 2003.

Artigo 8º.-Criterios de prioridade.

1. De acordo co establecido no artigo 10 do citado Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, se a suma dos importes das indemnizacións correspondentes ás solicitudes presentadas nesta Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos esixidos, fose superior á asignación orzamentaria para o presente plan, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que de seguido se indican:

a) Razóns ambientais, así como dificultades de adaptación ó cumprimento das esixencias establecidas no Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

b) Os gandeiros productores de maior idade.

Dentro de cada grupo, as solicitudes ordenaranse de menor a maior cantidade de referencia asignada. En caso de empate daráselle prioridade ó productor de maior idade.

Artigo 9º.-Acreditación dos compromisos e pagamento da indemnización.

1. Antes do 31 de marzo do ano 2004 os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou productos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos II e III da presente orde.

b) O destino das vacas productoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.

2. Ademais do anterior, os beneficiarios da indemnización deberán acreditar, no mesmo prazo, que se atopan ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social, obrigas tributarias, e que non teñen pendente de pagamento débedas coa Administración pública autonómica; isto é, sen prexuízo do intercambio telemático que se realice coa Administración tributaria e a Administración pública autonómica segundo o disposto na disposición adicional única.

3. Os documentos xustificativos a que se refiren os dous puntos anteriores, presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 da presente orde.

Os servicios provinciais de explotacións agrarias elevaranlle, a través da respectiva delegación provincial da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, un informe á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, sobre os solicitantes das axudas que presentaron a dita documentación xustificativa.

4. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 1 e 2 deste artigo, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural procederá ó trámite da indemnización ó productor nun único pagamento.

Artigo 10º.-Financiamento.

1. O financiamento da indemnización por abandono á producción leiteira realizarase a través da aplicación orzamentaria de gastos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rura l09.03.614A.775.0 na que existe crédito adecuado por importe de 213.070 euros.

2. A dita cantidade incrementarase coa que lle corresponda a esta Comunidade Autónoma unha vez determinada a súa porcentaxe de participación na cantidade máxima establecida para todo o Estado no programa de abandono segundo o disposto na orde APA do 3 de xuño de 2003.

Artigo 11º.-Deber de información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos competentes da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, o gandeiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro da indemnización.

Procederá ó reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan a vía administrativa e, contra elas, cabe interpo-los seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición adicional

Única.-Solicitude de datos pola Administración.

Os solicitantes das axudas contempladas nesta orde autorizan a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, tal como consta no anexo da solicitude, para comprobar e solicitar ante os organismos e as administracións públicas competentes, cantos documentos e informes sexan precisos para a verificación dos requisitos necesarios para a tramitación e pagamento da indemnización.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural