Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 13 de xuño de 2003 Páx. 7.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de maio de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación José Ron Neira.

Visto o expediente de clasificación da Fundación José Ron Neira, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación José Ron Neira foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 7 de marzo de 2003, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número seiscentos sesenta e catro do seu protocolo, por Concepción Rego de Ron, José Ron Rego, Carlos Ron Rego, José Alfonso Ron García, Alejandra Ron García, Manuel Villaverde Rego, Francisco Javier González Outumuro, José Gerardo Fernández Bragado, Carlos Vicente Parrado Garea e Manuel Demetrio Naya Amil; todos eles interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 4 dos estatutos, serán obxecto da fundación as actuación en todo o ámbito da actividade física e do deporte, encamiñadas a:

a) Promover e fomenta-la práctica do deporte e a actividade física.

b) Promover e colaborar na formación de grupos e equipos en tódalas disciplinas deportivas.

c) Promover e colaborar na realización de competicións, stages, cursos de especialización, seminarios, conferencias, exposicións, congresos e todo tipo de actividades que contribúan á difusión e ó intercambio de coñecementos teóricos e prácticos no campo da actividade física e deportiva.

d) Impulsa-la colaboración con outras entidades e institucións do citado ámbito, españolas e internacionais.

e) Difundi-los resultados das actividades desenvolvidas.

f) Realizar actividades humanitarias e benéfico-sociais, dentro do ámbito do obxecto fundacional expresado.

4. O padroado da fundación estará integrado por José Ron Rego como presidente; Carlos Ron Rego como secretario; e José Alfonso Ron García, Alejandra Ron García, Manuel Villaverde Rego, Francisco Javier González Outumuro, Manuel Demetrio

Naya Amil, José Gerardo Fernández Bragado e Carlos Vicente Parrado Garea como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación José Ron Neira, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de maio de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación José Ron Neira e adscribila á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública