Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 11 de xuño de 2003 Páx. 7.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de maio de 2003 pola que se aproba o regulamento interno do Consello Galego de Formación Profesional.

En cumprimento do establecido na disposición adicional do Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Consello Galego de Formación Profesional (DOG do 5 de maio), modificado polo Decreto 214/2003, do 20 de marzo de 2003 (DOG do 14 de abril) esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Queda aprobado o texto do regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Galego de Formación profesional, que figura como anexo a esta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Regulamento de funcionamento interno

do Consello Galego de Formación Profesional

Capítulo I

Ámbito de actuación

Artigo 1º.-O Consello Galego de Formación Profesional.

O Consello Galego de Formación Profesional é un órgano consultivo e de asesoramento, composto por representantes da Xunta de Galicia, organizacións empresariais e organizacións sindicais, adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Competencias e capacidades.

O Consello Galego de Formación Profesional, en canto órgano consultivo e de asesoramento, posúe competencias de tratamento integrado de tódalas modalidades de formación profesional, así como capacidades de planificación que lle permitan elaborar e aplica-los plans galegos de formación profesional.

Artigo 3º.-Actuación.

O Consello Galego de Formación Profesional, no exercicio das súas funcións, poderá actuar de oficio ou a pedimento do Comité Interdepartamental das Cualificacións e a Formación Profesional, creado polo Decreto 262/2002, do 31 de xullo (DOG do 22 de agosto), ou de calquera departamento da Xunta con competencias en materia de formación profesional.

Capítulo II

Organización do Consello

Artigo 4º.-Sede.

O Consello Galego de Formación Profesional terá a súa sede na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en Santiago de Compostela, e poderá realiza-las súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Funcionamento.

O Consello Galego de Formación Profesional funcionará en Pleno ou en Comisión Permanente, e regularase por este regulamento e polo disposto no capítulo II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Artigo 6º.-Composición.

Son órganos do Consello Galego de Formación Profesional:

a) Órganos colexiados.

-O Pleno.

-A Comisión Permanente.

b) Órganos unipersoais.

-O presidente.

-Os vicepresidentes.

-O secretario xeral.

c) Órganos de apoio.

-A Unidade Técnica.

Capítulo III

Órganos colexiados

Artigo 7º.-O Pleno.

1. O Pleno está integrado por un presidente, dous vicepresidentes, seis vocais das administracións públicas, oito vocais por parte das organizacións empresariais máis representativas na Comunidade Autónoma, oito vocais por parte das organizacións sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma e o secretario xeral do Consello.

2. Desempeñarán a presidencia, alternativamente e por períodos anuais, os titulares das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, iniciándose pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Os dous vicepresidentes, representantes da Administración da Comunidade Autónoma, serán o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais; desempeñará a vicepresidencia o director xeral da Consellería que non presida o Pleno nese exercicio.

4. O secretario xeral do Consello será o subdirector xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Membros suplentes: para garanti-lo quórum das sesións, a Administración e as organizacións representadas designarán un suplente por cada vocal titu

lar que posúan. Para estes efectos deberán comunicarlle ó presidente, antes de abri-la sesión do Consello, se algún dos titulares non pode comparecer e cál dos suplentes o substitúe.

Os suplentes, cando ocupen o posto dun titular, participarán nos debates e votacións nas mesmas condicións daqueles os que substitúen.

Artigo 8º.-Funcións do Pleno.

Ó Pleno correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Adoptar acordos e emitir informes sobre materias que constitúen as competencias do Consello.

b) Aprobar, rexeitar ou modifica-los proxectos, informes e acordos que lle someta a Comisión Permanente en tódalas cuestións nas que actúe.

c) Acorda-la elaboración dos sucesivos plans galegos de formación profesional que se realicen, elevando a súa proposta de aprobación ó Comité Interdepartamental.

d) Emitir informe sobre tódalas normas que, en materia de formación profesional, se lle consulten.

e) Establece-las normas de funcionamento interno do Consello.

f) Aproba-lo proxecto de gastos.

g) Aproba-la memoria anual sobre a actuación do Consello.

h) Delegar na Comisión Permanente as decisións ou realizacións de asuntos concretos, non podendo delega-las competencias dos puntos b, c, e, f, g deste artigo.

Artigo 9º.-Reunións do Pleno.

1. O Pleno reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó ano e, con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente, a pedimento da Comisión Permanente ou cando o soliciten a metade dos membros do Consello. Neste caso, a petición, formulada por escrito, deberá conte-los motivos e os temas que se propoñen para tratar na orde do día, debendo o presidente convoca-lo Pleno nun máximo de 15 días.

2. Considérase validamente constituído en primeira convocatoria cando estean presentes os dous tercios dos seus membros compoñentes e en segunda convocatoria cando estean presentes a metade dos seus membros.

Artigo 10º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos do Pleno do Consello adoptaranse pola maioría absoluta dos membros presentes.

2. En caso de empate o presidente poderá facer uso do voto de calidade.

3. Dado o carácter do Consello, non se admiten votos delegados.

Artigo 11º.-A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional estará composta polos dous vicepresidentes que, de forma alternativa e por períodos anuais, a presidirán, o secretario xeral do Consello e nove vocais, que serán membros do Consello, dos que tres serán representantes das organizacións empresariais, tres das organizacións sindicais máis representativas así como tres da Administración

autonómica, así como o director do Instituto Galego das Cualificacións, que asistirá con voz e sen voto.

2. Os membros da Comisión Permanente poderán ser substituídos de entre os nomeados como titulares ou suplentes polas respectivas organizacións ou polos conselleiros dos departamentos representados neste órgano.

Artigo 12º.-Funcións da Comisión Permanente.

Serán funcións da Comisión Permanente, entre outras:

a) Prepara-las sesións do Pleno e propoñe-la orde do día e a data, así como prepara-la documentación necesaria para a súa realización, que se achegará desde a Secretaría Xeral do Consello coa suficiente antelación.

b) Elaborar e modifica-las normas de funcionamento interno do Consello, elevando ó Pleno a súa proposta.

c) Acorda-la elaboración da memoria anual do Consello pola unidade técnica, elevando a súa proposta de aprobación ó Pleno.

d) Crear e regula-la composición das comisións de traballo que acorde constituír, sinalándolle os seus obxectivos e coordinando o seu funcionamento.

e) Apoiar e impulsa-las actividades das comisións de traballo que se constitúan.

f) Elabora-la estimación de gastos de funcionamento.

g) Estudiar, tramitar e resolver cantas cuestións lle sexan encomendadas ou delegadas polo Pleno.

Artigo 13º.-Reunións da Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente reunirase de xeito ordinario polo menos catro veces ó ano e, de xeito extraordinario, cada vez que o convoque o seu presidente, por iniciativa propia ou a proposta da metade dos seus membros.

2. Considérase validamente constituída a comisión, cando estean presentes a maioría absoluta dos seus membros compoñentes en primeira convocatoria e un tercio dos destes en segunda convocatoria.

3. Os acordos da Comisión Permanente adoptaranse por maioría dos seus membros presentes.

Artigo 15º.-Comisións de traballo.

1. A Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional poderá constituí-las comisións de traballo que considere necesarias determinando a súa composición e cometido específico. As comisións de traballo examinarán os temas que a Comisión Permanente decida e remitiranlle as propostas, os estudios e os traballos encomendados.

2. As comisións de traballo manterán unha proporcionalidade similar á da Comisión Permanente do Consello e terán como competencias as que determine este órgano colexiado.

3. Os membros das comisións de traballo poderán estar asistidos por asesores e expertos no tema que se trate, do modo que decida a Comisión Permanente do Consello. En todo caso, a asistencia de expertos e asesores será sen dereito a voto.

En función do traballo e número de comisións, a Comisión Permanente poderá nomea-las persoas que actúen como coordinadores/as delas.

4. As comisións de traballo, a través dos seus coordinadores, elevarán os estudios ou informes elaborados á Comisión Permanente do Consello, a través do seu presidente, e farán constar, se houbese, os acordos e as opinións diverxentes, neste caso por petición da parte interesada.

5. As comisións de traballo reuniranse coa periodicidade que elas mesmas consideren necesaria, tendo en conta a urxencia e outros aspectos da tarefa encomendada.

Capítulo IV

Órganos unipersoais

Artigo 16º.-O presidente.

1. Correspóndenlle ó presidente do Pleno do Consello Galego de Formación Profesional as seguintes funcións:

a) Asumir e desempeñá-la representación do Consello, actuando como o seu portavoz.

b) Acorda-la orde do día, tendo en conta as propostas da Comisión Permanente ou as peticións dos membros do Consello.

c) Convocar, presidir e levanta-las sesións do Pleno. Antes de inicia-la orde do día, dará conta das comunicacións que afecten a este órgano.

d) Dirixi-las deliberacións, velar polo mantemento da orde e pola observancia do regulamento, conceder e retira-lo uso da palabra, someter a votación as propostas e proclama-los resultados en tódolos órganos que existan no Consello.

e) Referenda-las actas e autorizar coa súa sinatura a documentación que afecte ó Consello e ós seus órganos.

f) Delegar nos vicepresidentes do Consello algunhas das súas funcións.

g) Tódalas que sexan propias da condición de presidente dun órgano colexiado.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade e outras causas de imposibilidade, o presidente poderá ser substituído provisionalmente polo vicepresidente representante da súa consellería.

Artigo 17º.-Os vicepresidentes.

1. Corresponde ó vicepresidente substituír provisionalmente o presidente nas sesións dos plenos e órganos do Consello que el presida nos casos de vacante, enfermidade, ausencia, delegación expresa e outras causas de imposibilidade, asumindo as súas competencias.

Neste caso, substituirá o presidente o vicepresidente representante da súa consellería.

No caso de delegación de determinadas funcións, asumirán as expresamente conferidas.

2. Atender e, se é o caso, presidir en representación do presidente, aquelas comisións de traballo que o Pleno do Consello determine constituír.

3. Presidir, alternativamente e por períodos anuais, a Comisión Permanente.

4. Os vicepresidentes poderán delegar en caso de enfermidade e ausencia nos respectivos subdirectores xerais.

Artigo 18º.-O secretario xeral.

1. Son funcións do secretario xeral do Consello as seguintes:

a) Efectua-las convocatorias das reunións do Pleno e da permanente por orde do respectivo presidente.

b) Dar curso por instancia do presidente, ás medidas que sexan necesarias para a efectividade dos acordos.

c) Redacta-las actas de cada sesión do Pleno e da Comisión Permanente na que figurarán:

-O lugar, a data e a hora do comezo da reunión.

-Nome e apelidos dos membros do órgano colexiado presentes e ausentes que escusaran a súa asistencia, así como das persoas que foron chamadas para comparecer. Faranse constar, así mesmo, os ausentes que non xustificaran a súa falta de asistencia.

-Carácter ordinario ou extraordinario da xuntanza.

-Asuntos que figuran na orde do día.

-O resultado das votacións. Cando no se consiga chegar a acordos, poderase recoller na acta esta circunstancia, facendo consta-los motivos das discrepancias, no caso de que sexa solicitado expresamente.

-Hora de remate da sesión.

d) Prepara-la documentación necesaria para as reunións dos órganos colexiados, facéndollela chegar coa antelación suficiente ós respectivos membros.

2. No caso de ausencia ou enfermidade, o secretario xeral poderá ser substituído por un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria designado polo titular desta.

3. Cando non se realice a sesión, por calquera motivo, o secretario xeral suplirá a acta cunha dilixencia autenticada coa súa sinatura e a do presidente, na que se fará consta-la causa da non realización e, se procede, o nome dos asistentes e dos que se escusaran.

4. As actas, logo de aprobadas, ben polo Pleno ou ben pola Comisión Permanente, serán asinadas polo secretario xeral e co visto e prace do presidente. O secretario xeral será o responsable da custodia das actas.

5. O secretario xeral expedirá certificación dos acordos contidos na acta, por solicitude dalgún dos membros do Consello. Esta certificación deberá ir asinada polo secretario xeral e co visto e prace do presidente.

Artigo 19º.-Vocais.

1. Os vocais e os seus suplentes serán nomeados polo titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta de cada un dos grupos ou consellerías que representan. O seu cesamento levarase a cabo deste mesmo xeito.

A renovación do Consello producirase cada catro anos, tendo en conta as modificacións producidas na representatividade das organizacións empresariais e sindicais.

2. Correspóndelles ós vocais:

a) Coñecer previamente a orde do día das reunións e a información precisa sobre os temas incluídos.

b) Exerce-lo seu dereito ó voto.

c) Participar nos debates das sesións.

d) Propoñerlle ó presidente temas que ó seu xuízo deban incluírse na orde do día, a través da Comisión Permanente, cunha antelación mínima de 15 días naturais á súa realización.

e) O dereito á información xeral necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ó Consello Galego de Formación Profesional.

f) Cantas funcións sexan intrínsecas á súa condición de vocais.

3. Os vocais non poderán atribuírse a representación ou facultade do Consello, salvo que expresamente se lles outorgara por acordo do Pleno do Consello, e para cada caso concreto.

4. Perderase a condición de vocal por algunha das seguintes causas:

a) Por acordo de substitución adoptado polo órgano decisorio correspondente á organización á que representa, comunicado por escrito á Secretaría do Consello.

b) Por renuncia aceptada polo órgano correspondente á organización a que representa, comunicado por escrito á Secretaría do Consello.

c) Polo cese preceptivo debido á renovación do Consello cada catro anos.

Capítulo V

Órganos de apoio

Artigo 20º.-Composición.

A Unidade Técnica de apoio ó Consello estará integrada polo persoal que para tal fin lle adscriba a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que dependerá da Secretaría Xeral do Consello.

Artigo 21º.-Funcións.

A Unidade Técnica de apoio ó Consello realizará todas aquelas funcións de índole técnica descritas no artigo 3º do Decreto 214/2003, do 20 de marzo (DOG do 14 de abril), polo que se modifica o Decreto 110/1999, do 8 de abril, polo que se crea a regula o Consello Galego de Formación Profesional, ademais das seguintes:

a) Elabora-la memoria anual do Consello.

b) Face-lo seguimento e apoio ás comisións de traballo nomeadas polo Consello.

c) Realiza-la xestión administrativa e económica derivada do funcionamento do Consello.

d) Consegui-la información necesaria para a elaboración dos informes de avaliación e seguimento das medidas establecidas no Plan Galego de Formación Profesional.

e) Cantas outras lle sexan encomendadas pola Comisión Permanente ou pola Secretaría Xeral do Consello.

Capítulo VI

Réxime de funcionamento

Artigo 22º.-Convocatorias.

1. Correspóndelle ó respectivo presidente ordena-la convocatoria das xuntanzas dos diferentes órganos do Consello.

2. As convocatorias faranse sempre por escrito e polos medios máis idóneos para garantir adecuadamente a súa recepción coa debida antelación, que será de dez días hábiles para as sesións ordinarias e de catro para as extraordinarias. Non obstante, o presidente, no caso de especial urxencia e inaprazable necesidade, poderá altera-lo devandito prazo, sendo neste caso a urxencia aprobada polo órgano colexiado como trámite previo á súa deliberación e sempre que se lles garanta ós vocais do Consello o coñecemento previo das convocatorias.

3. As convocatorias deberán comunica-lo día, a hora e o lugar da xuntanza que se vai celebrar, así como a orde do día, e incluír, en todo caso, a documentación adecuada para o seu estudio previo. Indicará, ademais, de se-lo caso, o seu carácter urxente.

4. Na citación das reunións plenarias e da Comisión Permanente incluirase unha segunda convocatoria, tendo en conta que entre ambas deberá transcorrer media hora.

Artigo 23º.-Orde do día das sesións.

1. A orde do día das sesións ordinarias conterá a lectura e, se é o caso, a aprobación da acta da sesión anterior e os demais puntos que se vaian debater.

2. A orde do día das sesións extraordinarias conterá os temas propostos pola presidencia ou polas partes que regulamentariamente o solicitaron.

Artigo 24º.-Réxime xurídico.

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste regulamento, os órganos colexiados do Consello Galego de Formación Profesional rexeranse polo disposto no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VII

Réxime económico

Artigo 25º.-Financiamento.

Para realiza-las súas funcións, o Consello Galego de Formación Profesional utilizará os recursos das consellerías implicadas.

En todo caso, co obxecto de garanti-lo funcionamento, disporase dos fondos que para tal efecto habilite a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 26º.-Asistencia ás sesións.

Os membros do Consello Galego de Formación profesional recibirán unha compensación económica pola súa asistencia ás reunións.

A contía que percibirán os membros do Consello Galego de Formación Profesional que teñan dereito a ela será a establecida, con carácter xeral, polo

Consello da Xunta de Galicia para este tipo de actividades.

Os representantes que o sexan en representación de organizacións empresariais ou sindicais poderán facer cesión destas compensacións a favor das súas respectivas organizacións, e deberano manifestar expresamente, por escrito, ante o habilitado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo VII

Reforma do regulamento

Artigo 27º.-Reforma do regulamento.

Este Regulamento do Consello Galego de Formación Profesional poderá ser modificado, total ou parcialmente, por proposta do presidente, da Comisión Permanente ou mediante proposta acordada pola maioría dos membros que constitúen o Pleno.

A proposta de modificación deberá incluírse na orde do día e ser discutida no Pleno do Consello, elevando a súa proposta de aprobación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.