A Orde do 28 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros prevé, que as convocatorias anuais, que poderán ser varias, se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003 prevé que o prazo de presentación de solicitudes de axudas non será inferior a corenta días hábiles.
Para tal obxecto, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.
Convócanse axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 28 de novembro de 2000 (DOG do 20 de decembro); o prazo de presentación de solicitudes de acordo co seu artigo 43 da vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma será o de
corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.
Artigo 2º.-Crédito orzamentario.
As subvencións concédense con cargo ó exercicio do ano 2003.
As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.770.1 e por un importe de 3.272.894 euros.
Disposición transitoria
Con efectos na presente convocatoria, exímese do requisito de presenta-los documentos de autorización a que se refire o artigo 14 A) letra d) da Orde do 28-11-2000, conxuntamente coa solicitude, debendo facelo coa documentación para o pagamento.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2003.
Enrique César López Veiga
Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos