Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 06 de xuño de 2003 Páx. 7.286

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 273/2003, do 22 de maio, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, de dúas parcelas destinadas á ampliación do aparcadoiro do instituto de ensino secundario, situadas en Fontenla no concello de Poio (Pontevedra).

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Poio, reunido en sesión do día 26 de febreiro de 2002, acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia dúas parcelas, de 572 m e 722,50 m, situadas en Fontenla, de propiedade municipal.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Poio acordou a cesión, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, feita polo Concello de Poio, a título gratuíto, das parcelas situadas en Fontenla que a continuación se describen:

a) Rústica.-Fonte de Fontenla ou Souto, a labradío sequeiro, situada na parroquia de San Xoán, muni

cipio de Poio, cunha superficie de cincocentos setenta e dous metros cadrados. É a parcela número 66 do polígono 26 catastral. Linda: ó norte, valado que separa da parcela número 65 catastral; ó sur, valado que separa do predio rexistral número 11827; ó leste, presa e ó oeste, sendeiro. Referencia catastral nº 360410000002600066GW.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Pontevedra número 1, no folio 82 do libro 135 de Poio, no tomo 1594, predio número 11826.

b) Rústica.-Veiga de Souto ou Talladas, a labradío regadío, hoxe a matogueira, situada na parroquia de San Xoán, municipio de Poio, cunha superficie de setecentos vintedous metros con cincuenta decímetros cadrados. É a parcela número 67 do polígono 26 catastral. Linda: ó norte, herdeiros de Andrés Rial, hoxe o predio rexistral 11826; ó sur, Enrique Couselo; ó leste, Benito Nacimiento, e ó oeste, sendeiro e presa. Referencia catastral nº 360410000002600067GO.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Pontevedra número 1, no folio 83 do libro 135 de Poio no tomo 1594, predio número 11827.

Artigo 2º

As parcelas cedidas destinaranse á ampliación do aparcadoiro do instituto de ensino secundario do termo municipal de Poio (Pontevedra).

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda