Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 06 de xuño de 2003 Páx. 7.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de xuño de 2003 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado.

O Regulamento (CEE) nº 2371/2002 do consello, do 20 de decembro, sobre a conservación e explotación sustentable dos recursos pesqueiros en virtude da PCP, fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación da pesca (DOCE do 26 de xuño), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro); modificado polo Regulamento (CE) número 2369/2002, do Consello do 20 de decembro, constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a logra-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Pola Orde do 24 de xuño de 2002 establecéronse as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e regúlase o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado. A experiencia de aplicación da dita orde e a definición de novas estratexias de actuación de cara á flota costeira artesanal derivadas tanto da nova situación creada polo accidente do buque Prestige como polas novas prioridades de actuación, fan conveniente modificar algúns dos seus aspectos dispositivos para clarificalos para os destinatarios e gañar en eficacia na súa tramitación, así como favorece-la presentación de proxectos que teñan vocación de permanencia e incidan realmente na transformación dos xeitos de comercialización dos productos desta flota.

Neste sentido a orde recolle a posibilidade da presentación de proxectos por entidades sen ánimo de lucro que formadas por pescadores artesanais, poidan desenvolver proxectos con perspectivas de futuro, contando cunha xestión eficaz desta, co que se reforza o cumprimento dos obxectivos da orde. Nesta mesma dirección hai que situa-la esixencia de contar, neste tipo de proxectos, cunha dirección técnica.

O interese que estes proxectos espertaron nos colectivos de pescadores, e a necesidade de apoio

e asistencia que xeran na Axencia de Desenvolvemento do Litoral de Galicia (Adelga), para a redacción e formalización, aconsellan abri-lo prazo de presentación de solicitudes a todo o período de vixencia da axuda, establecendo un procedemento periódico de resolución o longo de cada ano, o que facilita tanto este apoio como a propia maduración dos proxectos.

Por outra banda, a vinculación destes proxectos ó desenvolvemento pesqueiro, aconsella a súa xestión pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, polo que ó darse traslado a esta, se introduce algúns cambios na orde que, sen modifica-lo fondo das disposición, cambia os aspectos formais, para adaptarse a esta nova responsabilidade de xestión.

Polo exposto acometeuse unha reforma da orde citada que recollendo as novas propostas, mantén ás liñas básicas fixadas e favorece a súa eficacia.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias das intervencións de mellora da práctica da pesca costeira artesanal realizada polos buques pesqueiros, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas primas globais é a de mellora-las condicións da práctica da pesca costeira artesanal en materia de condicións de traballo e seguridade, innovación tecnolóxica, organización da producción, transformación e comercialización dos productos e formación profesional, entre outras que contribúan a alcanzar un equilibrio duradeiro entre os recursos obxecto da pesca artesanal e a súa explotación, a incrementa-la competitividade das súas estructuras de explotación, a mellora-lo abastecemento e revalorización dos productos propios desta pesqueira, a desenvolver e revitaliza-las zonas que dependen desta flota, a mellora-lo emprego, fomenta-lo feminino e protexe-lo ambiente.

O obxecto destas axudas é o de incentiva-la realización dos proxectos colectivos integrados, que melloren esta flota, e que se dirixan a:

a) A organización da cadea de producción, transformación e comercialización para a consecución dun incremento do valor engadido dos productos.

A mellora do tratamento, clasificación e etiquetaxe de peixe a bordo, na descarga e operacións portuarias e na realización da primeira venda.

b) A introducción de innovacións tecnolóxicas que faciliten unha pesca máis selectiva.

c) A instalación de equipos de seguridade a bordo dos buques da pesca costeira artesanal e de mellora das condicións sanitarias e de traballo neles.

d) A reorientación ou formación profesional.

e) O cumprimento da finalidade específica destas primas globais, de calquera outra forma, compatible cos obxectivos da Política Común Pesqueira e coas intervencións estructurais no sector.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 11º, así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do consello, do 17 de decembro modificado polo Regulamento (CE) nº 2369/2002 do consello, do 20 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca e na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

As convocatorias rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Para atende-los compromisos de gastos de cada proposta de resolución dentro de cada ano conforme o establecido no artigo 11º destinarase á primeira proposta o 50% do crédito orzamentario, á segunda o 30% e á terceira o 20% restante. De non comprometerse en cada resolución a totalidade do gasto previsto nesta disposición, acumularase nas sucesivas propostas ata acada-la totalidade do crédito dispoñible.

As axudas quedaran limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

Para o exercicio do ano 2003 será con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.723A.780.0 e por un importe de 1.466.727 euros.

As axudas financiaranse con cargo a fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 5º.-Solicitantes.

Poderán presentar solicitudes de axudas para proxectos colectivos integrados, os grupos de propietarios de embarcacións, armadores, pescadores e os seus respectivos familiares.

Estes grupos poderán solicita-las axudas como persoas físicas ou constituídos en persoas xurídicas, cando cumpran os seguintes requisitos:

Que formen o grupo dentro dun marco asociativo, que poderá ser unha organización de productores pesqueiros, unha confraría de pescadores ou federación provincial destas, ou outro tipo asociativo que estea formalmente constituído, da que formen parte tódolos participantes do grupo e que sexa aprobada pola Administración xestora como marco asociativo idóneo.

Que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Destinatarios.

Son destinatarios das axudas:

a) Os propietarios e armadores de embarcacións de ata 12 metros de eslora, con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non utilicen as artes do arrastre, incluídos na lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques, no Censo da Flota Pesqueira Operativa, e no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma e que gocen de permiso de explotación para a actividade.

b) Os pescadores enrolados en embarcacións con permiso de explotación, ou ben que sexan titulares dun permiso de explotación.

c) Os familiares dos incluídos nas letras a) e b) anteriores, tanto cónxuxes como familiares ata o segundo grao.

Artigo 7º.-Promotores.

Cando o proxecto colectivo integrado presentado implique unha acción con duración indefinida que precise dunha xestión continuada, para asegura-la súa viabilidade e correcto desenvolvemento, necesariamente serán promotores deste, persoas xurídicas, públicas ou privadas.

Neste caso os promotores non poderán ter ánimo de lucro e os destinatarios do proxecto serán igualmente os determinados no artigo 6º, garantíndose a participación equitativa de todos eles nas actividades do proxecto.

Nestes casos a entidade promotora designará un director da xestión do proxecto colectivo integrado.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ó formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e o pagamento das subvencións e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

2. Os beneficiarios comprométense a mante-la súa actividade por un período mínimo de tres (3) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

3. Non se poderán allear nin ceder por calquera título, sen autorización previa da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, as estructuras ou equipamentos que se subvencionasen, nun prazo de 10 e 5 anos, respectivamente, contado desde a data da súa adquisición.

4. Non se poderán altera-las condicións que se tiñan no momento de concesión da axuda, nin modificalas sen previa autorización da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

5. Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación con aquelas e coa súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

6. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas, para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

8. En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e da Unión Europea.

Artigo 9º.-Incumprimento de obrigas.

Os beneficiarios que incumpran as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade estarán obrigados a reintegra-lo importe total ou parcial da axuda percibida e os xuros de demora segundo corresponda, conforme o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada da Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 10º.-Importe das axudas.

A contía das primas globais a tanto alzado, condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias, estará limitada a 150.000 euros por proxecto colectivo integrado.

A Administración xestora determinará o importe da prima realmente aboada e a súa distribución entre os beneficiarios, en función da amplitude de cada proxecto e dos esforzos financeiros realizados por cada participante.

Artigo 11º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de primas globais están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpren.

Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios, graduados segundo a súa importancia:

a) Os obxectivos e interese do proxecto presentado segundo a orde decrecente de tipoloxías de proxectos integrados ás que se refire o artigo 2º, segunda parte, de forma que os proxectos subsumibles na alínea a) son prioritarios sobre os da b) e así sucesivamente.

b) As melloras de carácter colectivo fronte ás individuais.

c) O número de participantes.

d) O rateo de participantes na iniciativa en relación ó volume de poboación da zona de influencia do proxecto.

e) A menor idade media dos participantes.

Artigo 12º.-Solicitudes e prazo de presentación e selección.

As solicitudes das primas globais deben ser efectuadas polos interesados e estar referendadas por unha organización de productores, unha confraría, federación de confrarías ou unha asociación doutro tipo. Neste último caso non se dará trámite ó expediente ata que, se é o caso, a Administración xestora aprobe a asociación como marco asociativo idóneo.

As solicitudes poderán ser presentadas o longo de todo o ano, resolvéndose a súa selección en tres propostas anuais:

a) As solicitudes presentadas ata o 28 de febreiro de cada ano serán seleccionadas antes do 31 de maio de cada ano.

b) As solicitudes presentadas ata o 31 de maio de cada ano serán seleccionadas antes do 30 de setembro de cada ano.

c) As solicitudes presentadas ata o 30 de outubro de cada ano serán seleccionadas antes do 1 de decembro de cada ano.

2. Aquelas solicitudes que non puideran ser atendidas no período correspondente, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, sen que isto supoña ningunha preferencia como criterio de selección.

3. A finalización do prazo de presentación de solicitudes será o 30 de agosto de 2006.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura como anexo I da presente orde, debendo ser presentadas, no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos rexistros das súas delegacións territoriais ou comarcais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Documentación.

Coas solicitudes deberá presentarse a seguinte documentación:

I) Para os proxectos colectivos presentados por grupos de destinatarios, de acordo ó artigo 5º da orde, tódolos participantes no proxecto achegarán:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I, asinada por tódolos participantes.

2) Copia cotexada de DNI ou CIF dos participantes.

3) Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da súa sucursal, así como o enderezo desta.

4) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orden segundo o modelo do anexo III.

5) Declaración que dea fe de estar ó día nas obrigas fiscais e tributarias e de non ter débedas coa Xunta de Galicia, segundo modelo do anexo III.

6) Para acredita-las condicións requiridas para ser participantes:

a) Os propietarios de embarcacións: certificado orixinal do Rexistro Mercantil.

b) Os armadores: copia cotexada do permiso de explotación da embarcación.

c) Pescadores: copia cotexada do rol de embarque e/ou do permiso de explotación.

d) Familiares: copia cotexada do libro ou libros de familia onde se acredite a relación de parentesco.

7) Designación de representante do grupo para os efectos de tramitación da axuda.

8) Descrición detallada do proxecto colectivo integrado, na que necesariamente se fará referencia:

Á finalidade e o seu obxecto.

A cal das alíneas da última parte do artigo 2º se considera que se refire o proxecto.

A descrición pormenorizada dos investimentos ou actividades obxecto do proxecto e, se é o caso, se se dispón das habilitacións precisas para isto.

As utilidades que se espera que se deriven del.

Indicación precisa do esforzo financeiro de todos e cada un dos participantes e custo total do proxecto.

9) Certificado de non inicio da realización do investimento para o que se solicita a axuda, no momento de presentación da solicitude.

Cando se trate de instalacións fixas, será expedida polo técnico redactor do proxecto e, de non ser necesario proxecto, solicitarase a súa realización por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

10) Referendo da entidade á que fai referencia o artigo 11º primeiro epígrafe xunto da de certificación do secretario da entidade ou de persoa habilitada para iso, relativa á condición de membros da entidade.

II) Para os proxectos colectivos presentados por promotores de acordo co artigo 7º da orde:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I, asinada polo representante da entidade promotora.

2) Fotocopia do DNI do representante da entidade promotora.

3) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica.

4) Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

5) Certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

6) Fotocopia do código de identificación fiscal.

7) Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta.

8) Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste a súa localización e características principais e xustificación; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la empresa, da función que dentro delas vai realiza-la nova infraestructura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se considere de interese.

9) Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestructura ou equipamento, indicando características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

10) Memoria económica que recolla os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudio de viabilidade, indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc.

b) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos.

En calquera caso deberán achegarse os datos requiridos segundo o modelo do anexo II.

11) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde segundo modelo do anexo III.

12) Declaración que dea fe de estar ó día nas obrigas fiscais e tributarias e de non ter débedas coa Xunta de Galicia, segundo modelo do anexo III.

13) Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

14) Certificado de non inicio da realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento de presentación da solicitude.

Cando se trate de instalacións fixas, será expedida polo técnico redactor do proxecto e, de non ser necesario proxecto, solicitarase a súa realización por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

15) Para acredita-las condicións requiridas para ser participantes, ademais do DNI ou CIF, aportarán:

a) Os propietarios de embarcacións: certificado orixinal do Rexistro Mercantil.

b) Os armadores: copia cotexada do permiso de explotación da embarcación.

c) Pescadores: copia cotexada do rol de embarque e/ou do permiso de explotación.

d) Familiares: copia cotexada do libro ou libros de familia onde se acredite a relación de parentesco.

16) Certificación da entidade promotora na que se designe a un director do proxecto.

17) Referendo da entidade á que fai referencia o artigo 11º, primeiro epígrafe.

Artigo 14º.- Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que se observase algunha deficiencia lle concederá ó solicitante un prazo de 10 días para emendala conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda considerarase desistido da súa petición, logo de resolución. No seu estudio e valoración, elaborará un informe de viabilidade e interese para a zona onde se realice a investimento, solicitará a ampliación de datos ou outros informes que considere necesarios, así como efectuaralle as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O conselleiro dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de 6 meses contados a partir da finalización do correspondente período de selección estipulado no artigo 11º. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Conforme o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 15º.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de

xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 16º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se a entidade solicitante non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado, entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 18º.-Realización do investimento.

O prazo no que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda, será fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en caso ningún poida exceder do ano de outorgamento.

Cando a entidade beneficiaria considere que non pode termina-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de terminar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co dito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade obxecto da axuda.

A directora xeral dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; en caso de que sexa aprobada, non poderá exceder de doce meses a partir do termo do prazo establecido na resolución de concesión da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 19º.-Control das actividades obxecto das axudas.

As entidades beneficiarias das axudas, quedarán suxeitas, tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que lle requiran por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación y Desenvolvemento Pesqueiro, realizará o seguimento e apoio do investimento auxiliado, e se reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto da axuda con prazo sufi

ciente para poder efectua-las comprobacións que se estimen necesarias.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria da solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denegar tal modificación.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro establecerá as medidas necesarias, para os efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 20º.-Pagamento da axuda.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) A acreditación da realización da actividade ou investimento obxecto do proxecto colectivo integrado.

b) Que os beneficiarios se atopen ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 21º.-Documentación para o pagamento.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados en orixinal, copia orixinal ou fotocopia legalizada, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria da solicitude e por beneficiario se procede.

b) As facturas irán xunto dos documentos xustificativos do seu abonamento, ben certificación do acredor, acreditativa do pagamento das ditas facturas, ben certificación bancaria do seu pagamento.

c) Declaración contida no anexo II desta orde, relativa ó momento da petición de pagamento, na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

d) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

e) Certificación acreditativa de que os participantes se atopan ó día nas obrigas fiscais e tributarias expedidas pola Axencia Tributaria e a Tesourería da Seguridade Social segundo corresponda.

f) Certificación acreditativa de que os participantes non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

Estas certificacións só serán esixibles se a axuda a cada participante non está exenta disto pola correspondente Lei de orzamentos.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas, e á vista da documentación xustificativa presentada determinará consonte ó tipo de solicitante a contía dos pagamentos, segundo o establecido no artigo 9º.

Artigo 22º.-Pagamentos parciais e anticipos.

As entidades beneficiarias poderán solicitar pagos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida conforme o establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo presenta-la xustificación dos gastos realizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 20 desta orde.

O resto da axuda librarase unha vez terminado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de no ter finalizado, investimento o beneficiario está obrigado a reintegra-las cantidades recibidas con carácter de pagamentos parciais.

Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo á conta da axuda concedida nos termos e condicións establecidos no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 24 de xuño de 2002 pola que se establecen as bases e condicións para a adopción de medidas complementarias na pesca costeira artesanal e se regula o procedemento de concesión de primas globais a tanto alzado e toda a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A concesión destas primas globais a tanto alzado queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos marítimos