Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 04 de xuño de 2003 Páx. 7.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 271/2003, do 22 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Viveiro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación das marismas do Landro.

O Concello de Viveiro, en sesión do día vintecinco de outubro de dous mil dous, aprobou o proxecto de recuperación das marismas do Landro e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Viveiro foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do día dous de xaneiro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dezasete de decembro de dous mil dous.

A Consellería de Medio Ambiente emitiu o seu informe sobre o proxecto. Este informe tivo data de entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dous de maio de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación é necesaria para a conservación e o uso racional das zonas húmidas e a recuperación definitiva da marisma, polo que hai que proceder a corrixi-los impactos negativos que a afectan e conseguir un uso racional dos recursos naturais, o que levaría á preservación desta zona no futuro. Para iso considérase prioritario

ter un acceso controlado ó longo do río Landro para poder preserva-los seus recursos e que non se deteriore pola acción do home, sendo necesaria unha actuación urxente para restablece-las condicións ambientais da marisma do muíño de marea, como zona máis alterada das marismas do Landro.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Viveiro para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación das marismas do Landro, debendo, no seu caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local