Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 04 de xuño de 2003 Páx. 7.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, no seu título IX, capítulo I, sección 1ª, establece as diferentes categorías de persoal

docente e investigador contratado polas universidades públicas.

Posteriormente, esta comunidade autónoma publica o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario. Unha e outra disposición normativa esixen para determinadas figuras contractuais, con carácter previo á súa contratación, o informe ou avaliación da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, consonte determina a Lei 3/2002, do Parlamento de Galicia, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, ou calquera outro órgano de avaliación que as leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista concerto previo ou convenio coa Comunidade Autónoma galega.

Dentro deste decreto establécense os obxectivos da Axencia de acordo co disposto no artigo 31 da mencionada lei orgánica e no artigo 86 respecto ós centros que imparten ensinanzas de acordo con sistemas educativos estranxeiros.

Asemade, créase por este decreto, e dentro da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, establecéndose a súa composición, así como que contará cun comité de asesores expertos para realiza-las avaliacións para cada un dos grandes campos científicos.

O texto do decreto estructúrase en tres títulos. Un primeiro referente ás disposicións de carácter xeral, constituíndo a garantía da calidade o seu obxectivo principal, o cal introducirá elementos de innovación, competitividade e mellora da calidade das universidades para o efecto de conferi-lo maior vigor e credibilidade ó sistema universitario galego.

O título segundo fala dos informes e avaliacións previos para a contratación e progresión do profesorado universitario contratado, facendo referencia expresa a cada unha das figuras contractuais que son obxecto de emisión de informe ou avaliación con carácter previo á súa contratación laboral, así como o procedemento para tales solicitudes.

O título terceiro refírese á creación da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación.

Conta tamén o presente decreto cunha disposición adicional e unha transitoria, como consecuencia da disposición transitoria segunda do Decreto 774/2002, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional.

Na súa conformidade, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do o informe do pleno do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Asunción de funcións pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

De conformidade coa disposición adicional vixésimo sétima da Lei do Parlamento de Galicia 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, corresponden á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, no ámbito da comunidade autónoma, as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Artigo 2º.-Principios de actuación.

1. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia desenvolverá as súas funcións con independencia, obxectividade, transparencia, eficacia e pleno sometemento á lei e ó dereito, asegurando e promovendo a participación nelas das comunidades universitarias galega, española e internacional.

2. Para o desenvolvemento dos seus fins, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia actuará tamén de acordo cos principios de coordinación e colaboración coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación e cos órganos de avaliación externa que existan ou se constitúan noutras comunidades autónomas para fins similares nos seus ámbitos respectivos, nos termos previstos pola Lei orgánica 6/2001 e polo presente decreto.

Artigo 3º.-Ámbito de actuación.

O ámbito de actuación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia comprende tódalas universidades integradas no dito sistema, así como os centros que impartan en Galicia ensinanzas universitarias de acordo con sistemas educativos estranxeiros, nos termos previstos no artigo 86 da Lei orgánica 6/2001.

Artigo 4º.-Garantía da calidade.

A garantía da calidade do sistema universitario de Galicia constitúe a finalidade primordial da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, asumindo para este efecto no ámbito da comunidade autónoma a consecución de tódolos obxectivos a que se refire no artigo 31.1º da Lei orgánica 6/2001.

Artigo 5º.-Promoción da calidade.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia promoverá especialmente que as universidades do sistema se doten dos instrumentos necesarios para garanti-la calidade interna das súas ensinanzas, das súas actividades docentes, investigadoras e de xestión do profesorado universitario, e das actividades, programas, servicios e xestión dos seus centros e institucións.

Artigo 6º.-Avaliación, certificación e acreditación.

Para cumpri-los seus obxectivos, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asume no ámbito da comunidade autónoma as competencias de avaliación, certificación e acreditación a que se refire o artigo 31.2º da Lei orgánica 6/2001.

Artigo 7º.-Centros que impartan ensinanzas de acordo con sistemas educativos estranxeiros.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asume as competencias de avaliación dos centros a que se refire o artigo 86.2º da Lei orgánica 6/2001, coordinando a súa actuación coa Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, nos termos sinalados polo dito precepto.

TÍTULO II

Dos informes e avaliacións previos para a

contratación e progresión do profesorado

universitario contratado

Artigo 8º.-Competencias da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001 e no Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario, corresponden á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as funcións de avaliación e informe da actividade do profesorado a que se refiren os artigos 5, 6 e 7 do citado decreto.

Artigo 9º.-Dos informes para a contratación e progresión de profesores colaboradores.

1. Para efectos dos concursos para a contratación de profesores colaboradores convocados polas universidades públicas de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá informe en que valorará favorablemente ou desfavorablemente o currículum vitae do solicitante, con referencia ós campos científicos en que poidan integrarse as áreas de coñecemento a que se refire o artigo 51 da Lei orgánica 6/2001.

2. Asemade, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá, por solicitude dos interesados, informes previos á prórroga por catro anos dos contratos de profesores colaboradores, a que se refire no artigo 6.2º do Decreto autonómico 266/2002, aínda que neste caso valorará unicamente a actividade desenvolvida polo candidato como profesor colaborador.

Artigo 10º.-Das avaliacións para a contratación estable de profesores colaboradores.

Para efectos de que a contratación de profesores colaboradores poida adquirir carácter estable, corresponde á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitir certificación en que se avalíen positiva ou negativamente os períodos previos de actividade como profesor colaborador a que se refire o artigo 6.2º do Decreto autonómico 266/2002, sobre a base do currículum vitae do solicitante.

Artigo 11º.-Das avaliacións para concursar a prazas de profesores axudantes doutores.

Para efectos dos concursos para a contratación de profesores axudantes doutores convocados polas universidades públicas de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá certificación en que avalíe positiva ou negativamente o currículum vitae do solicitante, con referencia ó campo científico pertenza.

Artigo 12º.-Das avaliacións para concursar a prazas de profesores contratados doutores.

Para efectos dos concursos para a contratación de profesores contratados doutores convocados polas universidades públicas de Galicia, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia emitirá certificación en que se avalíen positiva ou negativamente ó menos tres anos de actividade docente e investigadora, ou prioritariamente investigadora, de postdoutoramento, do solicitante, sobre a base do seu currrículum vitae, con referencia ó campo científico ó que pertenza.

Artigo 13º.-Procedemento.

1. Tódalas solicitudes de informes ou avaliacións presentaranse á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia en modelo normalizado, previamente fixado por ela, xuntándose a documentación acreditativa de estar en posesión da titulación esixida pola Lei orgánica 6/2001, así como o currículum vitae do solicitante. A solicitude deberá indicar para cal ou cales das modalidades contractuais se solicita o informe ou a avaliación, podendo presentarse ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, na forma establecida no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia fará súas as propostas motivadas e vinculantes de informes ou avaliacións elaboradas pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), a que se refire o título III deste decreto.

3. Os correspondentes acordos, tamén motivados, do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia comunicaranse a cada solicitante, mediante notificación persoal e directa, no prazo máximo dos seis meses seguintes á presentación da solicitude.

Os ditos acordos esgotan a vía administrativa e poden ser obxecto de impugnación perante a xurisdicción contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 29 dos vixentes estatutos do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

4. Os efectos da avaliación positiva ou dos informes favorables acordados polo Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario

de Galicia non están suxeitos a prazo de caducidade ningún.

O interesado que obtivese informe desfavorable ou avaliación negativa non poderá volver a instar unha nova avaliación ou informe ata trascorreren seis meses contados desde a notificación a que se refire o número 3 deste artigo.

TÍTULO III

Da Comisión Galega de Informes, Avaliación,

Certificación e Acreditación (CGIACA)

Artigo 14º.-Creación.

Para a emisión de informes, avaliación, certificación e acreditación, créase dentro do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, a Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA).

Artigo 15º.-Composición.

A dita comisión estará composta por un presidente, un vicepresidente e seis vocais.

Artigo 16º.-Do presidente, vicepresidente e vocais.

O presidente da CGIACA será o director xeral de Universidades.

O vicepresidente será o director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Serán vocais: o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dous designados polo conselleiro competente en materia universitaria e tres máis designados un por cada universidade do sistema universitario de Galicia, nomeados polos seus rectores respectivos.

Artigo 17º.-Coordinación xeral e secretaría.

O director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia realizará as funcións de coordinador xeneral e secretario.

Artigo 18º.-Asesoramentos.

A CGIACA contará con comités de asesores expertos, que realizarán as avaliacións para cada un dos campos científicos nos que aquela se estructura.

Disposicións adicionais

Primeira.-Dos informes e avaliacións doutros órganos de avaliación externa.

1. Para os efectos previstos nos artigos 5, 6 e 7 do Decreto autonómico 266/2002, equipáranse os informes e avaliacións da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ós emitidos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. En canto ós dos órganos de avaliación externa doutras comunidades autónomas, a equiparación requirirá a subscrición previa do correspondente convenio entre eles e a Xunta de Galicia.

Segunda.-As funcións ás que se refire o artigo 1 do presente decreto serán exercidas no ámbito da

Comunidade Autónoma de Galicia, polo Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia creado polo convenio asinado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, con data do 30 de xaneiro de 2001 e publicado no Diario Oficial de Galicia o 5 de abril de 2001.

Disposición transitoria

Única.-Contratación excepcional de profesores colaboradores en tódalas áreas do coñecemento.

Corresponde igualmente á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia a emisión dos informes a que se refire a disposición transitoria segunda do Real decreto 774/2002, do 26 de xullo, polo que se regula o sistema de habilitación nacional para o acceso a corpos de funcionarios docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso respectivos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os protocolos para avaliar ou informa-las actividades docentes investigadoras e de xestión dos profesores, regúlanse por orde.

Segunda.-Autorízase o conselleiro competente en materia universitaria para dicta-las disposicicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria