Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 2003 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia nas eleccións locais do día do 25 de maio de 2003.

Convocadas eleccións locais polo Real decreto 374/2003, do 31 de marzo, para o vindeiro 25 de maio do ano en curso, é preciso adopta-las medidas oportunas para facilita-lo exercicio dos dereitos e deberes do persoal ó servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e no Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal, terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exerce-lo seu dereito ó voto, sempre que a súa quenda de traballo o día 25 de maio de 2003 coincida polo menos en catro horas co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais.

Artigo 2º

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal,

e a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan ese día de descanso semanal.

Artigo 3º

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servicios o persoal afectado por esta orde esixirán ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ó voto.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública