Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 20 de maio de 2003 Páx. 6.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 13 de maio de 2003 pola que se convoca o XIV Certame Galego de Teatro Xuventude 2003.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, segundo o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a súa estructura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude. Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ten, entre outras funcións, de acordo co disposto no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado convoca o XIV Certame Galego de Teatro Xuventude 2003, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto desta convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO I

XIV CERTAME GALEGO DE TEATRO XUVENTUDE 2003

I. Convocatoria.

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, a través da Dirección Xeral de Xuventude, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, convoca o XIV Certame Galego de Teatro Xuventude 2003.

II. Participantes.

Poderán concorrer a este certame tódolos grupos teatrais, non profesionais, compostos por galegos ou residentes en Galicia, que se inclúan dentro dalgunha das categorías desta convocatoria.

III. Categorías.

Establécense catro categorías:

Categoría A: para grupos de teatro independentes compostos por persoas que non teñan máis de 30 anos de idade.

Categoría B: para grupos de teatro que se constitúan nos distintos centros de ensino infantil e primario que agrupen alumnado destes centros e nos colexios públicos integrados que agrupen alumnado que curse estudios de ensino infantil e primario.

Categoría C: para os grupos de teatro que se constitúan nos colexios públicos integrados que agrupen alumnado que curse estudios de primeiro ou segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria e bacharelato nos institutos de educación secundaria de Galicia, formados por alumnado destes centros que non superen os 30 anos de idade.

Categoría D: para grupos de teatro que se constitúan en centros de formación profesional de grao superior, escolas e facultades universitarias de Galicia e que os seus membros non superen os 30 anos de idade.

Esas idades enténdense cumpridas no ano 2003, agás a dirección e o equipo técnico.

IV. Condicións xerais.

1. As obras poderán ser de autores galegos, españois ou estranxeiros.

2. Poderán presentarse textos orixinais.

3. Non se poderán presentar obras xa premiadas outros anos.

4. Cada centro participante en cada categoría só poderá presentar un total de tres obras.

5. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e 30 minutos.

6. Excluiranse aqueles grupos que non cumpran as condicións esixidas nas distintas bases desta orde de convocatoria.

V. Inscricións.

As solicitudes deberanse facer no impreso normalizado que se indica no anexo II.

Así mesmo, os participantes deberán enviar:

-O boletín de inscrición que se indica no anexo III, nun sobre pechado no que figurará, exclusivamente, o título da obra que se vai representar.

-Fotocopia do DNI ou do libro de familia dos compoñentes do grupo. Os grupos das categorías B, C e D poden presentar unha certificación da secretaría do centro, na que se relacionen tódolos seus compoñentes e se acredite a súa pertenza ó centro, así como, de se-lo caso, o cumprimento do requisito de non supera-la idade de trinta anos.

-Fotocopia do NIF do grupo de teatro independente, para a categoría A, ou do correspondente centro, para as categorías B, C ou D.

-Certificación orixinal acreditativa do número dunha conta bancaria (20 díxitos) e do seu titular, que terá que se corresponder co do NIF do punto anterior.

Segundo a categoría presentarán tamén:

Categoría A:

-Unha síntese da obra (título, autor e adaptación dos diálogos, se é o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espacio que se precisa, etc.).

-Un vídeo dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do ano 2003.

Categoría B e C:

-Unha síntese da obra (título, autor e adaptación dos diálogos, de se-lo caso) e da posta en escena (número de personaxes, necesidades de decorado, vestiario, espacio, etc. que precisan) e nomes dos responsables e coordinadores.

-Un vídeo dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do curso académico 2002-2003.

Categoría D:

-Unha síntese da obra (título, autor e adaptación dos diálogos, se é o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espacio que se precisa, etc.).

-Un vídeo dunha representación da obra a concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do curso académico 2002-2003.

O vídeo ó que se fai mención nas distintas categorías debe ser en formato VHS, estar gravado a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión polo xurado.

incumprimento destes requisitos dará lugar á exclusión do certame.

Os participantes deberán dirixi-lo impreso de solicitude, a obra e o sobre pechado ó Servicio de Xuventude e presentalo no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da provincia na que residan habitualmente que poderá ser en:

R/ Ronda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32071 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15071 A Coruña.

R/ Concepción Arenal, 8-1º, 36201 Vigo.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36071 Pontevedra.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación rematará o día 20 de xuño de 2003.

VI. Desenvolvemento.

O certame obxecto desta convocatoria desenvolverase a través da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado de Lugo coa colaboración da Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O xurado seleccionará, de entre os participantes, aqueles que pola súa calidade considere merecentes de concorrer á fase final.

O xurado poderá seleccionar para a fase final ata seis grupos en cada unha das categorías.

As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses, desde a publicación desta orde no DOG.

No caso de non recibi-la notificación no antedito prazo poderase entender desestimada a solicitude presentada.

Sen prexuízo do anterior, no mes de outubro de 2003, na cidade de Lugo, o xurado deste certame entregará os premios ós finalistas das distintas categorías.

VII. Premios.

Establécense os seguintes premios:

PremiosCategoría A

1º1.500 A e diploma

2º 900 A e diploma

3º 600 A e diploma

4º ó 6º 360 A e diploma

PremiosCategoría B e C

1º1.200 A e diploma

2º 600 A e diploma

3º 450 A e diploma

4ºó 6º 300 A e diploma

PremiosCategoría D

1º1.500 A e diploma

2º 900 A e diploma

3º 600 A e diploma

4º ó 6º 360 A e diploma

Para cada unha das categorías (A, B, C e D) establécese un premio especial de 600 A para a mellor representación feita en galego.

Prevese para os premiados nas catro categorías a concesión de 150 A en concepto de gastos de vestiario e decorados. Así mesmo, establécese unha cantidade de 300 A para cada centro educativo seleccionado para representar na fase final, dentro das categorías B, C e D, co fin de cubri-los gastos orixinados pola representación (desprazamento, vestiario, decorados, etc.).

As cantidades dos premios serán únicas e indivisibles.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos grupos participantes nas distintas categorías dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego de Teatro.

Os grupos seleccionados polo xurado para a fase final nas distintas categorías comprométense, no momento de faceren a inscrición, a representa-las obras, polas que foron nomeados e premiados, na cerimonia de entrega de premios que se celebrará na cidade de Lugo no mes de outubro ou de novembro de 2003, segundo o estime oportuno a organización.

Prevese a concesión dunha cantidade de 300 A en concepto de gastos de viaxe e manutención ó

grupo que faga a súa representación o día da entrega de premios.

Así mesmo, os grupos gañadores do 1º premio nas diferentes categorías comprométense, no momento de face-la inscrición, a representa-la obra pola que foron premiados no lugar e data a determinar pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado. Para iso prevese a concesión dunha cantidade de 900 A en concepto de gastos de viaxe e manutención, por grupo teatral, que se fará efectiva unha vez feita a dita representación.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes, conforme a lexislación tributaria.

VIII. Xurado.

O xurado será nomeado polos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Lugo e estará composto por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado de Lugo.

O xurado segundo a calidade das obras poderá deixar desertos algúns dos premios.

A decisión do xurado será inapelable.