Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 20 de maio de 2003 Páx. 6.488

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 12 de maio de 2003 pola que se convoca a XII Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 2003.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado leva a cabo, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil. Por outra banda, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través da súa Dirección Xeral de Comercio e Consumo, leva a cabo a función de colaborar no desenvolvemento do mundo da industria téxtil, así como na promoción da moda galega. Todo isto, de acordo co disposto no Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que se poida manifesta-la actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca cada ano unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2003.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado convoca a XII Mostra Galega de Novos Creadores de Moda Xuventude 2003, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto desta convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, coa colaboración das Consellerías de Innovación, Industria e Comercio, Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, sita en Vigo, será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.01.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO I

XII MOSTRA GALEGA DE NOVOS CREADORES DE MODA XUVENTUDE 2003

I. Participantes.

Poderán participar neste certame os mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, desde 18 ata 30 anos de idade, cumpridos no ano 2003, nos que concorra algunha das seguintes circunstancias:

Poden intervi-los alumnos e alumnas de deseño de moda matriculados neste curso 2002/2003, circunstancia que debe ser convenientemente acreditada.

Tódolos mozos e mozas deseñadores que, non estando matriculados nunha escola de deseño, non sexan profesionais no campo da moda, circunstancia que debe ser acreditada coa correspondente declaración xurada.

II. Condicións xerais.

1. As coleccións versarán sobre primavera-verán 2004.

2. As coleccións deben ser orixinais e non ter sido seleccionadas para a fase final noutros certames ou mostras.

3. Non poderán participar aqueles xoves diseñadores premiados na edición anterior deste certame.

4. Os participantes a título individual presentarán os seus deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

5. Presentarán unha colección de catro modelos de home ou muller e máis un modelo libre fóra da colección (vangarda). Terá que defini-lo tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados.

6. Xunto coas obras deberá entregarse un sobre pechado co pseudónimo no seu exterior e no interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, debidamente cuberto, fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras e currículo do/a autor/a.

7. En ningún caso nos deseños pertencentes ás coleccións presentadas deberán figurar datos que identifiquen os deseñadores, para garanti-lo anonimato en todo momento.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso de solicitude que se indica no anexo II e dirixiranse ó delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado de Pontevedra en Vigo.

Os participantes deberán presenta-las solicitudes, xunto cos sobres pechados citados anteriormente, no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Concepción Arenal, 8- 1º andar, 36201 Vigo.

R/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra.

Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 17 de setembro de 2003.

IV. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará 10 participantes.

As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación desta orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo poderase entender desestimada a solicitude presentada.

Os seleccionados confeccionarán a colección dos catro modelos obrigatorios mailo modelo libre, para

o pase que vai ter lugar na cidade de Vigo, no teatro do Centro Cultural Caixanova, o día 5 de novembro de 2003.

V. Premios.

Establecénse os seguintes premios:

Premios:

1º premio: 1.803,04 A.

2º premio: 1.202,02 A.

3º premio: 601,01 A.

Terán tamén unha bolsa de 3.005,06 A cada un, para cubri-los gastos de formación e aloxamento con modistos galegos de sona internacional. As bolsas serán outorgadas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio dentro do convenio para a promoción do téxtil galego.

Haberá un diploma para o mellor deseño de vangarda.

Outorgaranse 601 A para cada un dos 10 seleccionados como apoio á confección dos modelos.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes na fase final dun diploma que acredite a súa participación nesta Mostra Galega de Novos Creadores de Moda.

Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polo delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado en Vigo e estará formado por persoas cualificadas do mundo da moda, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado de Pontevedra.

A decisión do xurado será inapelable.

VII. Destino e devolución das obras.

Os deseños dos participantes que pasen á final quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude.

Os deseños dos participantes non seleccionados que non fosen retirados por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, poderán ser destruídos ou utilizados pola dita dirección xeral na forma que coide oportuna.

Queda implícita a autorización do/s autor/es das coleccións participantes á difusión da imaxe destas por parte da consellería, por calquera medio que estime oportuno.