Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 20 de maio de 2003 Páx. 6.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 262/2003, do 8 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, 1ª fase, desde o punto quilométrico 0,000 ó 0,196.

O Concello de Fene, en sesión celebrada o día vintesete de novembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, 1ª fase, desde o punto quilométrico 0,000 ó 0,196, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O Concello de Fene remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de abril de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o Concello, esta travesía serve de alternativa de acceso ó concello de Ferrol, ó recoller parte do tráfico de entrada da N-651 e o procedente da autoestrada A-9, provocando unha grande intensidade de circulación, así mesmo presenta un tránsito de peóns constante debido á localización nesta zona de gran cantidade de vivendas e baixos

comerciais, e que debido á carencia de beiravía ou espacio lateral reservado para aparcamento de vehículos e para a circulación de peóns, obriga a estes a invadi-la calzada, o que supón un alto índice de inseguridade para o tráfico peonil e implica un risco real de accidentes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Fene, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, 1ª fase, desde o punto quilométrico 0,000 ó 0,196.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local