Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 20 de maio de 2003 Páx. 6.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 261/2003, do 8 de maio, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Friol, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de reforma do campo de fútbol de Friol.

O Concello de Friol, en sesión que tivo lugar o día vinteseis de novembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de reforma do campo de fútbol de Friol, e na sesión do vinteoito de xaneiro de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O Concello de Friol remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día trinta e un de marzo de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o Concello, as instalacións actuais quedaron inadecuadas e insuficientes, atopándose en moi mal estado, polo que non cumpren coas mínimas condicións impostas pola normativa hixiénico-sanitaria, sendo necesaria a súa mellora coa maior premura que sexa posible, o que facilitaría una mellor práctica deportiva e ademais contribuiría a unha rexeneración ambiental da zona, que se atopa nun proceso de recesión e degradación do medio; así mesmo as obras proxectadas levan consigo unha conseguinte mellora para o tráfico rodado, evitando os problemas de aparcamento e circulación que se orixinan na actualidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, polo Concello de Friol, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de reforma do campo de fútbol de Friol.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local