Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 254/2003, do 24 de abril, polo que se crea a Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense. Concesionario da Xunta de Galicia, S.A.

Un dos principais obxectivos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia é dota-lo seu territorio dunha ampla rede de infraestructuras coa finalidade de acada-lo desenvolvemento axeitado da nosa sociedade. Neste sentido xorde a necesidade

de buscar mecanismos de colaboración entre as diferentes administracións así como a conveniencia de coordina-los intereses públicos coas iniciativas privadas con fin de impulsa-la realización das infraestructuras pendentes.

Esta orientación determinou o acordo entre as administracións autonómica e central respecto á necesidade de construír unha autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense, que se plasmou co asinamento dun primeiro convenio de colaboración o día 27 de febreiro de 1997. Neste convenio establecíase que o Ministerio de Fomento, titular da estrada N-525, tramitaría dúas concesións administrativas para a construcción conservación e explotación da autoestrada e dividía o itinerario en dous treitos: Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo e Alto de Santo Domingo-Ourense.

En cumprimento do mencionado convenio adxudicouse, en novembro de 1999, a concesión dunha autoestrada de peaxe para o treito Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo, quedando pendente a licitación do segundo treito a expensas de acadar un determinado volume mínimo de vehículos.

O interese da Administración autonómica por acometer de maneira inmediata o segundo treito levou, o pasado día 23 de decembro, a asinar un segundo convenio entre a Xunta de Galicia e o Goberno da Nación que tivo por obxecto establecer e concreta-lo réxime de coordinación competencial entre ámbalas administracións para a construcción, conservación e explotación do segundo treito da autoestrada entre Santiago de Compostela e Ourense. Neste sentido, será a Xunta de Galicia quen tramitará a correspondente concesión administrativa.

Por outra parte, a disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, autoriza a Xunta de Galicia a constituír unha sociedade pública autonómica das previstas no artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, participada integramente pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., coa finalidade de construír e, se é o caso, explota-las obras de autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, treito: Alto de Santo Domingo-A52 (Ourense).

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente así como nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril do patrimonio da comundiade autónoma, de acordo igualmente co Real decreto lei 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, e en execución do disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2003 así como polo artigo 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, e por proposta do conselleiro

de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a creación, ó abeiro do artigo 55.2º do Estatuto de autonomía, e de conformidade co previsto no artigo 45.1º e 3º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense. Concesionaria da Xunta de Galicia.

Artigo 2º

O capital fundacional subscrito e desembolsado integramente pola Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. cífrase en seis millóns de euros (6.000.000 A).

Artigo 3º

Apróbanse os estatutos da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense. Concesionario da Xunta de Galicia, S.A.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto e para a realizaciónde tódolos actos precisos para a constitución da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense. Concesionaria da Xunta de Galicia, S.A.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda