Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 09 de maio de 2003 Páx. 5.863

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais de admitidos e excluídos do proceso selectivo para ingreso no corpo de mestres, así como a adquisición de novas especialidades.

Para darlle cumprimento na forma máis adecuada ó disposto no número 17 da Orde do 6 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo), pola que se convocan probas selectivas para ingreso no corpo de mestres así como a adquisición de novas especialidades, esta dirección xeral

RESOLVEU:

Primeiro.-Facer pública no anexo I a relación de aspirantes admitidos que solicitaron tomar parte no mencionado proceso selectivo.

Segundo.-Declarar excluídos, polas causas que se especifican, os aspirantes que figuran no anexo II.

Terceiro.-Incluír condicionalmente na relación de solicitantes os candidatos que figuran no anexo III.

Cuarto.-No prazo de dez días naturais a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, os interesados poderán interpoñe-las reclamacións previstas no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co disposto na sección cuarta, número 18, da orde de convocatoria.

Quinto.-O feito de figurar na relación de solicitantes non prexulga que se dean por válidas as condicións persoais do interesado que o lexitimen para participar no proceso selectivo, cando da documentación que no seu momento teña que achegar non se deduza de maneira inequívoca o seu dereito a participar nel, conforme as esixencias da convocatoria.

Tal condicionamento faise extensivo incluso á titulación alegada polo interesado na súa solicitude, xa que a Administración neste momento non se pronuncia sobre a súa validez, senón que a súa consignación no modelo de instancia ten un simple valor indicativo; a certificación de estudios que se una a ela admítese, exclusivamente, para os efectos da súa valoración pola comisión na fase de valoración de méritos, polo que o interesado actúa neste proceso selectivo baixo a súa responsabilidade estricta e absoluta.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2003.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal