Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Xoves, 08 de maio de 2003 Páx. 5.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se regula o desenvolvemento de programas de garantía social en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2003-2004.

A Orde do 5 de maio de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 29 de maio) regula os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de facilita-la reinserción no sistema educativo da xente nova ou ben posibilita-lo principio constitucional de acceso a un posto de traballo nas mellores condicións posibles para aqueles que decidan incorporarse á vida activa.

O Plan galego de formación profesional refírese ós programas de garantía social no seu punto 6.2.4 ó propor un plan de reforzo da implantación destes programas.

Deste modo, coa oferta postobrigatoria e profesionalizadora que constitúen os programas de garantía social, o principio educativo de extensión do dereito á educación adquire un maior significado. O seu exercicio en condicións crecentes de calidade é un instrumento para evita-la desigualdade, xa que lle ofrece a este alumnado unha resposta específica que contribúe a potencia-la súa madureza, así como a logra-la autonomía necesaria para operar no seu medio e a adquiri-las aprendizaxes básicas.

É, pois, unha medida máis de compensación da situación de desvantaxe e de desigualdade de oportunidades que cómpre desenvolver co fin de evita-la discriminación derivada de factores sociais, culturais, económicos, étnicos ou doutra índole, que lle impide a un determinado alumnado acceder ó ensino en condicións de igualdade.

En virtude do punto décimo terceiro da citada Orde do 5 de maio de 1997, e coa finalidade de desenvolver aqueles aspectos que a completen e permitan levar a cabo os programas de garantía social durante o curso 2003-2004, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Destinatarios.

Poderán acceder ós programas de garantía social as persoas menores de 21 anos que, polo menos, cumpran 16 anos no ano natural en que inicien o programa e se atopen nalgunha das seguintes condicións:

a) Estaren escolarizadas no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria e, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estar en condicións de acada-los obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, tamén poderá accede-lo alumnado ó que non lle fora posible cursar un programa de diversificación curricular e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

O acceso ós programas de garantía social realizarase logo da avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

b) Estaren desescolarizadas e non posuíren titulación académica superior á do graduado escolar ou, tendo acadada esa titulación, carecer do título de formación profesional de primeiro grao.

c) Teren unha oferta dunha empresa para un contrato de formación.

Aquelas empresas que desexen realizar un contrato de formación a persoas que reúnan os requisitos de acceso a programas de garantía social recollidos na presente resolución acordarán cos centros educativos que impartan estes programas o número de prazas para a área de formación básica e aquelas outras complementarias do programa.

Este alumnado poderase incorporar ó longo da realización destes programas.

Segundo.-Obxectivos.

Os programas de garantía social nas súas distintas modalidades orientaranse á consecución dos obxectivos indicados no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997.

O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención do título de educación secundaria polo réxime de adultos, cando a compatibilidade de horario o permita.

Tamén poderá realiza-las probas libres para a obtención do título de educación secundaria, que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sempre e cando reúna os requisitos da convocatoria.

O alumnado que supere un programa de garantía social, aínda que non cumpra o requisito de idade, poderá presentarse ás probas de acceso a ciclos formativos de grado medio que convoca a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para posibilita-la súa continuación no sistema educativo e a adquisición dunha maior cualificación profesional.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos cun mínimo de 10 alumnos e alumnas e un máximo de 15. En tódolos programas poderá participar alumnado con necesidades educativas especiais, e non se poderán incorporar máis de tres alumnos destas características por grupo; de ser así, o número máximo de alumnos que constituirán o grupo reducirase en igual número ó de alumnos integrados. Non obstante, cando existan como mínimo oito alumnos con necesidades educativas especiais que, polas súas características, poidan ter dificultades para se integraren nun programa de garantía social, poderá constituírse un grupo exclusivamente para este colectivo.

Cuarto.-Modalidades de programas.

Os centros educativos públicos poderán acollerse ós programas de garantía social que figuran no anexo I e que responden ás seguintes modalidades:

-Programas de formación educativa e profesional: programas que se desenvolverán integramente nun centro educativo en que se impartan ensinanzas de educación de secundaria, de educación de adultos, de artes plásticas e deseño, e de educación especial.

-Programas de iniciación profesional: programas en que a área de formación básica se desenvolva nun centro educativo dos indicados no punto anterior e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, con institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, ou con empresas.

Quinto.-Programa de formación educativa e profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no punto segundo da Orde do 5 de maio de 1997, a modalidade de formación educativa e profesional considera de forma especial a formación para continuar estudios a través da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional ou para a obtención do título de graduado en ensino secundario obrigatorio.

2. Estructura e distribución horaria: nesta modalidade, as áreas formativas e a súa distribución horaria para unha semana son as seguintes:

2.1. Área de formación profesional específica: 18 horas semanais.

2.2. Área de formación e orientación laboral: 2 horas semanais.

2.3. Área de formación básica: 8 horas semanais.

2.4. Titoría: 1 hora semanal.

2.5. Actividades complementarias: 1 hora semanal.

Non obstante, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do servicio de Inspección Educativa, poderán autorizar horarios distintos do anterior, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

3. Formación en centros de traballo: complementando a formación impartida no centro educativo e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. De ser así, o número de horas destinadas a esta formación computarase na área de formación profesional específica.

Sexto.-Programa de iniciación profesional.

1. Obxectivos da modalidade: ademais dos obxectivos recollidos no apartado segundo da Orde do 5 de maio de 1997, os programas de iniciación profesional considerarán de forma especial a orientación para a inserción laboral das persoas, en colaboración con empresarios e axentes sociais en xeral e en conexión con plans de emprego e inserción laboral.

2. Estructura e distribución horaria: a estructura desta modalidade de programas implica o desenvolvemento en tres bloques que se indican a seguir. Ademais, os centros poderanse acoller á estructura horaria que figura nos programas de formación educativa e profesional, ou ben á seguinte:

-Bloque 1. Formación no centro educativo: esta parte terá unha finalidade fundamentalmente motivadora e orientadora e será impartida integramente no centro educativo. Estará estructurada en áreas,

cunha distribución horaria que se axustará ó que se indica a seguir para cada unha delas.

2.1. Área de iniciación técnico-profesional: 150 horas (5 horas semanais).

-Formación económica e laboral: 60 horas (2 horas semanais).

-Aproximación ó mundo das profesións e ó contorno productivo: 60 horas (2 horas semanais).

-Introducción á informática do usuario: 30 horas (1 hora semanal).

2.2. Área de formación e orientación laboral: 60 horas.

2.3. Área de formación básica: 70 horas.

2.4. Titoría: 60 horas.

2.5. Actividades complementarias: 20 horas.

-Bloque 2. Formación tecnolóxico-práctica: desenvolverase como módulo de formación profesional ocupacional relacionado co perfil do programa, en colaboración con entidades da Administración local ou institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, ou en empresas coas que previamente se asinen convenios de colaboración. Este bloque terá unha duración de 600 horas.

-Bloque 3. Formación en centros de traballo: complementando a formación práctica do bloque anterior (formación tecnolóxico-práctica) e para facilita-la súa inserción laboral, o alumnado poderá facer prácticas en centros de traballo relacionados co perfil profesional do programa. O número de horas destinadas a este bloque será contabilizado dentro das horas do bloque de formación práctica.

Non obstante, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servicio de Inspección Educativa, poderán autorizar horarios distintos dos citados, sempre que existan razóns que xustifiquen esta modificación.

Sétimo.-Metodoloxía.

A metodoloxía nos programas de garantía social basearase nos principios de:

-Individualización, a través de estratexias diversas que posibiliten unha mellor aprendizaxe dos contidos da área de formación básica. Para iso é imprescindible identifica-lo nivel de coñecementos previos do alumnado, coa finalidade de deseñar e aplica-las actividades máis axeitadas, respectando sempre os diferentes ritmos de traballo e tendo en conta que as actividades deben seguir un proceso gradual e secuenciado. Favorecerase que o alumnado empregue as súas propias estratexias para aumenta-lo seu nivel de autoestima.

-Interdisciplinariedade. Coa formulación que se propón como principio na área de formación básica para o alumnado dos programas de garantía social preténdese:

-Desenvolve-las capacidades básicas a través do emprego de técnicas de traballo.

-Adquirir contidos de formación básica, evitando así o parcelamento dos seus compoñentes, apoiándose no medio real e conectando as actividades no taller.

Oitavo.-Avaliación.

A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social, en calquera das súas modalidades, será continua, individualizada e integradora, coa finalidade de detecta-las dificultades no momento en que se produzan, investiga-las súas causas e adopta-las medidas correctoras oportunas. Para tal fin, o profesorado fará o seguimento e a avaliación da área que imparta, referida a cada un dos alumnos. Terá como referencia os obxectivos e os criterios de avaliación sinalados nas programacións didácticas, así como o grao de madureza acadado, e requirirá a asistencia regular do alumno ou da alumna ás clases e ás actividades programadas para as distintas áreas.

Ó longo do proceso formativo débense considera-los seguintes tipos de avaliación:

-Avaliación inicial: realizarase ó comezo do curso para coñece-lo nivel con que accede o alumnado e posibilita-la individualización do proceso de ensino-aprendizaxe, explicitando as adaptacións e os apoios que precise cada alumno ou alumna. Os seus resultados quedarán recollidos no expediente académico.

-Avaliación procesual ou formativa: cómpre que esta avaliación, especialmente ó principio do proceso formativo, valore máis a evolución persoal do alumnado cá aprendizaxe de contidos instructivos.

-Avaliación final: representa o resultado do seguimento e da avaliación de todo o proceso formativo e dará lugar ás cualificacións das áreas formativas destas ensinanzas.

As cualificacións expresaranse por áreas e globalmente mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco. Nos casos das áreas de formación tecnolóxico-práctica e de formación en centros de traballo, a cualificación expresarase en termos de apto ou non apto. A cualificación desta áreas prácticas será realizada polo profesorado que efectúe o seu seguimento.

Na avaliación do alumnado con necesidades educativas especiais terase en conta a dita circunstancia, tomando como referencia básica os criterios establecidos na adaptación curricular correspondente. De tratarse dunha adaptación curricular significativa, incorporarase ó seu expediente unha copia da resolución do órgano responsable que a autorice.

Polo menos, realizarase unha sesión de avaliación parcial cada trimestre lectivo, o que se fará constar na acta correspondente, segundo o modelo do anexo II.

A superación dun programa de garantía social requirirá a avaliación positiva en todas e cada unha das áreas que o compoñen.

Noveno.-Certificacións, acreditacións e orientación.

1. Ó remate dun programa de garantía social autorizado ó abeiro desta resolución, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa del, na que se farán consta-las áreas e un resumo dos contidos que as integran, as cualificacións obtidas e o número de horas destinadas a cada unha delas. Este certificado será expedido polo/a secretario/a do centro, co visto e prace do/a director/a (modelo no anexo III).

2. A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno, co obxecto de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo para o exercicio profesional ou para proseguir ensinanzas, a través do acceso ós ciclos formativos de grao medio. A dita orientación ha preserva-lo dereito do alumno á confidencialidade e non terá, para o alumno, carácter prescritivo.

3. A superación dun programa de garantía social halles permitir ás persoas interesadas concorreren á proba de acceso a ciclos formativos de grao medio.

Décimo.-Formación en centros de traballo (FCT).

A xestión dos documentos e datos relativos ó desenvolvemento do módulo de FCT, realizarase mediante a utilización da aplicación informática FCT-Xade, subministrada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo primeiro.-Dereitos e deberes.

Para o alumnado matriculado nos programas de garantía social é de aplicación a normativa pola que se establecen os dereitos e os deberes do alumnado e as normas de convivencia nos institutos de ensino secundario.

Décimo segundo.-Convocatorias.

Por norma xeral, o número de convocatorias nun programa de garantía social é dunha. Excepcionalmente, o alumnado que por enfermidade ou outra causa persoal, familiar ou social grave, ó finaliza-lo programa non consiga supera-los obxectivos, poderá permanecer por un período máximo dun ano nun programa de garantía social da mesma ou outra modalidade.

A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos programas de garantía social poderase aumentar excepcionalmente nun ano escolar respecto do establecido con carácter xeral.

En calquera dos casos a autorización virá dada expresamente pola Dirección Xeral de Formación profesional e Ensinanzas Especiais, logo de informe da Inspección Educativa.

Décimo terceiro.-Inscrición e matrícula.

Para os centros públicos que teñan autorizados programas de garantía social para o curso 2003-2004 establécese o período de inscrición ó longo do mes de xullo, e de matrícula do 1 ó 14 de setembro.

A formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quedará condicionada a que haxa un número mínimo de 10 alumnos/as admitidos/as para cada programa de garantía social autorizado, sen prexuízo do recollido no artigo 3º desta resolución en relación ó alumnado con necesidades educativas especiais. A impartición destas ensinanzas cun número menor de alumnos esixirá autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Décimo cuarto.-Seguimento.

As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos servicios de Inspección Educativa, realizarán o apoio e o seguimento precisos para a posta en marcha e o desenvolvemento dos programas de garantía social autorizados, considerando as memorias indicadas no punto sétimo e velando pola boa marcha do proceso educativo.

Décimo quinto.

A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2003.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

CATÁLOGO DE PROGRAMAS EN RELACIÓN COAS FAMILIAS PROFESIONAIS

Familia profesionalPerfil

Actividades agrarias.Operario de actividades forestais.

Operario de cultivos hortícolas.

Operario de explotacións agropecuarias.

Operario de viveiros e xardíns.

Auxiliar de florería.

Actividades marítimo-pesqueiras.Operario acuicultor.

Navegación e pesca costeira.

Administración.Servicios auxiliares de oficina.

Artes gráficas.Operario de imprenta rápida e manipulados.

Auxiliar de infografía.

Comercio e márketing.Dependente de comercio.

Comunicación, imaxe e son.Auxiliar de imaxe.

Edificación e obra civil.Operario de revestimentos lixeiros.

Operario de albanelería.

Operario de carpintería de obra.

Pintor-empapelador.

Xeseiro-escaiolista.

Operario de pavimentación e colocación de azulexo.

Operario de cantería.

Auxiliar de pintura e decoración.

Operario de cubrición de edificios.

Electricidade e electrónica.Instalador electricista.

Auxiliar de electrónica.

Operario de instalacións eléctricas de baixa tensión.

Operario reparador de electrodomésticos.

Familia profesionalPerfil

Fabricación mecánica.Ferreiro e forxador agrícola.

Operario de construccións metálicas en aluminio.

Operario de máquinas e ferramentas.

Operario de soldadura e construccións metálicas.

Operario de soldadura.

Operario de caldeirería.

Hostalería e turismo.Axudante de cociña e restauración.

Axudante de cociña.

Axudante de repostería e pastelería.

Operario de panadería.

Auxiliar de aloxamento, lencería e lavandería.

Axudante de servicios de restaurante e bar.

Imaxe persoal.Auxiliar de perruquería.

Auxiliar de estética.

Industrias alimentarias.Operario de conserveira vexetal.

Operario de industrias lácteas.

Operario de carnicería e chacinería.

Operario de industrias conserveiras e semiconserveiras de marisco e peixe.

Operario de captación, elaboración e envasado de productos silvestres e ecolóxicos.

Madeira e moble.Operario de fabricación e instalación de mobles modulares sinxelos.

Operario de carpintería de madeira maciza.

Operario de mecanizado de madeira.

Operario de carpintería.

Familia profesionalPerfil

Mantemento de vehículos autopropulsados.Axudante de mecánica xeral e electricidade do vehículo.

Axudante de operacións de carrocería do vehículo.

Auxiliar de mantemento de motocicletas.

Axudante de reparación de automóbiles.

Axudante de reparación e mantemento de maquinaría agrícola.

Mantemento e servicios á producción.Operario de refrixeración e climatización.

Operario de mantemento básico de edificios.

Operario de fontanería.

Operario de reparación e mantemento de maquinaria de téxtil e confección.

Sanidade.Auxiliar de puericultura.

Servicios á comunidade e socioculturais.Auxiliar de axuda no domicilio e residencias asistidas.

Téxtil, confección e pel.Operario de téxtil e confección.

Reparador de calzado e marroquinería.

Operario maquinista de confección industrial.

Operario de tapicería.

Artes aplicadas á escultura.Forxador artístico.

Artes plásticas aplicadas á indumentaria.Auxiliar de creación de indumentaria.

Cerámica artística.Operario de olería.

Esmaltes artísticos.Operario de esmalte.

Vidro artístico.Operario de soprado de vidro.

Vidro e cerámica.Operario de olería-cerámica.

Xoiería de arte.Operario de técnicas básicas de xoiería.

Operario de quincalla.