En relación co proxecto citado, acórdase facer público, nos termos do artigo 13.6º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, o acordo do 11 de abril de 2003, adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, que literalmente di:
1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial para a implantación do Centro de Transportes e Terminal Intermodal de San Cibrao das Viñas, coas modificacións e correcións incluídas no proxecto e derivadas da súa tramitación e do informe sobre as mesmas alegacións formuladas, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
2. Declara-la utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servicios previstos, así como a necesidade de ocupación para efectos de expropiacións dos bens e dereitos necesarios para a execución do referido proxecto sectorial.
3. As obras públicas especificadas no dito proxecto sectorial quedan cualificadas como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licencia urbanística municipal, nos termos da disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 11.3º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.
4. O proxecto sectorial entrará en vigor o día seguinte ó da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.
Contra o acordo transcrito, que é definitivo en vía administrativa, poderase interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación,
e isto sen prexuízo da interposición de calquera outro que, se é o caso, se coide procedente.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2003.
Valeriano Martínez García
Director xeral de Transportes