Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2003 Páx. 5.758

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da ampliación da subestación de Vilar do Colo no termo municipal de Cabanas (A Coruña). (Expediente 57701. Ampliación 2002).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para efectos de notificación en avda. de

Arteixo 171, 15707 A Coruña, resultan os seguintes antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 6 de setembro de 2002 a citada empresa solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 122 e 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Ampliación subestación de Vilar do Colo, no concello de Cabanas, consistente en implantar un segundo transformador de potencia T-II de 20 MVA de potencia, coas súas respectivas posicións de liña de 132 kV e 15 kV. Para 132 kV cela blindada composta por un interruptor tripolar, tres trafos de intensidade, seccionador de barras e seccionador de P.A.T. para mantemento, conxunto de proteccións do lado de alta. Para 15 kV, 1 cela blindada de protección do transformador, con xogo de barras, interruptor, seccionador e trafos de intensidade, e unha cela blindada de axuste con xogo de barras, interruptor, seccionador e trafo de tensión.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións a trámite de información pública mediante Resolución do 30 de setembro de 2002, publicada no DOG de 12-11-2002, no BOP da Coruña de 22-10-2002, e na delegación provincial da Coruña.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Tercero.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la ampliación da subestación de Vilar do Colo no termo municipal de Cabanas (A Coruña).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas