Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2003 Páx. 5.733

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre a interpretación do artigo 45.c), relativo á revisión salarial para o ano 2002 do convenio colectivo das industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra.

Visto o texto do laudo arbitral sobre a interpretación do artigo 45.c), relativo á revisión salarial para o ano 2002 do convenio colectivo das industrias do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra, con nº de código 3601155, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, artigo 2.f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, a Delegación de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de marzo de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral.

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral do 17 de febreiro de 2003, en procedemento de solución de conflictos, con base no establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 2/2003, no que son interesados, dunha parte as asociacións patronais ASIME, ATRA, FECA, FONCALOR e INSTALECTRA, e da outra a Federación do Metal da CIG, a Federación Mineiro Metalúrxica de CC.OO., e MCA-UGT, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre diverxencias xurdidas entre elas por falta de acordo na interpretación do artigo 45 c) relativo á revisión salarial do convenio do metal para empresas siderometalúrxicas sen convenio propio da provincia de

Pontevedra (DOG do 13-7-2000); Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión presentada por medio deste laudo con base nos seguintes

Antecedentes.

1. As discrepancias xurdidas na interpretación do sistema de revisión salarial para o ano 2002 non lles permitiron acadar ás partes un acordo nas diversas reunións que mantiveron para tal efecto, incluídas as reunións que tiveron lugar os días 16 e 20 de xaneiro deste ano da comisión mixta e paritaria do convenio colectivo. Non consta no expediente que nas revisións salariais dos dous anteriores anos de vixencia do convenio colectivo houbese desacordos. Esgotadas as canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.

2. Os antecedentes propios son os seguintes: o artigo 45 do convenio establece: «c) Revisión salarial ano 2002. Se o 31 de decembro de 2002 o IPC do dito ano superase o IPC previsto polo Goberno para o dito ano, efectuarase unha revisión salarial, tan pronto se constate tal circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Esta cantidade aplicarase con carácter retroactivo desde o mes en que se supere a dita porcentaxe. Tal incremento servirá como base de cálculo para as táboas salariais do ano seguinte.» As letras a) e b) do citado artigo, revisión salarial para os años 2000 e 2001 respectivamente, son de idéntica redacción.

Procedemento.

1. O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe con data do 17 de febreiro, e asistiron á dita mesa representantes das dúas partes en litixio e, especificamente, representando as asociacións empresariais José Manuel Rodríguez Simón, e polos sindicatos de CIG, CC.OO. e UGT, respectivamente, Emilio Alonso Nogueira, José Cameselle Romero e José Antonio Álvarez González, en nome das federacións de rama correspondentes.

O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que sirva coma defensa das súas posicións e que pola vez sirva para ilustra-lo árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

2. Nesta reunión as partes expoñen ó actuante as diverxentes posicións sobre tal materia e que, ademais, non se puideron solucionar nin nas reunións da citada comisión mixta e paritaria do citado convenio colectivo nin noutras que se teñen seguido para o efecto. Entenden as partes que unha vez que o árbitro coñeceu as diferencias na interpretación dos cómputos temporais que marca, ó xuízo dunha e outra parte, o citado artigo 45 do convenio, non cabe outra solución que a decisión arbitral. Neste mesmo acto, o árbitro solicita das partes que lle sexa remitida diversa documentación referida á cuestión, e que se concreta en copia das actas da

mesa de negociación, e da mesa de redacción do convenio colectivo que conteñan algunha mención ás cuestións sobre revisión salarial para os anos 2000, 2001 e 2002. Así mesmo, solicita as actas da comisión mixta e paritaria nas que se tratara sobre tales cuestións, documentos estes que lle poden servir ó árbitro como elementos de base na interpretación do citado precepto, e que lle foron remitidos ó árbitro polo secretario da mesa de negociación do citado convenio, Leonardo Pérez Alonso, en data 20-2-2003, data que se considera referente para os efectos do prazo para dictar laudo establecido no artigo 24.2º regulador do procedemento de arbitraxe do AGA.

3. Da análise da documentación achegada e dos datos ofrecidos polas partes ó árbitro no trámite de audiencia ás partes consignada anteriormente, non se observan referencias que lle poidan servir ó árbitro como elementos directos de interpretación na cuestión presentada. Soamente existen referencias a tal cuestión nunha acta da reunión ordinaria da comisión mixta e paritaria do convenio colectivo celebrado con data 8-3-2001, pero sen que as actas de negociación e das da comisión de redacción do citado convenio ofrezan luz no sentido que se demanda nesta cuestión.

O árbitro, pois, soamente ten o texto do citado precepto e as matizacións e alegacións presentadas polas partes sobre o alcance temporal das citadas previsións revisoras de salarios e especificamente aplicables para o ano 2002, posto que non constan documentalmente cuestións que puidesen ter afectado o ano 2000 e 2001.

Fundamento da resolución.

Ante o conflicto xurídico que se presenta, o árbitro dispón, como se dicía, do propio texto do artigo 45, na súa letra c), que ten que ser obxecto dunha interpretación conforme as regras establecidas no artigo 3 do Código Civil e por outra parte e como ferramentas para determina-lo alcance do que en tal norma se establece, deberá examinalo á luz doutros sistemas de revisión comparables e das solucións que a través de tales sistemas se teñan acadado, e todo iso no marco indubidable y recoñecido polas partes e especificamente polos representantes das asociacións do metal que son parte neste conflicto, que explicitaron ó árbitro que o que as dúas partes querían era que os traballadores mantivesen, durante a vixencia do convenio, o seu poder adquisitivo. A cuestión concreta é que, aínda ámbalas dúas partes teñen traballado neste sentido, ó que non chegan é a precisa-lo alcance da expresión contida na citada letra c do artigo 45, cando sinala que a revisión salarial se efectuará «tan

pronto como se constate tal circunstancia... Esta cantidade aplicarase con carácter retroactivo desde o mes en que se supere a dita porcentaxe». Esta falta de acordo na interpretación dos termos do artigo provoca que as partes non se poñan de acordo nos efectos económicos que implica a revisión salarial para o ano 2002.

O árbitro considera que a primeira das diverxencias reflectidas non ofrece dúbida en canto á súa solución. É de común aceptado que cando se fai referencia á constatación do incremento de IPC anuais («tan pronto como se constate tal circunstancia», sinala o convenio) é simplemente o momento no que o Goberno fai público de forma definitiva o incremento do índice de prezos ó consumo para cada ano natural, e é precisamente nese momento cando, coñecido o dato, se van calcula-las desviacións sobre as previsións efectuadas co fin de mante-lo nivel adquisitivo global por parte dos traballadores, proxectándose temporalmente a dita revisión, baseada na desviación incremento/IPC real, debendo terse en conta que o precepto convencional non permitiría a utilización do coñecido e común sistema xeral de aplicación de revisión salarial utilizado polas entidades xestoras da Seguridade Social para a revisión anual das pensións por desviación no IPC previsto polo Goberno.

Con base en todo isto, quedan, ó xuízo do árbitro, claras dúas cousas: unha, o mecanismo de revisión ten que esperar indispoñiblemente a que se coñeza o dato do IPC real facilitado polo Goberno e, por outra parte, o artigo en cuestión e á diferencia doutros artigos que se establecen noutros convenios colectivos para a revisión salarial, establece expresamente que esta cantidade se aplicará con carácter retroactivo desde o mes en que se supere a dita porcentaxe. Dicíase que para estes efectos son de aplicación as regras de interpretación do Código Civil e a primeira é que se interpreten as normas conforme os seus propios termos, interpretación literal que ademais, neste suposto, se compadece co fin que buscaban as partes e tamén sistematicamente con outros artigos en iguais termos incluídos en numerosos convenios e que, por seren coñecidos son de ociosa cita (neste sentido, unicamente cómpre consignar que dentro do mesmo sector o convenio propio da maior empresa do metal da provincia

contén un mecanismo similar ó establecido no precepto en litixio cando sinala «... con efectos a partir do mes en que o IPC superarase a dita porcentaxe» -Convenio colectivo 2001/2003).

Todo isto lévanos a colixir que, unha vez que se coñeceu o dato do IPC real en función da inflación do ano 2002, os cálculos aplicables da revisión salarial para o ano 2002, toda vez que o 31 de decembro do dito ano se superou a porcentaxe fixada como suba salarial no artigo 45 c), motiva indispoñiblemente como se dicía que se ten que revisa-la súa contía entre o exceso entre o IPC real do conxunto do ano 2002 e a citada porcentaxe pactada aplicándose, pois, ó fío desa interpretación literal e sistemática necesariamente desde o mes en que se superou a dita porcentaxe.

Non caben outras interpretacións aínda que efectivamente caberían outros sistemas. Dise isto porque ó árbitro, no trámite de audiencia, lle foi explicado pola parte empresarial un sistema de proxección das desviacións do nivel adquisitivo en función dos IPC

superiores ós mensuais previsto ó longo do ano 2002. A xuízo deste árbitro, e examinado con detalle o asunto ata os seus últimos extremos, e aclarando previamente que ó seu xuízo a única interpretación posible neste caso sometido á interpretación arbitral é a interpretación primeira e preferente que esixe o Código Civil, coida que as ditas proxeccións, co fin de que fosen absolutamente exactas, obrigarían a calcula-las ditas desviacións utilizando integrais, sistema que por unha parte o árbitro cre que non é o que se debe aplicar por decisión da propia norma e que, por outra parte, se opón a un orzamento común tradicional no noso ordenamento normativo en materia salarial como é que conceptos e cálculos salariais sexan facilmente perceptibles para aqueles que perciben retribucións polo seu traballo por conta allea.

En resumo, o árbitro entende que nesta cuestión, sometida á súa decisión, só cabe esta interpretación literal, que se compaxina perfectamente cunha análise histórica e sistemática destas cláusulas cando teñen a expresión literal do mes en que se debe aplicar con carácter retroactivo, que a interpretación arbitral serve á finalidade establecida polas partes como é o mantemento do poder adquisitivo dos traballadores como elemento central da discusión, que ademais é un sistema claro e perceptible polos interesados, e que en definitiva soluciona con acordo a un sistema común e ordinario o litixio salarial, sen prexudicar, ademais, as últimas posicións das partes nesta materia, comunicadas ó árbitro e que, para estes efectos, o mesmo ten en conta.

Por iso, conforme os propios termos do artigo 45 c) é as regras do artigo 3 do Código Civil, vista a documentación achegada, cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión xurídica dictando o seguinte laudo conforme o artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo publicado no DOG do 4-5-1995.

Único.-Procederase a unha revisión salarial cunha contía que será o exceso entre o IPC real do conxunto do ano 2002 comunicado polo Goberno e a porcentaxe pactada para o citado ano no convenio colectivo, que se aplicará con carácter retroactivo desde o mes de abril do citado ano, incrementándose así os salarios totais dos traballadores co fin de mante-lo seu poder adquisitivo. Estes salarios servirán de base para a aplicación de niveis salariais sucesivos.

Poderá recorrerse contra este laudo perante a xurisdicción social nos termos establecidos no apartado 4º do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).

Dado en Vigo o 28 de febreiro de 2003.

O árbitro

Rubricado