Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Mércores, 07 de maio de 2003 Páx. 5.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 5 de maio de 2003 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia a través do cheque infantil en centros de atención á primeira infancia non sostidos con fondos públicos e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 195/2003, do 20 de marzo, atribúelle á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Esta orde adáptase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212A.470.0, recollida na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Dado que este programa se estende na súa execución a parte do ano 2004, trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá a 681.163,40 euros na anualidade de

2003 e 694.169 euros na anualidade de 2004, correspondente ó curso 2003/2004.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e regulación do proceso de concesión de axudas económicas para a atención de nenos/as de 0 a 3 anos en centros de atención á primeira infancia non sostidos con fondos públicos mediante o programa do cheque infantil. Non obstante poderá eximirse do límite de idade os nenos con discapacidade física, psíquica ou sensorial susceptibles de integración, logo de informe dos equipos de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ou do órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, de se-lo caso.

Artigo 2º.-Tipo de axuda.

A axuda convocada consiste na provisión e cobertura total ou parcial do custo da praza adxudicada nun centro de atención á primeira infancia non sostido con fondos públicos ós solicitantes con nenos/as entre 0 e 3 anos a cargo que desexen acollerse ós beneficios do programa cheque infantil.

Para os efectos desta axuda establécese o custo máximo da praza por asistencia en 110 A/mes e para a praza con asistencia e servicio de comedor en 173 A/mes. Neste custo inclúese a cota mensual por asistencia e, se é o caso, por servicio de comedor, excluíndose o prezo de transporte, actividades extraescolares, material escolar, matrículas e outros análogos, que deberán ser aboadas, cando proceda, polo usuario.

O beneficiario participará, se é o caso, no pagamento da contía da praza segundo os prezos e tramos de renda fixados no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

A contía máxima subvencionable será a diferencia resultante entre o importe máximo por praza segundo a modalidade e a achega que, se é o caso, lle corresponda aboar ó beneficiario.

Como anexo I a esta orde especifícanse as achegas que lles corresponde aboar ós beneficiarios así como a contía máxima mensual da axuda por praza segundo a renda per cápita e circunstancias familiares.

Para os efectos desta orde, considérase que os nenos/as de integración ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo incrementarase na contía correspondente ó

custo dunha praza (110 A/mes para prazas con só asistencia e 173 A/mes para prazas con servicio de comedor). A unidade familiar aboará ó centro a achega que corresponda segundo o establecido no anexo I.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Co obxecto de dar continuidade ás prazas adxudicadas no curso 2002/2003, terán preferencia para a concesión das axudas previstas nesta orde as persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo que no curso 2002/2003 tiveran recoñecida esta axuda. En todo caso, deberán cumpri-los requisitos establecidos nesta orde para seren beneficiarios e solicitaren a reserva da praza adxudicada no ano anterior.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarios do programa cheque infantil galego:

a) As persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo, solicitantes de prazas en centros de atención á primeira infancia sostidos con fondos públicos e que non resultaran adxudicatarios dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Consideraranse solicitantes de oficio sempre que exerceran a opción polo programa cheque infantil na solicitude da praza. Neste caso, estes solicitantes en lista de espera, non terán que presenta-la solicitude da axuda regulada nesta orde.

b) As persoas con nenos/as de 0 a 3 anos a cargo, residentes en localidades onde non existan centros de atención á primeira infancia sostidos con fondos públicos e desexen obter praza nalgún centro partícipe do programa existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do programa cheque infantil para axuda á asistencia da primeira infancia, as persoas con nenos/as entre 0 e 3 anos a cargo nos que concorran os seguintes requisitos:

a) Ter nacido/a o neno/a a cargo con posterioridade ó 31 de decembro de 2000. No caso de nenos/as de integración poderá eximirse do cumprimento deste requisito.

b) Ter cumpridos o neno/a a cargo 3 meses na data de ingreso.

c) Non obter praza nun centro de atención á primeira infancia sostido con fondos públicos, ben por non existir ningún no lugar de residencia do solicitante ou ben porque a oferta de prazas nestes centros resulte insuficiente para resultar adxudicatario.

d) Que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 895 euros.

e) Que existan prazas correspondentes ó grupo de idade do neno/a nos centros partícipes do programa no concello de residencia do beneficiario, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.

f) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.

Artigo 5º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos cunha minusvalidez superior ó 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos, a suma da parte xeral maila parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de lle aplicar ós datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. Reserva de praza.

Aqueles beneficiarios que no curso 2002/2003 gozaran da axuda do programa cheque infantil e continúen interesados na praza adxudicada no ano anterior, ou, se é o caso, outra do mesmo centro, deberán presenta-la solicitude simplificada que figura como anexo II a esta orde.

A esta solicitude xuntarase a documentación xustificativa dos ingresos económicos a que se refire o punto 6.2.c), así como a demais documentación no caso de producirse cambios nas circunstancias familiares.

2. No caso dos interesados que se atopen no suposto do art. 3º.2 B), as solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo oficial (anexo III) subscrita polos pais ou representantes legais dos nenos/as, na que se elixirá ata un máximo de cinco centros da lista de centros partícipes que figura como anexo V a esta orde, detallándose por orde de preferencia. Xunto a solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do libro de familia.

b) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, e se é o caso, do representante legal.

c) Xustificación de ingresos: copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar. En caso de declaracións individuais,

copia da declaración de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-1. Os solicitantes de devolución rápida (MOD. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, de 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-2. As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (MOD. 104) achegarán certificación dos datos existentes na administración, expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, de 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

A documentación xustificativa de ingresos a que se refiren os puntos anteriores corresponde ó ano fiscal 2001.

Cando se produzan causas sobrevidas que afecten los recursos da unidade familiar, é preciso un informe da asistente social do concello neste sentido. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos que por distintas razóns non se poidan acredita-las rendas dos pais con escasos recursos.

d) No caso de nenos/as de integración deberán presentar informe do equipo de valoración e orientación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ou do órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, de se-lo caso.

e) Certificado de minusvalidez, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez ou minusvalidez dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

-Enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas.

-Situación de desemprego dos pais ou titores.

-Outras situacións a ter en conta pola Comisión de Baremación.

3. De carecer dalgún dos documentos sinalados nos puntos a) e b) do punto anterior, será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar ou económica segundo proceda.

Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

4. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a delegación correspondente requirirá o solicitante para que, nun prazo de 10 días, achegue os documentos preceptivos ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co art. 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá dictarse nos termo previstos no art. 42 da citada lei.

Artigo 7º.-Lugar e prazo das solicitudes.

1. As solicitudes coa documentación requirida presentaranse na Delegación da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado da provincia onde teña o seu domicilio o solicitante, sen prexuízo do disposto no art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes de reserva de praza, así como para os posibles beneficiarios do artigo 3.2º b), será de corenta días hábiles a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso dos posibles beneficiarios do art. 3.2º a) non será precisa a presentación de solicitudes, considerándose de oficio como interesados desde o momento en que formando parte das listas de espera definitivas en centros sostidos con fondos públicos, exerceran a opción polo programa cheque infantil.

3. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 deste artigo cando se produza algunha das circunstancias que se indican o seguir:

a) Nacemento do neno/a con posterioridade ó prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente aprecien as delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas da xustificación acreditativa da circunstancia que a motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno/a e de orzamento suficiente para esta finalidade.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.

1. A avaliación das solicitudes e a correspondente proposta de resolución será efectuada pola comisión de avaliación de solicitudes, que se constituirá en cada delegación provincial.

2. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o xefe/a do servicio de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial.

-Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario.

Artigo 9º.-Criterios de valoración das solicitudes.

1. A comisión de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado para este programa e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes, proporá a relación priorizada de beneficiarios segundo os seguintes criterios:

a) Terán prioridade os beneficiarios que no ano anterior gozaran desta axuda e á súa vez optaran por reserva-la praza adxudicada no curso 2002/2003. Naqueles casos en que non fose posible adxudicárlle-la mesma praza, adxudicaráselle ó beneficiario outra de similares características no mesmo centro ou noutro, o máis próximo ó da praza do curso 2002/2003.

b) O resto das peticións que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4º seleccionaranse de acordo co baremo que figura como anexo IV a esta orde.

Inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas polo interesado, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que estime pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Na proposta de resolución figurarán por separado a relación de beneficiarios que reservan a praza adxudicada no ano anterior e os novos beneficiarios. Esta relación de beneficiarios deberá indica-la correspondente puntuación e a asignación do centro no que se lle adxudica unha das prazas do programa do cheque infantil, con especificación, se é o caso, da axuda e da achega que lle corresponda. Na relación de beneficiarios que reservan a praza non figurará a puntuación. No caso de que a demanda de axudas superase a oferta dispoñible, elaborarase unha lista de espera coa puntuación obtida en aplicación do baremo por cada unha delas.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Avaliación, e despois da súa fiscalización pola intervención territorial, correspóndelles por delegación da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, ós delegados provinciais da consellería, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

2. Os delegados provinciais da consellería, á vista da proposta da comisión de avaliación, dictarán a resolución pertinente, na que se fixarán a praza correspondente nun centro partícipe e os termos da axuda, especificando, se é o caso, a parte de pagamento correspondente ó beneficiario. O seu contido será notificado ós interesados, de acordo co esta

blecido no art. 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os beneficiarios do programa disporán dun prazo de 10 días a partir da notificación da resolución para confirma-la praza no centro asignado e achega-la documentación complementaria, doutro xeito considerarase que decaeron no seu dereito.

4. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da a data da publicación da presente orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

5. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Procedemento de materialización da axuda.

1. Os beneficiarios recibirán cheques infantís mensuais que entregarán ó centro partícipe xunto coa achega, se é o caso, nos dez primeiros días do mes das prestacións. O centro entregaralle ó beneficiario o correspondente xustificante de pagamento e factura polo total do servicio, con especificación da achega que lle corresponde aboar.

2. Os cheques serán efectivos a partir da data que se fixe na resolución de concesión da axuda, sempre que se acredite o inicio da prestación do servicio.

O prazo máximo que se lle concede ó beneficiario para comezar a gozar do servicio é dun mes contado desde a data na que o cheque comeza a ser operativo,

salvo prórroga excepcional proposta pola comisión de avaliación cando se acredite causa xustificada de demora.

3. Unha vez realizada a prestación do servicio, o centro enviaralle á delegación provincial correspondente unha relación certificada dos beneficiarios segundo os servicios prestados, xunto ós cheques infantís correspondentes.

Os centros partícipes, antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento, terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios do cheque infantil:

a) Facilitarlles ós órganos competentes toda a información necesaria para asegura-lo cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destina-lo cheque infantil á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no art. 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 decembro, así como no art. 19 do Decreto 287/1999, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade e a dispoñibilidade de prazas nos centros partícipes do programa nas localidades en que se solicitan.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provincias da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, ó abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolve-la concesión, denegación, modi

ficación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado