Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 06 de maio de 2003 Páx. 5.701

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 25 de marzo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Bouza dos Abalos e Penedo do lugar de Trabanca-Badiña do concello de Vilagarcía de Arousa.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

-Presidente: José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

-Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogado polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

-Vocais representantes do lugar de Trabanca-Badiña do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Manuel Piñeiro Dasilva.

Ramón Bueno Piñeiro.

-Secretaria: Pilar Pita Ponte (xefa de Sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 20 de febreiro de 2003, coa asistencia das

persoas ó marxe sinaladas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Bouza dos Abalos e Penedo do lugar de Trabanca-Badiña do concello de Vilagarcía de Arousa.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 2 de xullo de 1997, Manuel Piñeiro Dasilva, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Trabanca-Badiña, solicitou a clasificación como veciñais en man común dos montes Bouza dos Abalos e Do Penedo da parroquia de Santa Olaia de Arealonga, lugar de Trabanca-Badiña, concello de Vilagarcía de Arousa, presentando levantamento topográfico e documentación histórica acreditativa dos dereitos dos veciños do lugar.

Segundo.-Con data 15-7-1997 e posteriormente 30-9-1997 solicítase a superficie e lindes das parcelas para permiti-la súa correcta identificación, presentando a dita información con data 3-10-1997.

Terceiro.-Na sesión do día 24 de febreiro de 1999, o xurado adoptou o acordo de nomear relator do expediente de clasificación a Teodoro Arribas Serrano.

Cuarto.-Realízanse os informes previos e preceptivos do monte que se vai clasificar.

Quinto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentaria esixida, no preceptivo trámite de audiencia presentan alegacións o solicitante e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

Sexto.-No prazo esixido conmparecen como interesados: os herdeiros de Rémirez de Esparza, presentando documentación histórica e notas simples informativas; e Mª Carmen Llovo Santos presentando informe con documentación histórica, escritura pública, etc.

Sétimo.-Na reunión celebrada polo Xurado de Montes Veciñais en Man Común o día 3 de abril de 2002, noméase como novo instructor a Manuel Francisco Gutiérrez.

Oitavo.-Vistos os informes previos e preceptivos do Servicio de Montes e Industrias Forestais e efectuada visita ó terreo, os montes obxecto do presente expediente de clasificación, obedecen á seguinte descrición:

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Parroquia: Santa Olaia de Arealonga.

Lugar: Trabanca-Badiña.

Nome do monte: Bouza dos Abalos e Penedo.

Cabida total estimada: 2,84 ha.

Localización xeográfica: as coordenadas extremas na cuadrícula UTM son:

Extremo norte: 4717950.

Extremo sur: 4716250.

Extremo leste: 521200.

Extremo oeste: 520800.

No citado monte distínguense dúas parcelas:

Parcela nº 1: Bouza dos Abalos.

Cabida: 0,89 ha. A vexetación consta de mato baixo, abundante rexeneración de Pinus Pinaster Ait e unha ducia de pés adultos da mesma especie.

Lindes:

Norte: predios particulares e camiño ó monte Xiabre.

Sur: antigo camiño ó monte Xiabre.

Leste: predios particulares.

Oeste: predios particulares.

Colindantes:

Norte: Mª Jesús Rubiáns Campos, Manuel Rodríguez Rubiáns.

Leste: Victoria Campos, Manuel Rodríguez Rubiáns.

Oeste: herdeiros de Margarita Patiño, José Isaac Gómez Abalo.

Servidumes:

Atravesada por camiños de Trabanca-Badiña ó monte Xiabre en dous trazados distintos.

Ocupacións:

Obsérvase a presencia de: un depósito de augas, unha canteira abandonada que ocupa máis da metade da parcela no seu desterro, unha vivenda ocupada e en edificación dentro do desterro da canteira, varias chabolas ocupadas e un cercado de bloques e aramado.

Parcela nº 2: Monte Penedo, O Penedo, Pedra Mallariza ou Pedra Malladiza.

Cabida: 1,95 ha parcialmente rasa, na zona norte aparece masa de Pinus pinaster adulto. Ó oeste monte bravo e rexenerado da mesma especie.

Lindes:

Norte: predios particulares, camiño vello de Trabanca a Cea e pista asfaltada separada por muro.

Sur: predios particulares muro por medio.

Leste: predios particulares e predios particulares muro por medio.

Oeste: predios particulares, polígono industrial.

Colindantes:

Norte: Manuel Bentosinos Aguya, Herdeiros Luis Mouriños

Sur: predio Golpelleira (herdeiros de Ballesteros).

Leste: predio Golpelleira (herdeiros de Ballesteros).

Oeste: polígono industrial, Manuel Bentosinos Aguya, Elisa Barreiro García.

Servidumes: atópase atravesada por camiño.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992 do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupación veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestions relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Á vista da documentación presentada pola entidade promotora do expediente e os informes emitidos polo Servicio de Montes cabe concluír:

Monte Bouza dos Abalos:

Obsérvase unha canteira de aproximadamente a metade da parcela; existe unha vivenda e un uso particular de residencia de varias familias xitanas; un depósito de augas.

Pola reducción da superficie, o tipo de ocupacións, e o feito de que non se puidese constatar ningún sinal de aproveitamento comunal, esta parcela non é susceptible de aproveitamento comunal.

Monte Penedo:

Parcela parcialmente rasa, con pinos de diversas clases de idade, susceptibles de aproveitamento forestal.

Segundo o informe do Servicio de Montes e I.F., non se pode constatar que houbese un uso comunal.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica

aplicación, o instructor propón e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Non clasificar como veciñais en man común os montes Bouza dos Abalos e Penedo por non quedar acreditado o seu aproveitamento veciñal.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de marzo de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra