Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 06 de maio de 2003 Páx. 5.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2003 pola que se convoca un curso de procedemento de outorgamento de licencias e concesións para persoal de Administración local.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2003, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de procedemento de outorgamento de licencias e concesións para persoal de Administración local, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Afondar nos coñecementos de outorgamentos de licencias e concesións.

Segunda.-Destinatarios.

Funcionarios de corporacións locais pertencentes ós grupos A, B e C ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 21 horas.

3.2. Lugar: Pontevedra

3.3. Datas: 16, 17, 18, 19, 23, 24 e 25 de xuño de 2003.

3.4. Horarios: de 17.00 a 20.00 horas.

3.5. Prazas: 25

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes rematá o día 31 de maio de 2003.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1991, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Oitava.-Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril, e correción, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 136/1997, do 5 de xuño, (DOG nº 114, do 16 de xuño), sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á comunidade autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios da Administación local con habilitación de carácter nacional, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,20 puntos.

Novena.-Contido.

As diferentes formas da actividade administrativa. A actividade de supervisión ou policía administrativa. Os principios reguladores da actividade de supervisión. As técnicas da actividade de supervisión: a regulamentación. Ordes, mandatos e prohibicións; outras formas de control preventivo. Estudio especial da autorización ou licencia. Concepto. Licencias e concesións, diferenciación. Clases. Características. Transmisións. Extinción. As licencias de apertura inocuas. Obxecto e procedemento de outorgamento. As licencias para actividades clasificadas. Obxecto e procedemento de outorgamento. Características especiais. As licencias para a apertura de locais ou o exercicio de atividades sometidas ó Regulamento xeral de policía de espectáculos público e actividades recreativas, aprobado por Real decreto 2816/1982. Obxecto e procedemento de outorgamento. Características especiais. As autorizacións puntuais. Outras autorizacións: ambientais; policía sanitaria mortuoria; intervención no

comercio; a venda ambulante; en materia de transportes. Estudio especial das licencias urbanísticas. As autorizacións sectoriais previas. As relacións entre as licencias de obras e aperturas. O outorgamento simultáneo. O uso do dominio público. Actos sometidos a licencias ou autorizacións e actos sometidos

a concesións: estacionamentos e ocupacións: precariedade de primeiro e segundo grao. En especial, as concesións demaniais locais. Concepto, características, procedemento de outorgamento, extinción. O dereito funerario. As formas de xestión dos servicios públicos. O contrato de concesión do servicio. Concepto, características. Diferencias entre concesión pura, contrato de servicios e concesión de obra pública. Os actos preparatorios da concesión de servicios: o anteproxecto de explotación e o regulamento de prestación do servicio. As relacións do xestor cos usuarios. Procedemento de adxudicación e formalización, criterios de admisión e adxudicación. A sucesión de empresa no eido da xestión indirecta do servicio. A concesión de obra pública. A execución do contrato de xestión de servicios. Relacións Administración e concesionario. Os poderes e facultades da Administración concedente. O principio de risco e ventura e o mantemento do equilibrio financeiro. A modificación do contrato. A

subcontratación. A extinción do contrato. A reversión das obras e instalacións.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública