Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2003 Páx. 5.582

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de abril de 2003 pola que se convoca un concurso público de méritos para a selección do profesorado bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas para as universidades de Barcelona, Bilbao, Birmingham, Braga, Faro, Heidelberg, Montevideo e Roma.

O Goberno galego, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, promociona o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas entre o público interesado non galego ou que vive no exterior. Este labor de difusión da cultura galega lévase a cabo a través de varias liñas de actuación, entre as que se atopa a creación de centros de estudio en colaboración con máis de corenta universidades. Os centros ofrecen estudios de lingua, literatura e cultura galegas a universitarios de fóra de Galicia. Cada centro de estudio establécese mediante un convenio de colaboración, que se asina entre a consellería e maila correspondente universidade.

Ante a posible carencia, dentro das propias universidades, de persoal cualificado para levar a cabo o labor de ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, prevese a existencia dun profesorado bolseiro que preste os seus servicios nas propias institucións docentes. Na procura deste profesorado, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colabora no proceso de selección e failles ás universidades as correspondentes propostas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase un concurso público de méritos para a selección de profesorado bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Barcelona (Universitat de Barcelona), Bilbao (Universidad de Deusto-Deustuko Unibertsitatea), Birmingham (The University of Birmingham), Braga (Universidade do Minho), Faro (Universidade do Algarve), Heidelberg (Ruprecht-Karls-Universität Heidelberg), Montevideo (Universidad de la República Oriental del Uruguay) e Roma (Università degli Studi di Roma La Sapienza).

Artigo 2º.-Suxeitos.

1. Poderán participar neste concurso as persoas que teñan a cidadanía española e sexan licenciadas en filoloxía galega ou nas subseccións de galego-portugués de filoloxía hispánica ou galaico-portuguesa de filoloxía románica. No caso dos funcionarios en servicio activo, terán que obte-la excedencia no seu posto de traballo para seren nomeados profesores bolseiros.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, están a exercer ou exerceron como profesorado bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas en anos académicos anteriores ó 2002-2003.

Artigo 3º.-Duración.

1. O nomeamento dos seleccionados como profesores bolseiros abranguerá desde o 1 de outubro de 2003 ata o 30 de setembro de 2004.

Este período inicial de actuación poderase ir renovando, sucesivamente, para un novo ano académico,

ata completar unha estadía máxima de cinco anos na institución universitaria, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras en canto á estadía do profesorado bolseiro.

2. Para cada unha desas renovacións anuais, o profesorado bolseiro deberá reunir, no penúltimo mes do correspondente ano académico, os seguintes requisitos:

-Presentar na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria-resumo do ano académico que remata, co visto e prace da universidade.

-Contar con informes favorables tanto da universidade como da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez resolto o concurso de acordo co establecido no artigo 10 desta orde, os profesores bolseiros só poderán desenvolve-la súa actividade nas universidades para as que foron seleccionados.

Artigo 4º.-Actividade.

O profesorado bolseiro encargarase da programación e da organización das necesarias actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas (non só na universidade, senón tamén dentro do seu ámbito de influencia), e impartirá a docencia desas materias. En todo caso, a súa dedicación académica e maila consideración dentro da universidade axustaranse á normativa da propia institución docente.

Artigo 5º.-Dotación económica.

1. A dotación correspondente á retribución do profesorado bolseiro, para levar a cabo as accións de docencia, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas especificadas nos convenios asinados coas universidades respectivas, financiarase con cargo ás partidas orzamentarias e polos importes (que son os determinados para o último trimestre do ano 2003 e están comprometidos no documento contable co número de referencia 2003/07/10744) que se detallan nas seguintes táboas:

Partida orzamentariaImporte

07.06.353E.770.0 3.305,73 euros

07.06.353E.780.214.574,45 euros

07.06.353E.790.011.268,72 euros

Partida orzamentariaImportePagamento da retribución

Barcelona07.06.353E.780.23.305,73 eurosPor parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
Bilbao07.06.353E.770.03.305,73 eurosPor parte da universidade que acolle o profesorado
Birmingham07.06.353E.790.03.756,24 eurosPor parte da universidade que acolle o profesorado
Braga07.06.353E.790.03.756,24 eurosPor parte da universidade que acolle o profesorado
Faro07.06.353E.780.23.756,24 eurosPor parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
Heidelberg07.06.353E.790.03.756,24 eurosPor parte da universidade que acolle o profesorado
Montevideo07.06.353E.780.23.756,24 eurosPor parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria
Roma07.06.353E.780.23.756,24 eurosPor parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

2. Nesa retribución considéranse incluídos tódolos conceptos.

3. Non obstante o disposto no artigo 6º.2 desta orde, o profesorado bolseiro presentará, antes do derradeiro pagamento, unha declaración comple

mentaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. O profesorado bolseiro queda obrigado a reintegrar, total ou parcialmente, o importe da retribución percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas nesta orde.

5. O profesorado bolseiro queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Política Lingüística, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Utilizarán o formulario de solicitude que figura como anexo I desta orde e achegarán cando menos a documentación recollida no mencionado anexo.

2. A maiores, as persoas interesadas presentarán, entre a documentación que acompañe a solicitude, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados, que terán un prazo de dez días para que emenden os erros ou as omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite ou deixaranse sen puntua-los méritos que non se xustifiquen debidamente, segundo corresponda.

Artigo 8º.-Órgano informante.

As solicitudes e a documentación acreditativa examinaraas e valoraraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Por parte de cada universidade, un membro (ou persoa na que delegue) da comisión de seguimento prevista no convenio asinado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de adxudicación.

Para levar a cabo o seu traballo, a comisión valorará os aspectos recollidos no anexo II desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Rematado o seu traballo, a comisión presentaralle un informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá e lle trasladará a proposta a cada unha das universidades. A aceptación por parte de cada universidade determinará a condición de profesorado bolseiro.

2. O prazo máximo para resolve-la convocatoria será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non resolverse a convocatoria neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

3. A resolución poralle fin á vía administrativa e notificaráselles ós solicitantes. Contra ela poderán interpor un recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º

A resolución prevista no artigo 10º desta orde estará condicionada ó asinamento previo dos convenios entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e cada unha das respectivas universidades.

Artigo 12º

A resolución prevista no artigo 10º desta orde poderá ser modificada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por alteración das condicións que se tiveron en conta para a selección do profesorado bolseiro, e en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. O acto polo que se acorde a modificación da resolución será dictado logo da instrucción do correspondente expediente no que se lles dará audiencia ás persoas interesadas.

Artigo 13º

Esta orde réxese polo establecido no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO