Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2003 Páx. 5.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de abril de 2003 pola que se outorga aprobación definitiva ó Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense.

O planeamento urbanístico vixente no municipio de Ourense é o Plan Xeral de Ordenación Urbana aprobado definitivamente en data 16 de setembro de 1986.

O Concello de Ourense formula un plan xeral de ordenación municipal e, terminada a súa fase de elaboración e, inmediatamente antes da súa aprobación inicial remite o expediente ó informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 21-1-2002, de conformidade co disposto polo artigo 41.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

O Pleno da Corporación, en sesión de data 14 de marzo de 2002 acordou a aprobación inicial do plan xeral, que posteriormente foi sometido a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia nº 62, do 1 de abril de 2002 e na prensa La Región do 1 de abril de 2002.

No expediente constan os informes sectoriais que se relacionan a continuación: da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia de data 7-4-2003, da Subdirección Xeral de Estradas desta consellería de data 25-4-2003, da Confederación Hidrográfica do Norte de data 23-1-2002, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de data 4-4-2003. Todos eles emitidos en sentido favorable coas condicións que se estimaron procedentes en relación cos ámbitos sectoriais das súas respectivas competencias.

No momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e ó abeiro da disposición transitoria terceira, o concello optou pola adaptación íntegra do contido do plan xeral á nova lei. Para estes efectos, o Pleno da Corporación, en sesión de 27 de marzo de 2003, acorda a aprobación provisional do plan xeral adaptado á nova lei, coas correccións propostas pola Comisión Municipal de Goberno, en sesión de data 13-3-2003, e remíteo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

O concello, a requirimento desta consellería, redacta un documento refundido no que se reflicte o contido do acordo plenario de referencia e remíteo para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na súa disposición transitoria terceira, establece que o planeamento aprobado inicialmente e en tramitación antes da entrada en vigor desta lei, poderá, durante, o prazo máximo de seis meses, continua-la súa tramitación ata a súa aprobación definitiva de acordo co disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia, sendo neste caso de aplicación o establecido na disposición transitoria primeira desta lei, ou adaptarse integramente á nova lei.

A citada disposición transitoria terceira sinala que a simple adaptación do contido do plan en tramitación, non implicará, por si só, a necesidade de sometelo a nova información pública, agás cando se pretendan introducir outras modificacións que alteren substancialmente a ordenación proxectada e non sexan consecuencia da adaptación, extremo que será obxecto de informe polo secretario municipal.

No expediente consta o informe do secretario municipal emitido con data 21-3-2003, no que se pronuncia expresamente pola innecesariedade de somete-lo plan adaptado a nova información pública.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación

urbanística e protección do medio rural de Galicia, vistos os informes que constan no expediente e singularmente o emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo en data 28 de abril de 2003

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ourense, coas condicións que se insiren como anexo desta orde, derivadas do informe da Dirección Xeral de Urbanismo de data 28 de abril de 2003.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ó da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO

Condicións derivadas do informe da Dirección

Xeral de Urbanismo do 28 de abril de 2003

1. O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ourense sometido a aprobación definitiva contén tódolos documentos referidos no artigo 61 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), e o seu contido axústase axeitadamente ás especificacións do artigo 61 da LOUG e 38 e seguintes do Regulamento de planeamento (estes últimos no que non contradín o contido da LOUG).

Non obstante detéctanse unha serie de deficiencias que cómpre corrixir:

a) Na ficha de características da área API-02-Pazo de Ramirás I, a cifra de edificabilidade queda expresada como 0,70 m/m, en lugar de 0,70 m/m, de acordo co contido do plan xeral de 1986 que se incorpora.

b) Igualmente e polo mesmo motivo, na ficha da API-03-Pazo de Ramirás II a superficie de cesión é 10.100 m, en lugar de 10.000 m.

c) Suprímense as fichas das áreas APE-01-Seixalbo e API-06-O, por non existir tales áreas nos planos de ordenación.

d) As fichas das áreas de reparto AR-46-E e AR-47-E deberán expresar solo urbano non consolidado na casiña clase de solo.

2. Contén axeitadamente tódalas determinacións de carácter xeral referidas nos artigos 52 e 53 da LOUG.

3. Establece axeitadamente as determinacións correspondentes a cada clase e categoría de solo, de acordo co disposto nos artigos 54 a 59 da LOUG, coas seguintes puntualizacións:

a) O contido do punto 4º do artigo 280 constitúe unha posible desnaturalización dos espacios destinados a parques públicos, polo que queda suprimido este punto.

b) A área delimitada en planos como APR-01-Seixalbo queda remitido a un plan especial de protección e de reforma interior, para o que se establecen os seguintes indicadores:

* Categoría de solo: urbano consolidado/non consolidado.

* Uso global: residencial.

* Tipoloxía edificatoria: vivenda unifamiliar.

* Altura máxima: B+1.

* Superficie edificable máxima: 0,62 m/m.

* Reserva mínima de solo para dotacións:

Equipamentos: 8.500 m.

Espacios libres: 9.200 m.

Aparcamentos: 2.950 m.

c) No artigo 323 da normativa (condicións de edificación en ordenanza de equipamento terciario), para aqueles casos nos que os planos de ordenación non especifiquen a altura das edificacións, serán de aplicación as condicións establecidas no artigo 284 da normativa.

d) De acordo co disposto no artigo 127.2º da LOUG, a determinación do sistema de actuación aplicable en cada polígono deberá incluírse no instrumento que conteña a ordenación detallada. En consecuencia, suprímense as referencias que ó sistema de actuación aplicable están incluídas nas fichas dos sectores de solo urbanizable delimitado e das áreas de planeamento remitido en solo urbano.

e) O ámbito denominado en planos de ordenación API-A3, do que non existe ficha no tomo correspondente, trátase do correspondente ó plan parcial do sector A3 do PXOU de 1986, que foi aprobado definitivamente o 27/1/1999, e que se incorpora a este plan xeral co réxime establecido para as API.

f) O PXOM non pode prever directamente actuacións urbanísticas integrais nos núcleos rurais, por exceder das determinacións previstas no artigo 56 da LOUG, ó tratarse dunha función que lle compete ós plan especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural, de acordo co disposto no artigo 72 da LOUG. En consecuencia quedan suprimidas as fichas das denominadas áreas de reparto en solo de núcleo rural, así como as correspondentes delimitacións e referencias dos planos de ordenación e da normativa (artigos 331.7º e 23).

g) Así mesmo, as delimitacións e determinacións establecidas para varias das áreas de reparto en solo de núcleo rural (AR NR 04 Cudeiro, AR NR 06 Cudeiro, AR NR 01 Reza e AR NR 03 Reza) correspóndense coa natureza propia do solo urbanizable, polo que a tales zonas correspóndelle a clasificación de solo urbanizable non delimitado.

h) Suprímese, por indeterminada, a referencia que o artigo 335.2º fai a edificacións ou instalacións de utilidade pública ou interese social. Os usos en solo de núcleo rural quedan suficientemente acoutados e definidos coas restantes determinacións ó respecto.

i) O contido do artigo 62.5º da normativa constitúe unha reserva de dispensación, contraria ó disposto no artigo 101.2º da LOUG, polo que se suprime.

j) De acordo co esixido polo artigo 16 da LOUG, no artigo 42 da normativa do PXOM (requisitos para a consideración de solar), engádeselle-lo seguinte: as condicións das obras de urbanización esixibles serán as detalladas no propio plan xeral no capítulo 1 do título III da súa normativa.

4. O PXOM xustifica suficientemente o cumprimento dos requisitos e indicadores de ordenación referidos nos artigos 46 a 49 da LOUG. Non obstante cómpre introduci-las seguintes correccións:

a) O sector de solo urbanizable 06-C supera o valor de edificabilidade establecido no artigo 46.4º da LOUG para sectores de uso terciario non contiguos ó solo urbano, polo que a edificabilidade deste sector queda fixada en 0,30 m/m.

b) Igualmente, para os sectores 5-Campo de Reza e 21-Cumial, non contiguos ó solo urbano, os límites de intensidade serán os establecidos polo artigo 46.4º da LOUG, isto é, 15 vivendas por hectárea e 0,30 m/m.

5. O PXOM establece a estratexia para o seu desenvolvemento e contén a avaliación do custo económico da execución das súas previsións, asignando as correspondentes cargas de financiamento. Para tal respecto cómpre indicar que:

a) Respecto das previsións de financiamento de actuacións no sistema xeral viario atribuídas á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, tal extremo queda condicionado ás recollidas no plan sectorial de infraestructuras viarias desta consellería.

b) En relación co punto anterior, e para garantir axeitadamente o desenvolvemento das previsións relativas ó vial de circunvalación este, a banda clasificada como solo rústico de especial protección de infraestructuras neste elemento queda establecido en toda a súa lonxitude coa mesma dimensión que a prevista polo PXOM no treito Velle-Ceboliño.