Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 29 de abril de 2003 Páx. 5.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2003 pola que se convocan unhas xornadas sobre a unificación europea do dereito de obrigas e contratos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2003 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre a unificación europea do dereito de obrigas e contratos, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A actual diversidade lexislativa na Unión Europea constitúe un serio obstáculo para o mercado interior porque eleva os custos de transacción, sobre todo para as pequenas empresas e os consumidores. Por iso, nos últimos dez anos apareceron diversas propostas de unificación, entre as que destaca o Código Europeo de Contratos publicado pola Academia de Pavía en 2001, dado o seu avanzado estado de elaboración, o interese científico do seu contido e a súa decidida opción por un texto legal obrigatorio e uniforme. De aquí que a finalidade destas xornadas sexa dar a coñecer esta iniciativa, proceder ó seu exame pormenorizado e, en fin, suscitar un debate sobre a oportunidade de unifica-lo dereito de obrigas e contratos en Europa.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Razón de ser, características e contido do Código Europeo de Contratos.

-Efectos e cumprimento do contrato.

-Réxime dos tratos preparatorios do contrato.

-Perfeccionamento e conclusión do contrato.

-Contido e interpretación do contrato.

-Inexecución do contrato e as súas consecuencias.

-Anomalías do contrato e os seus remedios.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse os días 20 e 21 de maio de 2003 no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, sito na praza Camilo José Cela, s/n, da citada cidade.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 16 de maio de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas

previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 19 de maio, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA