Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 25 de abril de 2003 Páx. 5.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 225/2003, do 11 de abril, polo que se crea o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo.

A Real orde do 14 de marzo de 1925 ordenou a constitución dos colexios oficiais rexionais de odontólogos.

O 16 de abril de 1999 os colexiados con exercicio na provincia de Lugo acordan promove-la segregación do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da 10ª Rexión para constituírse en colexio independente.

Na Asemblea Xeral Extraordinaria do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da 10ª Rexión que tivo lugar o 4 de novembro de 2000 aprobouse a segregación por maioría dos asistentes, presentándose a solicitude de creación do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo ante a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Tendo en conta a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias ás que se refire o real decreto citado; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do once de abril de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, por segregación do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da 10ª Rexión.

Artigo 2º

O ámbito territorial do colexio será o da provincia de Lugo.

Disposición transitoria

1. A asemblea xeral dos colexiados con exercicio na provincia de Lugo constituirá unha comisión xestora do novo colexio, que deberá aprobar no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, nos que se regulará a asemblea colexial constituínte, coa previsión da forma da convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión de Galicia, e do procedemento do desenvolvemento dela.

2. A asemblea colexial constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

3. Os estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro de colexios profesionais.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Laias-Cenlle (Ourense), once de abril de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local